Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

'Ciencia para o día a día'

Todo o que a botánica di sobre o noso pasado

María Martín Seijo é responsable do Laboratorio de Arqueobotánica no INCIPIT. O seu traballo está centrado en estudar como era a relación dos seres humanos cos recursos naturais milleiros de anos atrás

María Martín Seijo.

María Martín Seijo. / Cedida

CSIC*

«Cando eu ía a escola...»

...encantábame ler, iso é unha cousa que non cambiou ata agora. Algo que tampouco mudou é a miña afección por recoller e clasificar cousas, ás veces eran cunchas da praia, ás veces eran froitos silvestres, ás veces flores ou follas... agora son madeiras e carbóns de xacementos arqueolóxicos que clasifico coa axuda dun microscopio nun laboratorio.

O meu camiño na ciencia

Estudei Historia na Universidade de Santiago e despois trasladeime á Universitat Autònoma de Barcelona para aprender arqueobotánica e poder investigar como os seres humanos nos relacionamos coas plantas no pasado. Este foi o tema da miña tese de doutoramento na que, a partir do estudo de carbóns e madeiras, documentei como se xestionaba o bosque e a matogueira fai máis de 2000 anos durante a Idade do Ferro e o período romano. Hoxe son a responsable do Laboratorio de Arqueobotánica no INCIPIT, e participo en investigacións en diferentes lugares de España e Portugal, pero tamén moito máis lonxe en zonas tropicais como Panamá ou as Illas Marianas do Norte.

O meu agasallo: unha curiosidade

As plantas e os materiais que obtemos delas, como a madeira, as fibras e as follas, están cada vez menos presentes na nosa vida cotiá. Pero no pasado isto non era así, o pasado era vexetal, os cercados, as casas, as ferramentas, os recipientes, as culleres, estaban maioritariamente feitos en madeira. Nos fogares queimábase constantemente leña. Cando estudamos os carbóns e as madeiras dos xacementos arqueolóxicos, estamos achegándonos a esas vidas pasadas, ao seu día a día e ao seu entorno.

As aulas preguntan. O CSIC responde

A rapazada de 5ºA do Colexio Divino Salvador, de Vigo, quixo trasladar a María Martín unha chea de preguntas sobre a súa profesión!

Alumnado de 5ºA do Colexio Divino Salvador.

Alumnado de 5ºA do Colexio Divino Salvador. / Cedida

Cal foi o teu descubrimento máis valioso, o que máis che impresionou?

O día que lembro con máis emoción foi a primeira vez que no medio duns carbóns dun incendio que estaba estudando de repente apareceron varias pezas de madeira traballada, nunca pensara que podían ter sobrevivido, e de repente tiña na man unas pezas de madeira que alguén torneara na Idade do Ferro.

Cal foi o anaco de madeira ou carbón máis antigo que atopaches e estudaches no laboratorio? A que árbore pertencía?

A mostra máis antiga que analicei no laboratorio foi probablemente algún dos carbóns recuperados no abrigo de La Malia en Guadalajar. Están datados entre o 36.400 e o 31.100 cal. BP (ese BP significa Before Present, esta referencia se usa como estándar para especificar cando ocorreu un evento no pasado, hai que restarlle 1950 para obter una data calendárica). Nese nivel tan antigo apareceron sobre todo aciñeiras, xunto con carballos, piñeiros e xenebreiros.

Se ti dis que antes todo estaba feito de madeira, como sabes que tipo de árbore usaban para facer unha culler ou un tellado? A madeira de piñeiro e a de carballo non se parecen moito cando están queimadas?

Sabemos que tipo de árbore foi utilizada para facer as culleres ou os tellados grazas ás arqueobotánicas que poden clasificar esas madeiras. As culleres moitas veces estaban feitas en madeira de ameneiro. E os tellados medievais tiñan a veces tellas de madeira de carballo. Aínda que as madeiras se queimen a súa estrutura anatómica se mantén, e iso permite que as podamos clasificar sen problema. De feito, o piñeiro como conífera e o carballo como frondosa son totalmente diferentes vistas no microscopio.

Cando viaxas a lugares moi lonxanos como Panamá, as selvas teñen árbores moi diferentes ás de Galicia? Que che ensinan esas árbores sobre as persoas que viviron alí hai moito tempo?

Viaxar a outros lugares, especialmente a zonas tropicais ou subtropicais, fai que mires doutra maneira as árbores. Son os lugares de maior biodiversidade do planeta, algunhas árbores son tan altas que os biólogos teñen que construir pasarelas a metros de altura do chan para poder ver as súas follas ou as súas flores. En Panamá descubrín que había árbores que camiñaban (Socratea exorrhiza) e outros aos que lles chamaban palos cuadrados (Cornutia pyramidata).

Se puideses atopar un obxecto feito de madeira que existiu hai 2.000 anos e traelo de volta intacto para ensinalo no colexio, cal elixirías e por que?

Elixiría unha culler. Antes as persoas tiñan moi poucos obxectos persoais, pero un dos que sabemos que tiñan e que moitas veces levaban pendurado do pescozo serían as culleres. Esa culler permitiríanos falar do bosque de ribeira onde se cortou a póla que permitiu facela, falaríanos de quen lle deu forma cunha coitela, contaríanos algunha historia de quen a posuíu, das comidas, etc.

Tracking Pixel Contents