Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Paula Rivas, investigadora e divulgadora científica: «É importante transmitir emoción cando se explica ciencia»

A autora achega ao público máis novo A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano, unha aventura que combina ficción e divulgación para descubrir os segredos do cerebro e espertar a curiosidade pola ciencia

Paula Rivas.

Paula Rivas. / Cedida

Vigo

Aínda que a súa traxectoria profesional está ligada ao mundo da ciencia e da investigación, Paula Rivas Ramírez (Redondela, 1984) atopou na literatura infantil un espazo natural no que unir coñecemento e creatividade. Doutora en Neurociencias pola Universidade de Vigo, traballou como investigadora en centros internacionais de prestixio como o IOCB e o IEM en Praga ou a Universidade da Sorbona en París. Na actualidade compaxina a investigación e a docencia coa divulgación científica.

Coa súa primeira obra dirixida ao público máis novo, A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano, propón unha aventura a medio camiño entre a ficción e a divulgación. Publicado por Xerais, o libro convida a descubrir o funcionamento do cerebro e do sistema nervioso a través dunha historia chea de curiosidade, referentes científicos e espírito explorador.

Desde pequena tiñas claro que querías dedicarte á ciencia e á investigación, ou foi unha vocación que foi medrando co paso do tempo?

De pequena quería ser detective privado, ja ja. Durante a ESO e o bacharelato gustoume moito as ciencias, sobretodo a bioloxía, no que logo me licenciei. Cando estudiaba a carreira de bioloxía intereseime máis por saber como funciona o cerebro e as neuronas e decidín facer o doutoramento neste campo.

Cando xorde a idea de escribir para a infancia e a mocidade?

Desde hai varios anos fago divulgación científica para todos os públicos, pero tamén nos colexios, e a idea de plasmalo nun libro sempre estivo na miña cabeza. Paréceme moi importante achegar a información que se acada nos laboratorios ao público, pero máis se se trata de nenos e se consigue que, polo menos durante un intre, lles fascine o mundo da ciencia.

A túa experiencia como investigadora en neurociencia e como docente inflúe na maneira en que explicas conceptos complexos ás crianzas? En que aspectos o notas máis?

A miña experiencia en neurociencia axúdame a explicar conceptos complexos, pero a forma de explicar e o vocabulario que utilizo cos cativos os adquirín grazas a interaccionar cos meus sobriños e cos fillos de amigos.

Que foi o detonante para escribir A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano? A historia naceu primeiro coa intención divulgadora ou xurdiu antes a parte máis narrativa e de aventura?

O detonante para escribir este libro foi estar no paro, ja ja. O ter máis tempo libre xurden mais ideas e tempo para escribir. Sempre quixen escribir libros de divulgación científica, así que a historia xurdiu desde un punto de vista científico pero sempre hai que aportarlle a parte narrativa e divertida para que funciona cos nenos e incluso con adultos. Ninguén quere leer cousas aburridas nin dicífiles, verdade?

A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano.

Portada do libro 'A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano. / Xerais

O libro mestura ficción e divulgación científica. Como foi o proceso de atopar o equilibrio entre o rigor científico e unha historia atractiva para os lectores e lectoras máis novos?

O equilibrio o vai pedindo o libro. Os rapaces e adultos que me rodean me deron a súa opinión durante o proceso de escritura. Realmente son os pequenos lectores os que dín se o libro lles gusta e vai polo bo camiño.

Na obra aparecen referencias a figuras clave da historia da ciencia como Santiago Ramón y Cajal, Alois Alzheimer, James Parkinson ou Margarita Salas. Por que che parecía importante incorporar estes nomes nun libro infantil?

Para que os nenos comencen a familiarizarse con personaxes da nosa historia que fan ou fixeron grandes avances científicos. Hoxe en día, a boa calidade en ciencia e mediciña que temos se debe ao seu minucioso traballo.

Se Antía puidese facer unha nova viaxe dentro do cerebro, que che gustaría que descubrira na próxima aventura?

Todavía non o teño moi claro, pero unha idea sería que Antía descobrese enfermidades e problemas relacionadas co cerebro como o Parkinson, Alzheimer, TDAH, TEA, depresión, ansiedade...problemas moi comúns que lles sucede os adultos pero tamén algunhas enfermidades as padecen os rapaces e sería moi interesante explicarlle que sucede no seu cerebro ou no cerebro dos seus compañeiros ou dos seus pais e avós, se falamos de enfermidades de maiores.

Que che gustaría que levasen os nenos e nenas despois de ler A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano?

Gustaríame que os nenos lle entre a curiosidade por aprender máis sobre como funciona o sistema nervioso. E tamén que relacionen que aprender ciencia non ten porque ser aburrido. Pódese e débese aprender ciencia xogando, rindo, divertíndose...E, de feito, os adultos temos que aprender a ensinar as cousas de forma divertida e interesante.

Como é para ti ver as reaccións do público máis novo cando descobren que o cerebro pode ser tan fascinante? Sorpréndete algo especialmente nas súas preguntas ou comentarios?

Sorpréndeme que realmente aos nenos e adolescentes lles interesa e lles parece divertida a ciencia, porque se nota o seu interese cando fago charlas nos colexios. Os nenos interaccionan e preguntan moito máis durante as charlas divulgativas que os adultos e as veces impresiona canta información teñen na súa cabeciña sendo tan pequenos.

«Os adultos temos que aprender a ensinar as cousas de forma divertida e interesante»

Paula Rivas

Ademais da investigación e da docencia, realizas actividades de divulgación científica. Que che achega ese contacto directo co alumnado e que cres que pode aportar a ciencia cando se presenta desde a emoción e a narrativa?

Encántame dar charlas, sobre todo aos nenos, porque están cheos de ilusión, de ganas de coñecer cousas novas, fan moitos comentarios e preguntas e todo iso o transmiten moi ben e me contaxian a súa ilusión. O profesor e divulgador Franciasco Mora sempre di que sen emoción non podemos aprender, non teremos ilusión nin interés por saber cousas novas. Por iso é importante transmitir esa emoción cando se explica a ciencia.

Nun momento no que circula tanta información (e desinformación), cres que libros como este poden axudar a formar un pensamento máis crítico desde a infancia?

Creo que estamos nun momento en que a sociedade buscamos información de forma rápida e instantánea grazas a internet, e non nos decatamos do seu rigor científico. O problema é que hai nenos, adolescentes e incluso adultos que só utilizan esta información que non soe ser moi precisa e verídica. Penso que é o momento de que se publiquen mais libros, con rigor científico, pero fáciles de leer e amenos ou incluso divertidos, para que poidan chegar a todos os públicos sen aburrilos. Os científicos cada vez facemos mais divulgación e hai moitos mais libros de carácter científico amenos e divertidos que fai anos, pero precisamos moitos máis.

Tracking Pixel Contents