Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O futuro (e o presente) da lingua forxado nas aulas: «Hai que ter coidado de non asociar falar galego só cunha recompensa»

Alumnos que formaron parte dos Equipos de Dinamización Lingüística contan como estas actividades lles outorgaron conciencia sobre a importancia do idioma, ao tempo que sinalan posibles melloras no sistema

Entrada dun instituto en Galicia.

Entrada dun instituto en Galicia. / BERNABE

O pasado mes de outubro, o Consello da Cultura Galega acolleu os XXVII Encontros para a Normalización Lingüística, onde se analizou a traxectoria dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), o seu presente e o seu futuro. Os centros educativos integrados nesta rede contan co seu propio equipo, conformado por docentes de diferentes niveis que velan polo uso activo do galego e, por suposto, por estudantes.

A mocidade tivo un papel protagonista nos últimos Encontros, compartindo a súa experiencia nos equipos de Dinamización Lingüística. Un dos rapaces participantes foi Diego Madarnás, de 18 anos. Actualmente está estudando o primeiro ano de Economía en Santiago de Compostela e formou parte das iniciativas a prol da lingua no IES do Milladoiro.

Conciencia sobre a lingua

«Falaba galego principalmente na casa, coa miña nai e cos meus avós», conta Diego a FARO, «máis adiante, grazas a diferentes proxectos, empecei a empregar o galego tamén en ámbitos máis institucionais». Refírese a iniciativas do EDLG do seu centro, como o club de debate ou a radio escolar, onde tiña un programa de entrevistas. Comezou a participar nelas grazas a unha profesora, Valentina Formoso.

Óscar Iglesias, de 27 anos e veterinario, tamén lembra a mestra que lle animou a entrar no equipo de dinamización lingüística. Como destaca o informe de conclusións dos Encontros para a Normalización Lingüística, quen está a cargo destes equipos, os docentes, son «profesionais con moita experiencia, vontade e entrega altruísta, que en moitos casos teñen que traballar máis alá do apoio institucional».

«Mantiven a lingua porque nunca tiven vergoña de falala, pero non tiña interiorizada a idea de que había que defendela»

Óscar Iglesias

Para Iglesias, que estudou no IES Félix Muriel de Rianxo, o galego formaba parte de tódalas esferas da súa vida. Falaba galego na casa —«por costume e tradición, non tanto desde unha defensa consciente da lingua»—, na escola, cos seus amigos.

Foi no conservatorio onde afrontou por primeira vez a diglosia. «Un profesor faloume en castelán e eu respondinlle en castelán. Unha amiga miña díxome 'pero que fas?' e eu non souben que dicir. Aí decateime de que pasaba algo. Cando saín de Rianxo e vin o que había fóra pensei 'vale, si que hai algo polo que loitar'».

«Mantiven a lingua porque nunca tiven vergoña de falala, pero non tiña interiorizada a idea de que había que defendela», explica. Na Facultade de Veterinaria en Lugo continuou a desenvolverse en galego, a pesar de que o número de galegofalantes era moito menor que en Rianxo. «Había xente que non me entendía ou que non quería entenderme falando galego. Foi unha pequena crise persoal», confesa.

Incentivar a participación, mais tamén a reflexión

Diego Madarnás expón que, a pesar de que o nivel de participación nas actividades de dinamización lingüística no seu IES era salientable, lle preocupan as motivacións do alumnado. Sumarse ás accións do equipo sumaba nota, algo que en bacharelato «axudaba moito».

Diego Madarnás, de 18 anos:

Diego Madarnás, de 18 anos: «Non creo que falten proxectos, senón formas de conectar mellor co alumnado». / FdV

«Medio punto ou un punto pode marcar a diferenza á hora de acceder a unha carreira», recoñece, pero «hai que ter coidado de non asociar falar galego só cunha recompensa. O ideal sería que a xente participase porque quere, aínda que ás veces este incentivo pode servir como porta de entrada».

Óscar Iglesias, pola súa banda, formou parte de iniciativas escolares como a revista Bico da Ría ou o faladoiro Café, bolo e lingua, no que se xuntaban no recreo para debater cuestións de actualidade e sociolingüística. A participación dependía moito do grupos de amigos que tivera cada un e os seus intereses persoais, ademais da actividade proposta. Non animaba igual ir pintar un mural que escribir, apunta.

Anos despois, tras estudar o Máster de Profesorado e facer unha toma de contacto con outros centros, Iglesias foi consciente de que o equipo de Dinamización Lingüística do IES Félix Muriel era realmente activo. Algúns institutos ata carecen dun.

«Non se pode desvirtuar o obxectivo do equipo, pero tampouco converter todo en simple entretemento»

Óscar Iglesias

«É complicado chegar a máis xente», opina, «non se pode desvirtuar o obxectivo do equipo, pero tampouco converter todo en simple entretemento. Hai que atopar un equilibrio».

Unha das conclusións ás que chegaron os rapaces e rapazas da mesa de experiencias dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística foi que o enfoque das accións dinamizadoras da lingua era un pouco anticuado. Óscar clasificaríao máis como «moi académico». «Moitas actividades estaban moi ligadas á materia de galego e funcionaban ben para quen xa estaba interesado, pero non tanto para quen estaba fóra dese círculo», sinala.

Madarnás coincide: «As actividades están moi ben unha vez que xa estás dentro, pero o problema é como chegar á xente que está fóra, a quen non lle chama a atención ou mesmo ten prexuízos sobre a lingua». Unha das súas propostas pasa por empregar máis as redes sociais para promover os equipos de dinamización. «Non creo que falten proxectos, senón formas de conectar mellor co alumnado», asegura.

Datos

  • Segundo o informe de conclusións dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística, só o 16,9% dos concellos galegos conta cun Servizo de Normalización Lingüística: 35 son na provincia da Coruña, 10 en Pontevedra, 2 en Lugo e 2 en Ourense.
  • O 37,6% dos Equipos de Dinamización Lingüística da Lingua Galega sinala un incumprimento en favor do uso do castelán nos Proxectos Lingüísticos dos centros

O veterinario destaca que ten constancia de centros nos que xa se están a artellar «propostas moi chulas», adaptadas ás novas xeracións; por exemplo, o festival de música en galego do IES de Melide.

Todas estas accións non son en vano. O propio Óscar admite que, «se non fora polo equipo», e vendo como está a cuestión lingüística (a porcentaxe de xente que fala castelán en Galicia xa supera a de galegofalantes), hoxe non falaría galego no seu día a día.

Tracking Pixel Contents