Detrás do catálogo
Así crean refuxios as enfermeiras de libros
Como damos co libro axeitado? Con Reme Vázquez e Auroa Prieto descubrimos o traballo esencial que conecta persoas e lecturas

As bibliotecarias Reme Vázquez e Aurora Prieto, durante a súa participación como xurado nos Premios Xerais de Novela 2025. / FDV

Tiña eu a teima de imaxinar as bibliotecarias infantís como arqueólogas de libros: mulleres que escavaban en silencio entre estantes coma quen busca reliquias, desenterrando palabras esquecidas ou redescubrindo tesouros literarios. Pero xa mo teñen dito: que non sexa tan antiga, que me quite esa visión romántica do pasado. Que hoxe en día, unha biblioteca é moito máis ca un arquivo estático de historias.
As bibliotecarias modernas non son só gardiás do saber impreso, que tamén; senón, e sobre todo, mediadoras culturais, acompañantes na aprendizaxe, facilitadoras da lectura e creadoras de espazos seguros nos que calquera persoa pode ser, pensar e sentir sen medo a ser xulgada. Se cadra exploradoras, de seguro aventureiras nun mundo cheo de posibilidades; abofé que enfermeiras, facilitadoras de remedios, dispensadoras de curas.
Lectura sen reverencias: o espírito libre da infancia
É o caso de Reme Vázquez, bibliotecaria infantil da rede de bibliotecas municipais da Coruña, quen conta que «desde pequena» estivo «moi ligada á lectura».
«Ao ser unha nena do rural, sen outros nenos cos que xogar e coa biblioteca preto, todo me empurrou aos libros; ao seu poder para crear vínculos con outras persoas, para abrir novos escenarios, para levarme a outros mundos e vidas desde a aldea», explica.
Dito e feito, cursou Biblioteconomía e Documentación e despois fixo o Máster en Bibliotecas Escolares e Literatura Infantil por aquilo de «ter máis relación coas nenas e os nenos», que é onde, di, ela cre «que debe comezar a traballarse a lectura»: a idades canto máis temperás, mellor.
Xa cho creo. Na rede de bibliotecas municipais da Coruña arrincan cos programas de formación de usuarios xa aos tres anos: a través de monicreques, contacontos e outras actividades lúdicas, a cativada vaise achegando á biblioteca ata convertela no seu lugar, un espazo no que poder medrar e ao que poder volver.
«Claro! Chegan con tres anos e acaban vindo despois co mozo», ri Vázquez, que explica que, malia que hai un momento no que se apartan «porque empezan a ter moitas cousas ou porque marchan fóra», logo sempre volven porque a biblioteca forma parte do seu vínculo coa comunidade.
Aínda máis: Para Vázquez, se as bibliotecas son «espazos sociais e seguros, onde cada persoa é libre de ser e pensar sen ser xulgada ou condicionada, onde desenvolver o espírito crítico», a súa profesión, a de bibliotecaria, aseméllase máis á dunha mediadora coa lectura. «Como enfermeiras», vai improvisando e desenvolve: «Porque facilitamos ferramentas para que se aproveite máis a lectura e tamén moitas curas: a xente atopa paz, tranquilidade, información. Cada un aquilo que busca ou que lle falta».
Pero… como o fan? Nunca vos picou a curiosidade por saber quen —e, sobre todo, como— decide que libros entran nos estantes das bibliotecas? Que criterios se seguen para escoller entre milleiros de títulos e ofrecernos xusto o que buscamos incluso cando nin nós mesmos sabemos que é exactamente?
«Fíxome na calidade literaria, na beleza estética, nos temas; pero, sobre todo, en que estea escrito e ilustrado desde o respeto pola persoa lectora», di Vázquez, e aclara: «Non me gustan as lecturas instrumentalizadas, as que pretenden adoutrinar. Fíxome máis nas que presentan a infancia dunha maneira moito máis irreverente, onde ten o seu espazo, onde non se lles di como teñen que pensar ou sentir».
Para compartir, crear comunidade e «facer vila»
«Estamos pendentes das novidades, do boca a boca… E tampouco poden faltar os contos clásicos, os de toda a vida: de aventuras, de imaxinación.Poñemos tamén énfase nos libros que traballan a educación emocional: pídennolos máis os pais, pero logo notas que aos nenos lles fan ben. Son como esponxas, todo o absorben», comenta agora Aurora Prieto Tarrío desde a Biblioteca Pública de Verín.
O primeiro que fai cando lle preguntamos pola orixe do seu amor polos libros é sorrir. «Desde que era ben pequena, na casa da miña familia materna —sobre todo o meu avó— líase moito. Eu lembro ir á biblioteca con apenas cinco aniños; viña ler e quedaba aquí cos contos, sempre cun libro nas mans», conta desde o mesmo espazo no que de nena soñaba e que hoxe é o seu lugar de traballo.
Todos os venres pola tarde, a biblioteca énchese de voces e imaxinación coa sesión habitual de contacontos e, ademais, ao longo do ano acolle actividades temáticas, visitas escolares e outras propostas culturais que converten o espazo nun punto de encontro vivo entre o coñecemento e a comunidade.
Especial ilusión nótaselle na voz a Prieto cando fala da «Noite Pirata», onde a cativada da vila e arredores xoga ao mapa do tesouro e mesmo queda durmir na… sala Pirata da biblioteca! «Facemos unha transformación total: adornamos todo como se fose un barco corsario. Esa noite dá moito de si, é moi especial!», ri e asinte triplemente ao seren preguntada polo papel da entidade á hora de facer vila: «Claro, claro, claro».
«Antes, a biblioteca era un edificio onde había libros, que xa estaba moi ben; pero hoxe ademais cumpre tamén a función de centro social con actividades: presentacións de libros, bibliorúas, contacontos, visitas escolares… Moito máis próximo e moito máis dinámico. A verdade é que a súa función cambiou moitísimo nestes últimos anos. Vén a avoa, o pai, o neto… xuntos para facer os deberes ou para pasar un bo rato lendo. Gústame moito cando veñen en familia», describe a profesional para pasar a apoiar a hipótese da súa colega de oficio Reme: «Mira, de cen persoas que poden vir á biblioteca ao día, 99 pídennos consello: estou triste, dáme algo que me poña de mellor humor; ou quero aprender disto; ou o que sexa. É unha responsabilidade, pero tamén moi enriquecedor. Da que falas do argumento da novela, xorden outros temas persoais. Terapeutas, psicólogas, enfermeiras, si… Estamos aquí para escoitar, acompañar e, sobre todo, compartir».
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- Divertículos en el colon: Qué son, cómo prevenirlos, sus síntomas y opciones de tratamiento
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»
- PAU 2025: Consulta aquí las notas de la selectividad en Galicia