Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CIENCIA PARA O DÍA A DÍA

Cal é a dieta ideal para un peixe de acuicultura?

Un dos retos pendentes no campo de traballo de Sara Comesaña, investigadora postdoutoral no grupo de Biotecnoloxía e Acuicultura Mariña Sostible do Instituto Español de Oceanografía (IEO), pasa por atopar unha alimentación máis nutritiva e saborosa para os seres acuáticos

Sara Comesaña, investigadora do IEO.

Sara Comesaña, investigadora do IEO. / CSIC

CSIC*

«Cando eu ía a escola...»

... non tiña claro que quería ser de maior, pero xa me gustaba investigar. Desfrutaba observando como funciona a vida. Na casa xogaba a facer experimentos: gardaba un anaco de mazá nun bote para ver como se descompoñía ou mesturaba leite con kétchup e esperaba a ve r que pasaba. Ao final, aparecían fungos, bacterias, cambios de cor... Crecía moita vida!

O meu agasallo: unha curiosidade

Un dos retos na alimentación dos peixes da acuicultura é atopar un ingrediente que sexa nutritivo e saboroso. A maioría dos peixes de acuicultura son carnívoros e comen pequenos peixes, crustáceos ou moluscos. Para non utilizar recursos do mar, os científicos estamos a buscar alternativas como fariñas de guisantes ou de soia, que son nutritivas, para que crezan sans e fortes. Pero o sabor non lles encanta. Como pensades vós que poderiamos mellorar a súa comida para que sexa boa para eles e para o planeta?

«O meu camiño na ciencia»

Estudei Bioloxía e descubrín que me fascinaba entender como funcionan os animais por dentro, dende unha simple esponxa ata o complexo corpo humano. Traballo estudando os peixes e mellorando a alimentación daqueles que se crían en acuicultura.

Como galega, teño un vínculo especial co mar e por iso, a miña investigación busca conservar a vida mariña evitando a súa sobreexplotación por medio da acuicultura.

As aulas preguntan. O CSIC responde

Nesta ocasión, os entrevistadores foron os rapaces e rapazas de 5º de Primaria do CEIP Javier Sensat. Isto foi o que lle preguntaron a Sara!

Alumnado de 5ª do CEIP Javier Sensat.

Alumnado de 5ª do CEIP Javier Sensat. / Cedida

  • Se tiveras que deixar o teu traballo, a que te dedicarías?

Pois é unha pregunta que xa me fixen algunhas veces, porque nisto da investigación é moi habitual non conseguir traballo e ter que cambiar. Volvería a estudar e reconducir a miña carreira profesional. Quizais algo de administración e finanzas, porque me gusta a organización e as mates.

  • Cal é o teu peixe favorito?

De comer é o rodaballo, saboroso e con poucas espiñas. Pero ao peixe pallaso téñolle un especial agarimo pola película de «Buscando a Nemo».

  • Cal foi o experimento máis raro que fixeches de nena?

Unha vez deixei gardado un cunco con leite e algo máis que non lembro. Non foi o experimento máis raro, pero si o resultado máis raro. Aquel mofo tiña tantos pelos que parecía un coello.

  • Os peixes que viven nas piscifactorías sofren «estrés» ao non poder nadar libremente?

Pois o tema do estrés e o benestar dos peixes é algo que se estuda moi afondo e que preocupa moito. Un peixe con estrés non medra. Sempre se procura que teñan espazo suficiente para nadar con toda a liberdade posible, pero se pudieran falar e dicirnos como se sinten, sería máis doado.

Divulgación

Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

  • Todos os peixes poden criarse en piscifactorías?

Na práctica non é posible criar calquera peixe en piscifactoría. Ás veces non chegamos a saber nunca o porque, pero por exemplo, con algunhas especies non conseguimos que coman e non medran; outras non se reproducen, outras morren sen máis...

  • Se os peixes enferman son tratados por veterinarios?

Si, os veterinarios tamén saben de peixes e son os encargados de diagnosticar as súas enfermidades e tratalas.

  • Como se crían os peixes na piscifactoría?

Respondendo de forma abreviada, primeiro temos peixes adultos (machos e femias) que poñen os ovos. Estes recóllense e cando eclosionan temos «alevíns». Nesta etapa moi delicada, se lles da de comer alimento vivo, pequenos invertebrados ou larvas de crustáceos. Cando van medrando vanse cambiando a piscinas máis grandes segundo o seu tamaño. Cando son «xuvenís» xa comen pienso preparado para que conteña todos os nutrientes e vitaminas necesarias e que lles resulte rico. E así van medrando ata que teñen o tamaño axeitado para chegar a peixaría ou aos restaurantes. É moi importante tamén controlar a auga, que estea limpa, coa temperatura e osíxeno adecuados.

  • Cres que no futuro non se poderá pescar no mar e comeremos só peixe de piscifactoría?

Creo que isto será verdade só para algunhas especies. Por outro lado, a acuicultura ten que mellorar moito para poder alimentar de peixe a tódalas persoas do mundo. Seguiremos precisando do mar durante moito tempo, por iso é importante coidalo.

Tracking Pixel Contents