Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CIENCIA PARA O DÍA A DÍA

Viaxar no espazo e no tempo sen saír da Terra

O investigador especializado en Arqueoloxía Manuel Antonio Franco traballa no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) explorando o pasado da humanidade a través de xacementos

O investigador Manuel Antonio Franco.

O investigador Manuel Antonio Franco. / CSIC

CSIC*

«Cando eu ía a escola...»

...quería ser astronauta e viaxar polo universo visitando outros mundos. Aínda hoxe me gustaría. Non tardei moito en darme conta de que sería complicado xa que, entre outras circunstancias, a ciencia que poderá permitir iso está en cueiros e coma moito, no tempo que me tocou, os humanos e humanas chegarán a Marte. Tamén me din de conta de que na Terra había maneiras máis doadas de viaxar a outros mundos e culturas e, co paso dos ciclos educativos, decidín estudar Historia, rama de coñecemento que me apaixoaba.

«O meu camiño na ciencia»

Especialiceime en Arqueoloxía, se cadra porque lembraba cando a mediados dos 80 viñeran arqueólogos da Universidade de Santiago a documentar o petróglifo da Morosa do Paso, que está a 100 metros de onde nacín, Serres, no Concello de Muros. Os meus amigos e eu dedicámonos unha tempada a facer os nosos propios petróglifos empregando martelos e ciceles. Faciamos coviñas, círculos e outros trazos nas laces e despois botabámoslle auga e contemplabamos como discorría polos sucos gravados no granito.

O meu agasallo: unha curiosidade

A arqueoloxía é unha forma de viaxar no tempo. Os restos que atopamos nos xacementos dannos pistas para coñecer culturas que ás veces non deixaron outro tipo de información. Tamén é unha maneira de viaxar no espazo, pero sen saír do planeta. A min permitiume ir a lugares aos que nunca tería ido: castros e mámoas en Galicia, culturas prehispánicas en Centroamérica, foxas de represaliados da Guerra Civil española ou pobos nómadas do Corno de África que comerciaban co Imperio Romano.

As aulas preguntan. O CSIC responde

Esta vez foi o alumnado de 1º de Primaria do Colexio Andersen quen exerceu de xornalistas trasladando as súas preguntas a Manuel Antonio Franco.

A rapazada preparando as súas preguntas.

A rapazada preparando as súas preguntas para o investigador. / FdV

Se hoxe puideses cumprir o teu soño de ser astronauta, deixarías a arqueoloxía?

Nestes momentos, aínda que puidese viaxar polo espazo, non creo que deixara a arqueoloxía. A familia exerce máis atracción que un burato negro.

En que se parecen explorar o universo e escavar un xacemento arqueolóxico?

Parécese un pouco en que canto máis coñecemos do obxecto de estudo, máis nos coñecemos a nós. No caso do universo vemos de onde vimos no caso dun xacemento, como somos.

—Cres que a curiosidade é máis importante que a intelixencia para dedicarse á ciencia?

As dúas son importantes para dedicarse á ciencia ou ao que sexa. Tamén creo que van da man: unha persoa curiosa soe ser intelixente, e viceversa.

—A arqueoloxía é máis aventura ou máis paciencia?

Eu como aventura nunca a vin. A paciencia é necesaria, coma para tantas outras cousas.

—Que responsabilidade ética ten un arqueólogo cando traballa con restos humanos, como nas foxas da Guerra Civil?

En calquera contexto, a responsabilidade é facer o mellor traballo arqueolóxico posible, haxa restos humanos ou non. Máis alá do arqueolóxico, no caso dos restos de persoas executadas na Guerra Civil o «responsable» sería averiguar os seus nomes e apelidos, coñecer as circunstancias e ós «responsables» das mortes, avisar a familiares e descendentes, e divulgar as barbaridades cometidas. Todo desde as institucións públicas.

—Que aprendizaxe vital che deu a arqueoloxía máis alá do ámbito profesional?

Que temos que ser cautos antes de xulgar nada, máis se non temos información sobre o tema.

—Que descubrimento che impactou máis a nivel emocional?

Ver restos de persoas amoreadas, mesturados uns cos outros, algúns ca parte de atrás do cranio perforado por balas de pequeno calibre e outros cos arames nos pulsos a modo de esposas.

—Que significa para ti «viaxar no tempo»sen saír da Terra?

Di un amigo que o paletín que usamos os arqueólogos é unha máquina do tempo, co que a medida que escavamos sacamos á luz restos cada vez máis antigos. Por exemplo, nun solar en Vigo comezamos en momentos actuais e, segundo baixamos no terreo, imos da época contemporánea á moderna, pasamos pola medieval, chegamos á romana e pode que incluso a momentos anteriores. A iso me refiro cando falo de viaxar no tempo sen sair da Terra.

—Se puideses «viaxar no tempo» a unha época concreta, cal sería e por que?

Escollería algún momento futuro. Gustariame saber ata onde vai chegar o ser humano.

Divulgación

Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

Tracking Pixel Contents