Paula Carballeira, escritora: «O medo líganos co máis esencial do ser humano»
A autora de ‘Sombras na Noite’ reflexiona sobre o valor do medo, a literatura e a importancia de ler dende a infancia

Paula Carballeira. / FdV
Para conmemorar o mes do libro, nada mellor que achegarse á obra dunha das voces máis destacadas da literatura infantil e xuvenil galega: Paula Carballeira. Escritora, contadora, poeta e dramaturga, converteuse nunha das autoras máis salientables tanto pola súa capacidade de emocionar como pola súa particular maneira de abordar temas como o medo, a memoria ou a violencia.
O seu último traballo, Sombras na noite, publicado por Editorial Triqueta e ilustrado por Iván R, mergúllanos nun relato de misterio ambientado nunha aldea marcada por unha antiga lenda. A través da historia de Lucía, e das voces de tres mulleres, a autora constrúe un conto xuvenil de terror no que o medo non desaparece coa morte, senón que permanece, silencioso, nas sombras.
Que ten o medo que o fai tan atractivo para contar historias?
Para min é unha emoción que nos liga moito coas cousas transcendentes. Sempre está presente e conéctanos cos misterios e con ese terreo entre realidade e ficción que é tan interesante para a literatura. Ademais, únanos co máis esencial do ser humano. Interésame moito dar forma a algo tan abstracto como o medo a través da literatura, porque permite conectar con persoas de diferentes idades.
Escribes medo para público infantil e xuvenil… hai límites á hora de dar medo ás persoas máis novas?
Si que creo que hai que ter en conta a imaxinación, porque canto máis novas son as persoas, máis desatada está. Entón, paréceme moi interesante dar pautas para que despois as persoas enchan os ocos, pero tamén hai que ter en conta que, canto menos experiencia de vida teñan, non deixar cousas demasiado misteriosas ou complicadas, senón darlles pautas para que vaian construíndo desde a súa experiencia. Creo que se pode falar de todo en todas as idades, pero de diferente maneira.
Cres que ler historias de medo pode axudar a superar os propios medos?
Si, totalmente. No momento en que os nenos e nenas exteriorizan os seus medos, xa están dando un paso adiante. O peor é gardalo todo e non saber como afrontalo. Compartilo, mesmo a través das historias de medo, fai que ese medo se volva un pouco máis pequeno.
Segues tendo medo hoxe en día? A que?
Si, teño moitísimos medos porque hai moitas cousas que non me explico. Mesmo á miña idade sigo sen entender determinadas reaccións humanas que me dan moito medo, como a situación mundial actual. Ademais, hai outros medos relacionados con cousas que non sei explicar e que acontecen.
Como naceu a idea desta historia?
Xurdiu da editora, que me pediu escribir algo relacionado con Galicia e con temas de medo, que sabía que me gustaban. A partir de aí ocorréuseme unha historia que eu xa contaba de forma oral e dinlle forma para convertela en libro. Despois, Iván decidiu traballar o texto desde a parte visual, coas ilustracións e a maquetación, e foi un luxo.
Que che gustaría que se levasen as lectoras e lectores despois de ler Sombras na noite?
Sei que é un tópico, pero non creo que teñamos que dar respostas, senón crear curiosidades. A miña intención é espertar curiosidade sobre o que nos rodea, sobre as persoas e sobre as historias que nos envolven.
Que che levou a comezar a escribir?
Levoume ler. Ler aportoume moitísimo e sentín a necesidade de corresponder a todo o que me daba a lectura, de aportar algo eu tamén.
Que lle dirías a alguén que non ten o hábito de ler para animalo a empezar?
Diríalle que a lectura permite aportar o teu propio punto de vista e explorar a creatividade. Só con ler un libro podes crear un mundo propio, moito máis rico ca o dunha película, porque o creas ti. Que o probe, aínda que ao principio requira esforzo, como todas as cousas que pagan a pena.
Por que cres que é importante ler, sobre todo cando somos novos?
Porque a lectura require un esforzo de imaxinación que non ofrecen as pantallas. Se todo che vén dado, non desenvolves a capacidade de crear imaxes propias. Ler axuda a desenvolver a creatividade e a maneira de estar no mundo.
- Hallan muerta a la artista viguesa Seila Esencia tras dos semanas desaparecida
- Una familia británica ofrece casi 69.000 euros al año por cuidar de su perro y vivir en su finca
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Consternación en Cuntis y Vilagarcía por la muerte del profesor Enrique Portela a los 37 años
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Vende 4 pisos en 2022 y exige que se los devuelvan porque ahora son más caros
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»