Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Programa Polos Creativos

«Xantares galegos»: cando a aprendizaxe entra polos sentidos

O Colexio Vista Alegre de Vigo fíxonos a boca auga co seu percorrido interactivo pola gastronomía da nosa terra

O centro reuniu a familias, alumnos e demais membros da comunidade educativa nunha xornada única para amosar o proxecto Xantares Galegos. O evento contou con cata de produtos, xogos tradicionais, mercadiño de manualidades e mesmo actuacións musicais en directo.

O centro reuniu a familias, alumnos e demais membros da comunidade educativa nunha xornada única para amosar o proxecto Xantares Galegos. O evento contou con cata de produtos, xogos tradicionais, mercadiño de manualidades e mesmo actuacións musicais en directo. / Colexio Vista Alegre

María Bueno

María Bueno

Con vibes de poema de Rosalía de Castro: sementaron e colleitaron pementos de Padrón, elaboraron filloas coa familia e mesmo entrevistaron a un polbeiro! Desde a impresión de maquetas en 3D ata a creación de códigos BIDI, o Colexio Vista Alegre de Vigo non escatimou en recursos para dar forma ao proxecto Xantares Galegos, desenvolvido no marco dos programas Polos Creativos e NutriEscolas. Un inmellorable e completísimo percorrido polos produtos gastronómicos máis típicos de Galicia.

Todas as etapas educativas do centro, desde Infantil ata a ESO, traballaron con entusiasmo desde outubro ata maio para aportar as súas achegas a este proxecto colectivo, no que a tecnoloxía puxo o marco e a cultura galega, o contido. Unha experiencia pensada para achegar ao alumnado ás súas raíces e conquistar a nosa historia e tradición... polo bandullo!

Unha extraordinaria viaxe polos sentidos!

«Cando rematamos, o primeiro que fixen foi enviarlle unha mensaxiña ao profesorado para darlle a noraboa: cando todos tiramos na mesma dirección, saen cousas moi bonitas»

Mónica Seoane

— Directora do centro

O resultado, que tamén se pode saborear a través dunha web interactiva que, máis ca un espazo online, semella unha extraordinaria viaxe para os sentidos, cobrou vida hai só uns días, cando familias, medios e membros da comunidade foron convidados a unha xornada única nas instalacións escolares, con cata de produtos, xogos tradicionais, mercadiño de manualidades e mesmo actuacións musicais en directo.

«Cando rematamos, o primeiro que fixen foi enviarlle unha mensaxiña ao profesorado para darlle a noraboa: cando todos tiramos na mesma dirección, saen cousas moi bonitas», relata a directora do centro, Mónica Seoane, que anima a outros colexios a poñer en práctica experiencias similares: polo ben que se pasa; polo orgullo que se sinte entre o alumnado; e, sobre todo, pola «grandísima unión» que se crea entre a comunidade educativa. 

O proxecto Xantares Galegos xurdiu da man do programa máis amplo NutriEscolas (Plan Proxecta), que busca fomentar a alimentación saudable. No colexio crearon á Tía Chía, que viaxaba polo mundo para dar a coñecer novos superprodutos e animar á cativada a probar cousas novas e derrubar prexuízos sobre certos alimentos, ademais de a cociñar en familia ou fomentar o exercicio en horario escolar. «Actividades así no medio da xornada véñenlles de marabilla: é como un reseteo», sinala a directora, que engade: «Ás veces imos tan rápido que nin sequera nos paramos a gozar de cousas tan sinxelas».O demais era cuestión de tempo!

O tránsito dun proxecto centrado na alimentación a outro que leva Galicia no propio nome parece case inevitable. Non en van —como lembra Seoane— «temos a fortuna de contar cunha terra que nos ofrece produtos saudables e de altísima calidade».

O alumnado de Infantil centrouse nas filloas.

O alumnado de Infantil centrouse nas filloas. / Colexio Vista Alegre

INFANTIL - AS FILLOAS

Estudáronas, elaboráronas e, por suposto, papáronas! Os alumnos de Infantil saben ben do que falan cando din que as filloas non son só un doce, senón un auténtico símbolo da nosa identidade. Levan con nós, polo menos, desde o SXIII. ¿O segredo? Xa o dixo Cunqueiro: «O quid é a finura».

En 1º de EP tocoulles o polbo.

En 1º de EP tocoulles o polbo. / Colexio Vista Alegre

1º EP - O POLBO

Menudos son os polbos! Poden abrir frascos e mesmo lembrar camiños. En 1.º de EP, este animal de literalmente «sangue azul» inspirou murais, estatuas e medallas, pero o que máis entusiasmou a todos foi a visita de Lolo, o polbeiro, quen llo contou todo sobre o noso oficio máis senlleiro!

Os de 2º de EP mergulláronse no universo da vieira.

Os de 2º de EP mergulláronse no universo da vieira. / Colexio Vista Alegre

2º EP - A VIEIRA

Como boas galegas, gústanlles as augas limpas e frías. Parvas non son! Cantos segredos das vieiras descubriron os estudantes de 2.º grazas á entrevista que lle fixeron a Eva, mamá da súa compañeira Alba e dona dunha peixería. Por certo, sabías que o nome deste molusco vén da deusa Venus? 

En 3º elixiron o mel!

En 3º elixiron o mel! / Colexio Vista Alegre

3º EP - MEL

Como boas traballadoras, as abellas poden voar ata 5 km da súa colmea en busca de néctar. E iso que non teñen GPS! De mans de Marcos, de Niño Corvo, os rapaces de 3.º de EP descóbrennos segredos das abellas, do mel e mais do seu proceso de elaboración. Iso si que é unha doce lección!

Finalmente, en 4º de EP gozaron colleitando pementos de Padrón.

Finalmente, en 4º de EP gozaron colleitando pementos de Padrón. / Colexio Vista Alegre

4º EP - PEMENTOS DE PADRÓN

Uns pican e outros non! Que mellor título para o diario de traballo de 4º de EP, centrado nos pementos de Padrón. Investigaron o topónimo, buscaron lugares turísticos da localidade e elaboraron un recetario, pero sen dúbida o mellor foi plantalos na horta do colexio!

E a lista segue! Se queres coñecer o resto de produtos, entra aquí.

Tracking Pixel Contents