Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Soñar nun mundo de homes

Carla Abad relata o seu camiño nun ámbito dominado por homes e reflexiona sobre os límites que aínda condicionan ás rapazas para elexir o seu camiño profesional

Carla Abad Alonso.

Carla Abad Alonso. / FdV

Vigo

Carla Abad sempre di que «soñar é gratis». É unha expresión que pronuncia medio en broma e medio en serio, pero que encerra unha idea clara: todo comeza permitíndose imaxinar quen queres ser.

Hoxe é vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán, adestradora da Selección Galega cadete masculina, coordinadora da sección feminina do Club Balonmán S.A.R. de Redondela e delegada da Selección Española Junior Masculina. Pero non sempre «soñou» con iso. «Non había moitos referentes femininos no mundo do deporte e creo que daquela non se me pasaba pola cabeza poder ser adestradora», lembra. O que si tiña claro era que o deporte formaba parte da súa vida: practicaba todo tipo de disciplinas e, co tempo, foi descubrindo que o que realmente lle atraía era compartir esa paixón cos demais.

Pero, unha vez que ese soño empezou a tomar forma, Abad tamén tivo que enfrontarse a momentos nos que foi cuestionada. Xa durante a súa etapa como xogadora lembra como algunhas persoas restaban importancia ao que facían. «Algunha mestra que non lle daba valor ao que facíamos, representar a Galicia en Campionatos de España, quedar campioas galegas co club e xogar un sector nacional, intentaba que esa paixón diminuíra ou falaba cos meus pais para que non xogara e me centrara nos estudos», relata.

«Dende pequenas continuamente estamos cuestionando cada acción que fan as nenas no seu día a día»

Carla Abad Alonso

— Vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán

Esas dúbidas reapareceron tamén na súa etapa como adestradora, especialmente cando decidiu asumir un reto pouco habitual para unha muller: dirixir unha selección masculina. «Foron momentos moi duros, sentinme moi cuestionada e parecía que tiña que demostrar moito máis ca eles tendo a mesma preparación», asegura.

A pesar diso, tamén destaca o apoio recibido e a motivación de abrir camiño: «Ese apoio e tamén o propio reto de ser das primeiras adestradoras que collían unha selección masculina a nivel nacional foi o que me fixo non mirar atrás e continuar traballando».

Do mesmo xeito que lle sucedeu a Abad, esas presións non aparecen de súpeto na vida adulta, senón que comezan moito antes. «Dende pequenas continuamente estamos cuestionando cada acción que fan as nenas no seu día a día», reflexiona. Ese cuestionamento constante fai que, moitas veces, «sempre parece que teñen que demostrar que están capacitadas para facer as cousas».

«Empezamos a ver polos campos máis mulleres adestradoras en categorías femininas e tamén algunhas que se atreven a adestrar equipos masculinos tanto a nivel galego como nacional»

Carla Abad Alonso

— Coordinadora da sección feminina do Club Balonmán S.A.R. de Redondela

Ademais, moitos destes condicionantes están ligados á forma na que a sociedade educa ás rapazas. «Moitos dos comentarios que condicionan as rapazas dende pequenas están vencellados coa súa aparencia física e tamén polas expectativas de comportamento que temos sobre elas», afirma. Ese problema, explica, acaba deixando pegada: «Considero que todos estes comentarios ou expectativas modifican o comportamento e os pensamentos delas».

Aínda que a situación comeza a cambiar pouco a pouco, Abad lembra que a presenza feminina segue sendo minoritaria en moitos ámbitos do deporte. «Empezamos a ver polos campos máis mulleres adestradoras en categorías femininas e tamén algunhas que se atreven a adestrar equipos masculinos tanto a nivel galego como nacional», explica. Algo que, di, «era impensable fai uns anos» e que hoxe considera «moi gratificante e emocionante».

Con todo, a desigualdade segue sendo evidente noutros espazos. «Nas federacións deportivas e nos clubs seguen faltando mulleres en postos directivos», sinala, e lembra que «entre o 80% e o 90% dos postos seguen estando ocupados por homes». Por iso, poder traballar naquilo que lle apaixona dá sentido a todos os esforzos. «Considero que teño moita sorte por poder seguir traballando na miña paixón. Fai que todo o traballo que levei a cabo e que todos os obstáculos que tiven que esquivar teñan sentido e valeran a pena», afirma.

«Que cada unha sexa o que queira ser e que non se deixe influenciar pola xente que lle di que non vai poder»

Daniela Míguez Oliveira

— xogadora cadete do SAR e da selección galega de balonmán

Referentes como Abad abren camiño a outras rapazas que comezan a soñar co seu propio futuro no deporte. É o caso de Daniela Míguez Oliveira, xogadora cadete do SAR e da selección galega de balonmán. Para Daniela, o apoio do seu entorno tamén é clave: «Os meus pais son as persoas que sempre me apoian e me animan cada día, son como os meus referentes a seguir». E, lembra, o importante é non deixar que outros decidan polos teus soños: «Que cada unha sexa o que queira ser e que non se deixe influenciar pola xente que lle di que non vai poder».

A súa historia é tamén a de moitas nenas que comezan a imaxinar quen queren ser. Porque, como di Carla, todo comeza con algo tan sinxelo como permitirse soñar. «Se non nos permitimos nin soñar é imposible chegar a acadar cousas importantes», conclúe.

Tracking Pixel Contents