Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

OPINIÓN

Quen creou o discurso antifeminista?

A educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda Pérez reflexiona para FARO sobre o descenso da identificación co feminismo entre a mocidade e sinala a responsabilidade do mundo adulto na creación e difusión dos discursos antifeministas

Manifestación 8M en Vigo.

Manifestación 8M en Vigo. / Europa Press

Lucía Pereda Pérez

Vigo

O Barómetro Xuventude e Xénero 2025 da FAD confirma algo que moitas educadoras sociais levamos tempo observando nas aulas: cada vez menos xoves se identifican co feminismo, pasando do 49,9% en 2021 ao 38,4% en 2025. Os titulares multiplícanse: «a xuventude abandona o feminismo», «retroceso entre os mozos e mozas»…

E, unha vez máis, poñenmos o foco sobre eles e elas. Pero eu pregunto: quen creou o discurso negacionista da violencia machista? Foron os rapaces de 15 anos? Quen está nos parlamentos rexeitando as políticas de igualdade? Son as rapazas de secundaria? Quen produce contidos masivos en redes defendendo que o feminismo é manipulación política? Son os adolescentes que teñen Instagram dende hai dous anos? A resposta é non. O mundo adulto creou estes discursos e agora responsabilizamos á adolescencia de reproducir aquilo que nós construímos.

Manifestación 8M en Vigo 2026.

Manifestación 8M en Vigo 2026. / Europa Press

Traballar en institutos impartindo obradoiros desde a perspectiva feminista permíteme escoitar cada día o que pensa e sente o alumnado. E si, hai unha parte que manifesta discursos antifeministas nas aulas, pero non os inventaron eles. Eses discursos veñen da aparición de partidos de extrema dereita que fan bandeira da loita contra o feminismo, de influencers adultos que venden que son os homes os verdadeiros discriminados, de medios que debaten se «o feminismo foi demasiado lonxe».

E, malia todo, seguimos facendo o mesmo: cada vez que se publica un informe sobre actitudes machistas ou retrocesos en igualdade, o titular repítese: «os xoves», «a nova xeración», como se fosen culpables e vivisen nunha burbulla allea ao mundo adulto.

Estamos ante unha xeración exposta a mensaxes profundamente machistas que nós emitimos constantemente. E non os culpo. Cando dicirse feminista implica arriscarse a ser etiquetada como «adoutrinada», «radical» ou «anti-homes», canto valor fai falta para sostelo públicamente cando o grupo de iguais é o teu universo emocional enteiro?

Manifestación 8M.

Manifestación 8M. / Europa Press

Non creo que esteamos ante un retroceso irrecuperable, senón ante un espello incómodo do que facemos como sociedade. Non son os adolescentes quen se sentan nas tertulias a negar a violencia de xénero, nin as adolescentes quen escriben columnas contra as leis de igualdade, nin quen ten poder político, mediático ou económico para instalar narrativas no imaxinario colectivo. A adolescencia reproduce o que o mundo adulto produce. Se queremos que iso cambie, temos que comezar por responsabilizarnos nós. Cómpre preguntarnos: que fixemos para que rexeiten un movemento que defende os seus propios dereitos? Que mensaxes lles mandamos cada vez que normalizamos o negacionismo, damos espazo ao odio ou permitimos que se ridiculice o feminismo sen consecuencias?

«A adolescencia reproduce o que o mundo adulto produce»

Como educadora social e axente de igualdade, sei que o reto é enorme e pasa por reconstruír a confianza no feminismo como ferramenta de transformación social: máis coeducación e espazos de diálogo seguros, menos discursos simplistas e menos bulos. Pero, sobre todo, que o mundo adulto asuma a súa parte de responsabilidade. Porque non podemos pedir á adolescencia que sexa máis feminista ca nós nin que resista discursos que nós lexitimamos. Debemos mirarnos e preguntarnos que estamos a facer mal. Mentres culpabilicemos a adolescencia dos discursos que creamos, o retroceso afondará, e non lles corresponde a eles e elas reparar un problema que non xeraron.

A responsabilidade é nosa. E tamén o é a solución.

Tracking Pixel Contents