Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CIENCIA PARA O DÍA A DÍA

Vocacións ‘sementadas’ no campo

Da súa infancia entre cultivos nace unha carreira centrada na mellora do millo e na adaptación ao cambio climático

Pedro Revilla.

Pedro Revilla. / FdV

CSIC

Vigo

«Cando eu ía a escola...»

...Cando eu ía a escola, gustaba moito das ciencias da natureza e, nas vacacións, traballaba cos meus pais,que eran labradores e cultivabamos trigo, cebada, centeo e outras plantas, ademais de criar porcos, galiñas, coellos e outros animais.

«O meu camiño na ciencia»

Cando iamos segar o trigo e a cebada, decateime de que había variedades novas que producían moito máis ca as vellas; así que lle preguntei a meu pai de onde saíran esas variedades e díxome que había científicos que facían esas cousas. Para ser un deses científicos, estudei Bioloxía, fixen un máster e a tese de doutoramento, e

pasei dous anos aprendendo en Wisconsin (EE. UU.) antes de conseguir unha praza de científico

O meu agasallo: unha curiosidade

Despois de dedicar uns anos a investigar a mellora do millo para a tolerancia ao frío, á seca e á calor, poño a disposición doutras persoas a miña experiencia e coñecemento para axudar a quen queira realizar un traballo tan interesante e importante. Propoño proxectos dentro e fóra de Europa para conseguir variedades de millo que poidan ser cultivadas en condicións climáticas adversas, co obxectivo de facer fronte ao cambio climático. Agora estou a coordinar unha asociación de científicos que xestionan coleccións de variedades de plantas e animais da terra e da auga para organizar a conservación da biodiversidade en España. É necesario que todo o mundo entenda que hai que esforzarse por conservar este planeta e os seres vivos que nel habitan para que as persoas poidan seguir tendo alimento e outros recursos.

As aulas preguntan. O CSIC responde

Alumnos do Colexio  Sagrado Corazón de  Xesús.

Alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Xesús. / FdV

Que é o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e que se fai alí?

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) é o maior organismo público de investigación de España e un dos máis importantes de Europa. Trátase dunha axencia estatal dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, cunha misión clara: fomentar, coordinar, desenvolver e promover a investigación científica e tecnolóxica en beneficio do avance do coñecemento e do progreso económico, social e cultural.

Como é un día normal no teu traballo como científico no CSIC?

Normalmente chego ao traballo ás 7:30, reviso o correo electrónico e respondo ás mensaxes máis importantes e urxentes. Despois fago as miñas tarefas programadas, xa sexa traballo administrativo, experimentos, reunións ou o que sexa que xurda e marcho cando termino.

Ti investigas o millo, por que é tan importante estudar esta planta?

O millo é un dos principais cultivos mundiais e pódese cultivar en todo o mundo, desde os Andes ata o nivel do mar e desde o Círculo Polar Ártico ata o Ecuador. É un alimento básico para os animais e utilízase para alimento humano en moitos países, especialmente en América e África. Ademais, é unha planta modelo utilizada na investigación xenética e na mellora vexetal.

Que significa mellorar o millo? Facédelo máis grande, máis forte ou máis resistente?

Mellorar o millo significa obter novas variedades con mais rendemento, resistencia a pragas e enfermidades, tolerancia á seca, ao frío ou á calor, ou que teñan unha mellor calidade ou valor nutricional. Isto pódese facer mediante a selección das mellores plantas, como sempre fixeron os agricultores, ou mediante métodos científicos máis avanzados, como a edición xenética.

Como axuda o teu traballo aos agricultores e ás persoas?

O meu traballo é descubrir que temos que facer para seguir producindo máis alimentos mesmo se o clima empeora parra que teñan alimentos sempre. Tamén nos centramos en producir variedades de maior calidade ou máis saudables, que aumentan o seu valor e proporcionan maiores beneficios aos agricultores.

É difícil traballar como científico? Que é o máis complicado do teu traballo?

É doado traballar como científico, aínda que facer grandes descubrimentos non é tan doado. A parte máis difícil do meu traballo é conseguir financiamento para poder traballar cos recursos necesarios.

Que é o máis divertido ou interesante de investigar no CSIC?

O máis divertido e interesante de traballar no CSIC é que podo dedicarme a investigar o que máis me gusta, sempre que sexa capaz de obter os recursos necesarios para facelo e teña resultados que demostren que o que fago é útil.

Ten o teu traballo relación co cambio climático? Como axudades desde o CSIC?

O meu traballo está relacionado co cambio climático porque investigo como manter a produción sostible de alimentos mellorando a resiliencia do millo aos estreses asociados ao cambio climático, principalmente as temperaturas extremas e a seca. Hai moitas outras persoas que traballan en temas semellantes no CSIC

Traballas só ou con outros científicos? Como é traballar en equipo?

Traballamos en equipo e mesmo con científicos de outros países porque cada un de nós está especializado en determinadas áreas, como a xenética, a fisioloxía, a bioquímica, a estatística, etc. O traballo en equipo é moito máis eficiente que traballar individualmente porque nos permite recorrer a moitos campos científicos diferentes.

Algunha vez un experimento non saíu ben? Que fixeches nese momento?

É doado que un experimento non saia do todo ben, ou mesmo que saia mal; entón analizamos o que fallou e como podemos corrixir o que fallou para a próxima vez.

Onde traballas exactamente: no laboratorio, no campo ou nos dous sitios?

Traballo no meu despacho cun ordenador, en varios laboratorios, en cámaras de crecemento, en invernadoiros e no campo.

Que che gustaría descubrir no futuro coas túas investigacións?

Gustaríame descubrir os xenes ou mecanismos necesarios para que o millo se cultive no inverno e resista temperaturas extremas.

Cres que calquera neno ou nena pode chegar a ser científico/a? Que tería que facer?

Calquera pode converterse en científico se é capaz de completar un grao universitario. Despois, necesita aprender a realizar investigacións facendo unha tese doutoral e estar moi motivado para ter éxito.

Se puideses dar un consello ao alumnado do noso cole, cal sería?

Cada persoa necesita pensar no que quere facer coa súa vida, aprender o que é necesario para acadar os seus obxectivos e traballar arreo para conseguilos. A preparación é crucial para aproveitar as oportunidades e tamén é importante saber aceptar o que veña.

Divulgación

Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

Tracking Pixel Contents