Entrevista | Marina G. Canedo Creadora de contido político e divulgadora
«É normal que a xente queira ser influencer se ao que máis tempo lle dedica é ás redes sociais»
A activista e divulgadora dixital reflexiona sobre o que significa estar conectados hoxe en día e que supón para a mocidade
«Na nosa xeración crecimos con Internet sen ter a ninguén maior que nos ensinara como era»

Marina G. Canedo, creadora de contido político, no Carballo Interplay 2026. / Aigi Boga
Marina G. Canedo (Ares, 1997) é creadora de contido político; traballa no deseño de estratexias dixitais para organizacións e partidos políticos. Nos últimos tempos tamén imparte formacións para diferentes colectivos sobre cultura dixital e Internet.
O pasado mes de abril atopouse por primeira vez co reto de dirixirse ao público adolescente, con motivo da celebración do festival Carballo Interplay. O seu coloquio titulouse Radicalmente online- activismo en redes sociais. Falamos con ela sobre que significa estar "radicalmente" en liña hoxe en día.
-Na túa intervención no Carballo Interplay falas de que internet era «multicolor» e agora, «gris e homoxéneo». Pero antes tampouco coñeciamos moitos dos seus riscos. Podemos estar caendo nunha romantización do pasado?
-Non sei se é romantización ou simplemente entender que é distinto. Agora pasamos case unha semana laboral enteira na nosa pantalla e as dinámicas cambiaron. Internet era un espazo máis libre, sen anuncios constantes. Por exemplo, cando empezamos a usar Youtube, os youtubers non facían publicidade. Hoxe é un espazo claramente comercializado. Se non che gusta o capitalismo, non che gustará este internet.
-E antes accediamos desde un ordenador que había na casa. Decidiamos cando a conexión comezaba e cando remataba.
-Levamos Internet enriba todo o tempo, mesmo dentro da casa coa domótica, pasando por pagar no supermercado, porque xa temos ata a tarxeta no móbil. Todo é dixital agora e iso cambia completamente como nos relacionamos con nós mesmos. Todo está mediado por pantallas ou interfaces.
-Defendes que o “personal branding”, converternos na nosa propia marca persoal en redes sociais, lévanos a ser demasiado autoconscientes. Pode ser unha forma de autocensura?
-No momento no que queres mostrar sempre a mellor parte de ti xa estás reproducindo un xuízo implícito sobre o que mola de ti e o que non. A xente pasa anos en terapia tratando de calar ese xuíz interno, pero o personal branding dálle voz e voto. E ves o resultado: igual se ensino certa parte de min consigo éxito ou non en redes sociais. É como un escaparate constante.

A experta ofreceu á mocidade diversos consellos sobre como estar "mellor" na rede. / Aigi Boga
-A xornalista Mar Manrique di no seu libro Un trabajo soñado que a xeración Z medrou en redes sociais cun hipotético e futuro reclutador de recursos humanos en mente. A mocidade actual pensa nisto á hora de publicar?
-Non creo que a reacción de non querer publicar nada que dure máis de 24 horas sexa por un posible futuro laboral. Creo que pesa máis o medo a provocar unha gran reacción de odio. Os propios rapaces dicíanme o outro día que non se abren unha canle en Youtube sobre gaming porque non queren que lles fagan bullying. Antes non existía ese escrutinio constante e público.
-Ser meros espectadores na rede dálle máis espazo a ese modelo de Internet comercializado que dicías?
-Creo que non hai unha resposta de si ou non. Estar en redes é bo ou é malo? Pois hai cousas que son inevitables. O mundo dixital é tamén un espazo de experimentación. O que remarcabamos na charla do Carballo Interplay era como podemos utilizar Internet para nós mesmos, non para os 'outros'.
-Precisamente alí afirmabas que renuncias a educar aos rapaces para que estean offline. Por que?
-Ao igual que eu teño os meus espazos fóra da rede, eles teñen que atopar o seu, pero iso non quere dicir que teñan que renunciar ao online constantemente. Dicir 'sal a fóra e toca herba' reduce moito a problemática e ademais, é imposible. Todas as nosas relacións están mediadas pola pantalla.
Dicir 'sal fóra e toca herba' reduce moito a problemática e ademais, é imposible
-Neste sentido, que valoración fas da prohibición de acceso a redes sociais para menores de 16 anos que quere impulsar o Goberno de España?
-Non podo opinar sobre a norma en si mesma porque non a coñezo de forma pormenorizada. O que si podo dicir é que cando nós eramos pequenos, Tuenti e Facebook xa estaban restrinxidos a maiores de 14... As normas sáltanse. As medidas prohibitivas teñen que ir acompañadas de módulos educativos ou outros recursos. Moitas veces a lexislación cambia a sociedade e viceversa, como pasou co tabaco. Se a norma só romantiza o mundo offline caeremos en pensar que sen as redes todo é mellor, e tampouco é así. O que hai que facer é ensinarlle aos nenos a usalas ben. Usalas ou ben para conectar ou para desconectar, pero non para ambas cousas, porque senón, non saes nunca da pantalla.
-Sobre o do bo uso, un dos teus consellos é desactivar o algoritmo de Instagram, non?
-Si, é unha opción que está aí. É unha maneira de volver a consumir Internet sen tantas recomendacións. Obviamente, as plataformas son moi listas e non te deixan poñelo así por defecto porque non lles compensa; tes que activalo cada vez que entras na aplicación.
-Outra das túas recomendacións é usar canles privadas na rede, como Telegram. Como poden atopar estes espazos os rapaces e rapazas?
-Creo que temos moi mala imaxe das canles privadas, pero moitas veces estás máis protexido alí que noutros sitios de Internet. Moitos rapaces úsannas xa; especialmente en comunidades de videoxogos emprégase moito Discord, por exemplo. Habitualmente asóciase o mundo gamer cos incels, pero fan certas cousas moi ben. Hai moito que aprender da súa capacidade de crear alianzas e comunidade.
-Sempre lle repetimos aos adolescentes a importancia de ter unha mirada crítica coas redes sociais. Pero en que lugar quedan os adultos... Tamén teñen moito por aprender.
-A xente maior moitas veces pensa que non ten nada que aprender. Na nosa xeración crecimos con Internet sen ter a ninguén maior que nos ensinara como era. Normalmente, a formación máis ética vai cara abaixo e as máis técnicas, como as clases de informática de como usar Word, cara arriba. Eu estou disposta a levar a divulgación onde faga falta.
Temos normalizado que un influencer che diga "dame like ao vídeo porque me teño que pagar unha casa". Estamos esquecendo que son os anuncios e para que sirven, e estas persoas son pancartas
-Gardei esta frase que dixeches en Carballo:«A política xa non se vende como política, disfrázase de lifestyle».
-Confundimos falar de política con falar de políticos. Hai xente que está farta de falar diso e é comprensible, pero non deixa de comprar discursos políticos disfrazados de modos de vida. O exemplo clásico é o da persoa en redes que se levanta ás cinco da mañá e por iso lle vai ben e a ti non. Iso é discurso da meritocracia puro e duro. Temos normalizado que un influencer che diga "dame like ao vídeo porque me teño que pagar unha casa". E a xente faino. Cando o Rubius subiu a súa primeira publicidade a Youtube botóuselle todo o mundo enriba; agora aos influencers aplaudímoslles. Estamos esquecendo que son os anuncios e para que sirven, e estas persoas son pancartas.
-O 21,3% da mocidade cre que podería converterse en influencer a medio prazo, e un 7,8% asegura que xa está a dedicar tempo ou cartos para intentalo, segundo o estudo INFANCIA DIGITAL de UNICEF, a Universidade de Santiago de Compostela, Red.es e o Colexio Oficial de Enxeñaría en Informática de Galicia. Que consecuencias cres que terá esta tendencia?
-Creo que é unha profesión como cando querías ser futbolista ou actor de pequeno. Viaxas moito, gañas moitos cartos e tes unha boa vida. Esas vocacións que van ligadas a un certo talento descártaas co tempo, pero é normal que a xente queira ser influencer se ao que máis tempo lle dedica é ás redes sociais. Iso si, non creo que sexa sostible para todos: se todo o mundo ensina cousas pero ninguén compra...
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Comienza la invasión militar en Vigo: el Ejército comienza a instalar el campamento en As Travesas
- Un furancho de Redondela, multado con 45.000 euros por no dar de alta a sus trabajadores