«Todos cabemos en todas partes»: a loita por unha educación inclusiva
A falta de profesorado, orientación e apoios converte a inclusión nun ideal aínda lonxe de cumprirse

Conchi Pájaro, Paula Carreiro, Raquel Iglesias, Paula Martínez y Mary Mora. Abajo, Paula Carreiro impartiendo un curso de formación sobre conductas contrarias a la convivencia. / FDV
A inclusión educativa en España converteuse nunha das grandes promesas do sistema escolar contemporáneo: unha meta compartida, unha ambición recollida na lei… pero aínda unha realidade incompleta. Así o describe Paula Carreiro, membro da asociación AGAMPI, con quen conversamos para coñecer desde dentro o estado actual da educación inclusiva.
Cando se lle pregunta como resumiría a situación actual, Carreiro non dubida: «Utópico. Utopía. A ver, diría que está no papel, está na normativa, está na lexislación, están os intentos do profesorado e das familias, pero non é real», afirma. O seu diagnóstico é nítido: déronse pasos, si, pero insuficientes. Para que exista unha inclusión verdadeira, insiste, é imprescindible «un investimento de cartos e de recursos humanos que non estamos tendo».
A peza clave que falta: as persoas
No discurso de Carreiro repítese unha idea que atravesa todo o debate educativo: a importancia dos recursos humanos. «Sobre todo efectos humanos, obxectivos humanos», subliña. Os materiais, di, poden resolverse con creatividade, formación e acceso ás novas tecnoloxías. Pero no día a día da aula, a falta de mans fai que ningunha atención sexa realmente completa.
Ese déficit de persoal tradúcese en situacións límite: «Sempre queda alguén un pouco descolgado ou desamparado. Tanto porque nos volcamos moito nos nenos que teñen máis necesidades e abandonamos un pouquiño aos outros, ou viceversa». O ideal, afirma, sería contar cunha parella educativa estable en cada aula; porén, hoxe esa figura apenas existe de forma puntual.
«Hai un orientador por centro educativo… e están facendo un traballo cunha ratio altísima»
As consecuencias páganas tanto o alumnado con necesidades específicas como o que segue o ritmo habitual da clase. E tamén o sofre o profesorado e o equipo de orientación, cuxa carga de traballo é, en moitos casos, desbordante. «Hai un orientador por centro educativo… e están facendo un traballo cunha ratio altísima», denuncia. A situación repítese co profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), moitas veces compartido entre varios centros e case inexistente na secundaria.
Necesidades invisibles en aulas diversas
Unha das claves para avanzar na inclusión é recoñecer que non todas as necesidades educativas son igual de visibles. Carreiro destaca especialmente aquelas que pasan desapercibidas: «Probablemente sexa que son máis invisibles», explica.
Cando existen trazos físicos ou comportamentos facilmente identificables, a comunidade escolar comprende mellor que un alumno precisa apoio. Pero outras dificultades —como a dislexia, o TDAH ou as altas capacidades— adoitan confundirse con problemas de conduta, desmotivación ou falta de esforzo. «Ás veces confúndese con preguiza, con non querer, e realmente é que o sinabio é doutra maneira», advirte.
A isto engádense factores familiares e emocionais que inflúen directamente na aprendizaxe: «Cada neno vén falar cunha mochila diferente», lembra. E esas mochilas inclúen pobreza, problemas familiares, enfermidade ou a falta de tempo de coidados. Sen persoal suficiente, moitas destas realidades pasan inadvertidas… e repercuten no desenvolvemento académico, emocional e social.

Taller de AGAMPI / FDV
A inclusión, insiste Carreiro, non é só unha cuestión de leis. Esixe tamén unha conciencia social activa: «Todos temos lugar e todos cabemos en calquera parte», afirma. E ese cambio comeza por xestos sinxelos: mover unha mesa nun local para permitir o paso dunha cadeira de rodas, avisar cando un espazo non é accesible ou recoñecer as barreiras que outras persoas atopan no seu día a día.
AGAMPI traballa precisamente nesa dirección: «O noso principal obxectivo agora mesmo é divulgar que todos temos dereito a unha educación inclusiva e a unha educación de calidade… que esas partes teñen que adaptarse a cada un», explica. Para iso forman profesorado, acompañan familias e dialogan coa administración «cando nos deixan participar».
Entre o papel e a realidade
A pesar das dificultades, AGAMPI recoñece avances significativos. Para Carreiro, o principal está na garantía legal de que todos os nenos poden compartir o mesmo espazo educativo: «A día de hoxe, cada neno é benvido no centro educativo… por lei, todos temos dereito a estar xuntos na mesma aula. E ese é o maior avance que temos».
«O noso principal obxectivo agora mesmo é divulgar que todos temos dereito a unha educación inclusiva e a unha educación de calidade»
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, preguntamos a Carreiro polo sentido desta data. A súa resposta é clara e honesta: «Por desgraza… para min non hai nada que celebrar». Matiza que estes días son necesarios para visibilizar problemáticas, pero lembra que a súa existencia evidencia que aínda non se acadou unha igualdade real.
A inclusión educativa en España avanza, pero continúa atrapada entre a teoría e a práctica. Aulas diversas, sistemas de apoio insuficientes, persoal desbordado e unha sociedade que aínda debe aprender a mirar e comprender.
A mensaxe de AGAMPI é contundente, pero tamén esperanzadora: a inclusión non é un soño imposible, senón unha responsabilidade compartida. E comeza recoñecendo, como lembra Carreiro, que «todos cabemos en todas partes».
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Ábalos pregunta sobre Vigo al Gobierno: ¿qué ha provocado la visita del PP a la narcocasa de Cabral?
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse