O Entroido enche de creatividade e tradición os colexios
O alumnado celebra unha das datas máis sinaladas do calendario galego mantendo vivas as costumes populares e integrándoas nos proxectos educativos do curso

O Entroido enche de creatividade e tradición os colexios / FdV
O Entroido é unha das celebracións máis antigas e arraigadas da tradición popular galega. Máscaras, comparsas, personaxes satíricos e folións forman parte dun patrimonio cultural que se transmite de xeración en xeración. Nos colexios, esta festa convértese nunha oportunidade para manter vivas as tradicións e aprender sen deixar de pasalo ben. Lonxe de limitarse a disfrazarse, os centros aproveitaron estas datas para afondar nos seus proxectos anuais, reivindicar a cultura popular e traballar valores sociais e ambientais.
Gaudí e mensaxes que perduran
No CEP Plurilingüe Igrexa Valadares, o Entroido xirou arredor do proxecto anual ‘100 anos sen Gaudí pero aínda segue aquí’. A figura do arquitecto catalán inspirou os disfraces, mentres o tradicional Meco agardaba para ser queimado no torreiro de Valadares.
Ademais, coincidindo co Día de San Valentín, organizaron os xa coñecidos «cariñosgramas»: murais con imaxes de agarimo e sobres personalizados para que alumnado e profesorado intercambiasen mensaxes positivas. Como explica a docente, «La experiencia nos muestra que los peques le dan mucho valor, y muchas familias nos dicen que tienen guardados los mensajes de toda la primaria».
Unha galería de arte
No Colexio Andersen, o Entroido estivo ligado ao proxecto ‘E ti que pintas?’, centrado na pintura e nos grandes artistas.
Durante as semanas previas, o alumnado de 4º da ESO encargouse do pregón, mentres Doña Sardiña deixaba os seus mandadiños no corredor de Infantil: pintar a cara, levar algo artístico na cabeza ou engadir un complemento inspirado nun creador ou creadora.
O xoves tiveron lugar as comparsas de Infantil e Primaria, con caretas e antifaces elaborados sobre base de cartón e material de refugallo, tentando non xerar residuos. Cada aula recreou un cadro ou artista, dende Paul Klee ata Picasso, Andy Warhol ou René Magritte, para que, en conxunto, formasen unha obra completa.
O venres, co alumnado disfrazado de tema libre, organizáronse obradoiros que xa son un clásico: lardeiras, siluetas meninas, monicreques, máscaras ou xogos populares.
Tradición e compromiso co mar
No Colegio Alba apostaron por un dobre enfoque. Por unha banda, o Entroido tradicional galego, traballando especialmente a figura do Merdeiro e achegándose a celebracións como as de Laza, Sande ou Cobres. O xoves, un Merdeiro percorreu aulas e patio para que o alumnado o coñecese de maneira máis dinámica.
Por outra, o ‘Proxecto Aqua’ das Blue School, un programa da UE centrado nos ríos e mares, marcou a temática dos disfraces: peixes, medusas, pingas de auga, contaminación por plásticos, buzos, profesións mariñas ou ecoloxistas: «Incluso elaboraron unha particular illa de plástico creada polo alumnado de cuarto de Primaria, e algúns cursos confeccionaron animais de ganchillo».
O «Xeneraliño» manda
No CEIP de Figueiroa, a Semana do Entroido estivo guiada polos ‘Mandados do Xeneraliño’, xa unha tradición consolidada no centro. Este personaxe propón retos acumulativos vinculados ao proxecto deste curso: as labregas, en homenaxe ás mulleres labregas no marco do Ano Internacional da Agricultura 2026. «O luns cubriron a cabeza con panos ou sombreiros; o martes engadiron mandís ou prendas de traballo; e o mércores incorporaron útiles ou produtos da horta».
O xoves celebrouse unha chocolatada con churros, e o venres tivo lugar o gran Festival de Entroido no pavillón, ao que asistiron arredor dun milleiro de persoas.
Rosalía, memoria e «Caldo de Gloria»
No CEIP de Laredo, o Día de Rosalía converteu as aulas nun lugar de memoria e tradición coa elaboración do «Caldo de Gloria», unha iniciativa que xa cumpre tres anos e que toma como inspiración o poema ‘Miña casiña, meu lar’.
O alumnado non só coñeceu e degustou esta receita humilde, senón que tamén afondou na importancia da soberanía alimentaria e na dignidade do pobo galego. Entre versos e recendo a horta, a xornada serviu para reivindicar lingua e cultura propias e, como sinalan dende o centro, tamén para «recuperar as forzas despois do Entroido».
A importancia do traballo en equipo
En San Salvador, o proxecto anual sobre o circo marcou os disfraces: malabaristas, artistas e outros oficios circenses «serviron para traballar vocabulario específico, respecto polos animais e a importancia do traballo en equipo».
Un dos momentos máis emotivos chega ao remate do desfile, cando alumnado, familias e profesorado bailan xuntos a canción ‘Garbancito’. Hai pais e nais que xa a recordan da súa propia infancia no centro. A festa conclúe compartindo sobremesas tradicionais.
Entre chuvias e treboadas
No centro de educación especial San Rafael, a temática escolleita foi o tempo atmosférico, en consonancia co inverno que nos acompaña.
Houbo quen se disfrazou de chuvia, treboada, raios, neve ou poalla. Prepararon tamén unha arca para «saír todos navegando», mentres algúns profesores se caracterizaron como bonecos de neve, «conxelados por este maravilloso tiempo», en palabras da docente.
- La cirujana viguesa tras el primer bebé inglés gestado en un útero trasplantado de donante fallecida: «Abre las puertas a mucha gente»
- «Es probable que tras el verano tengamos un robot o un TAC intraoperatorio para operar columna»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
- Mónica, madre de un niño con cáncer: «No sabía cómo decirle a mi hijo que se le iba a caer el pelo»
- El catamarán del lago de Sanabria que permanece retenido en un astillero de Mos
- En 44 días ha llovido tanto en Galicia que el agua caída daría para abastecer a la comunidad durante 113 años
- La orquesta París de Noia cancela su concierto de este viernes en Vigo por «condiciones meteorológicas adversas»
- La crisis del marisqueo obligará a los restaurantes a reinventar sus cartas