Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carlos Gallego, ilustrador: «Sempre tento que a ilustración acompañe o texto dun xeito acorde, que complemente e non distraia»

Conversamos co ilustrador sobre a súa traxectoria, o seu proceso creativo e os desafíos que trae a intelixencia artificial

O ilustrador Carlos Gallego.

O ilustrador Carlos Gallego. / Claudia Silva

Vigo

De pequeno xa sabía que quería dedicarse á ilustración?

De pequeno non o tiña claro. O que si fixen sempre, como a maioría, foi debuxar moito. Entretiñíame unha barbaridade: dabasme uns lapis e quedaba toda a tarde niso. Mesmo nas clases, claro. A medida que fun medrando, fun indo a escolas nas que había materias relacionadas co debuxo ou coa pintura, sempre moi plásticas.

En que se formou para poder facelo de forma profesional?

Estudei o Bacharelato Artístico, que foi onde comecei a orientarme dun xeito un pouco máis serio. Foi no instituto na Coruña. Alí tiñamos moitas asignaturas centradas nas artes plásticas: debuxo artístico, pintura… E lembro unha profesora que nos amosou libros e técnicas diversas. Nese momento vin por primeira vez un álbum ilustrado, e chamoulle moito a miña atención, aínda que daquela non tiña clara a idea de ser ilustrador.

Despois gradueime en deseño gráfico. Nese momento pensaba en dedicarme a algo diferente, porque o deseño parecía unha opción profesional máis ‘real’. Pero durante a carreira a ilustración seguía aparecendo, era o que máis me gustaba facer. Ao final decidín especializarme nese camiño, porque era onde máis tempo e enerxía investía. Así comecei, pouco a pouco, a miña carreira. Ao principio chegaban encargos de todo tipo, pero tentei que a ilustración fose sempre unha constante.

Como é o seu proceso de traballo?

Depende un pouco do tipo de encargo. O proceso adoita ser: ler, bosquexar, confirmar co equipo e despois pasar á imaxe definitiva.

O que máis fago son ilustracións para libros de texto, pero tamén teño traballado en narrativa, cartelería e publicidade. Normalmente mándanme os textos -tanto para libros de texto como narrativos- e a partir de aí leo, fago bosquexos e vou construíndo pouco a pouco a ilustración. Mantéñome en contacto coa editorial para facer un seguimento do proceso e que todo vaia na mesma dirección. Nos libros de texto hai moito traballo e moitos tipos de ilustración: algunhas acompañan exercicios e son máis literais, pero outras, como as que acompañan lecturas, permítenche achegar unha visión máis persoal. Nos libros narrativos, pola contra, hai máis liberdade: leo os capítulos e, segundo o número de ilustracións que me piden, decido como repartilas. Todo iso tamén o comento coa editorial, para cadrar visións.

Agora mesmo estou intentando tamén facer obra propia, aínda que teño pouca cousa publicada.

Que é o que máis lle gusta ilustrar? Hai algún tema ou personaxe que se repita nas súas obras?

A verdade é que máis que un tema concreto, gústame explorar técnicas. Normalmente parto de técnicas tradicionais: grafito, lapis de cor, acuarela, collage… O collage é un recurso que me encanta e que intento aplicar en encargos reais sempre que podo. Gústame esa parte de ‘descontrol’ que teñen as técnicas analóxicas, esa frescura que che sorprende incluso a ti mesmo. No dixital hai máis control, podes desfacer todo o tempo, e ás veces pérdese esa espontaneidade, ese trazo vivo. Tamén xogo moito coas texturas: gústame que unha ilustración se poida ‘percorrer’ visualmente e case tocar.

Despois escaneo o traballo e, cun programa de edición, monto o arquivo para imprentar. Ás veces combino partes analóxicas e dixitais, segundo o que pida o proxecto. Nos últimos tempos tento que o resultado dixital se pareza o máximo posible ao que hai no papel.

Sinte que as súas ilustracións forman parte da aprendizaxe dos nenos?

Totalmente. Moita xente cóntame que se lembra dos debuxos dos libros que tiña de pequena, e paréceme marabilloso. Dá moita ilusión pensar que alguén poida recordar algo que fixeches ti nesa etapa. Por iso tento sempre que a ilustración acompañe o texto dun xeito acorde, que complemente e non distraia.

E coa chegada da intelixencia artificial, síntese ameazado ou ve novas oportunidades?

Sinceramente, síntome algo ameazado, pero máis a nivel persoal que profesional. Todo o tema das imaxes xeradas por IA puxo de moda pedir ‘unha foto ao estilo Studio Ghibli’ e cousas así. O que me preocupa é que, como sociedade, estamos perdendo procesos valiosos: o pensamento crítico, o tempo para analizar, para crear con intención. Iso vai afectarnos a todos, sexamos do campo que sexamos.

A nivel profesional, claro que tampouco me entusiasma. Pero intento tomalo como un estímulo: nos últimos anos decidín poñer máis o acento na parte analóxica do meu traballo, afastarme un pouco desa estética tan dixital e uniforme. A parte manual é a que máis gozo e tamén a que fai que o resultado sexa máis único, máis humano.

Das clases e obradoiros, que é o que máis lle gusta de ensinar?

Teño a sorte de dar clases na escola Aula D, nun ciclo de deseño, e tamén obradoiros de collage en colexios. O alumnado é moi diverso: dende nenos de 3 anos ata adultos de 40. O que máis me gusta é ver as diferenzas e os puntos en común entre eles. É marabilloso participar do proceso de aprendizaxe doutra persoa, compartir coñecementos e ver como cada quen os interpreta.

Que proxecto ou soño ten pendente como ilustrador?

Gustaríame moito entrar no mundo do álbum ilustrado. Estou preparando un portafolios e quero comezar a contactar con editoriais. Tamén me presento a convocatorias e concursos cando saen, para ir abrindo camiño.

Tracking Pixel Contents