CIENCIA PARA O DÍA A DÍA
SuperMexillón, o heroe invencible do Atlántico
Sabías que os seus xenes únicos dotan a esta especie de superresistencia

A clase de 5ºA do CEIP de Chans-Bembrive. / FdV
Magalí Rey Campos* | CSIC
Divulgación
Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

Magalí Rey Campos, persoal investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). / CSIC
- «Cando era pequena...»
... Vivía en Forcarei, que é unha pequena vila interior da provincia de Pontevedra. O que máis me gustaban eran os deportes, en especial xogar ao fútbol cos amigos. Era boa estudante e xa empecei a decatarme de que me gustaban as ciencias. Aínda así, tardei en decidir que ía estudar (seguro que a algún de vós tamén vos pasa!!).
- «O meu camiño na ciencia»
Estudei Bioloxía na USC. Os recordos desta etapa son fantásticos. Coñecín compañeiros e compañeiras de moitos lugares e fixen algunhas grandes amigas que aínda conservo. Comecei a ser consciente de que o que máis me interesaba e gustaba era a xenética e a xenómica. Na actualidade, traballo nun grupo de investigación que estuda a xenética e as enfermidades dos animais mariños.
- O meu agasallo: unha curiosidade
Un dos animais que máis estudamos son os mexillóns, que viven fixados nas rochas e non se poden mover, polo que non son quen de escapar cando están ameazados. Ademais, cada mexillón filtra ata 5 litros de auga por hora para conseguir alimento e pode vivir en augas de entre 8 ºC e 30 ºC.
Son superresistentes ás enfermidades e aos cambios ambientais grazas en boa parte aos seus xenes, dos que carecen animais doutras especies parecidas. Para lles facer fronte ás enfermidades dispoñen dunhas células que se chaman hemocitos. Por medio dun microscopio, pódense facer fotos das células como a que podedes ver á dereita.

Hemocitos. Células inmunes de mexillón. O núcleo está marcado en azul e o citoplasma en verde. Marcouse en vermello unha pequena proteína con función antibacteriana e antiviral que só teñen os mexillóns (miticina). / CSIC
As aulas preguntan. O CSIC responde
Moitas grazas pola vosa curiosidade! As vosas preguntas son moi interesantes e gustoume moito poder responder as dúbidas que xurdiron
Alguén te animou a estudar bioloxía?
A verdade é que tiña moitas dúbidas. Porén, sabía que as carreiras relacionadas coas ciencias eran as que máis me interesaban. Decidino no último momento. A persoa que máis me animou foi miña nai.
Que diferenza hai entre xenética e xenómica?
A xenética estuda características de xenes individuais. Por outra banda, a xenómica estuda a estrutura conxunta de todo o xenoma dun organismo. É dicir, todos os xenes no seu conxunto.
É moi duro o teu traballo? Como é unha xornada no CSIC? Que dificultades ten?
Organizámonos en grupos de investigación, que levan a cabo proxectos co obxectivo de resolver dúbidas ou problemas aorredor dun tema concreto. Eu, por exemplo, formo parte dun que estuda a inmunoloxía e a xenómica de organismos mariños. No día a día, facemos experimentos e análises que permiten avanzar nestes coñecementos. Con respecto ás dificultades, creo que o máis importante é a organización das tarefas e ter sempre ganas de seguir aprendendo.
Traballades en equipo ou investigades de forma individual?
En grupo. Isto é bastante importante xa que combinar habilidades sempre dá resultados máis completos.
Que importancia teñen os recursos tecnolóxicos no voso traballo?
Cada vez máis. Precisamos de ferramentas bioinformáticas todos os días e os programas para analizar datos xenómicos son fundamentais.

A clase de 5ºA do CEIP de Chans-Bembrive. / FDV
Cal é o animal que máis che gustou estudar?
A especie máis particular é o mexillón. Ten un xenoma moi complexo, polo que queda aínda moito que traballar para coñecer realmente a súa bioloxía.
Cal é o animal máis perigoso que estudaches?
Grazas por esta pregunta. Recoñezo que é enxeñosa. Sinceramente, ningún. Os animais cos que traballei ata o momento son interesantes, pero nada perigosos.
Por que é importante estudar a xenética dos animais mariños?
Son organismos que forman parte de ecosistemas moi complexos e que teñen funcións relevantes para a súa estrutura e biodiversidade. Ademais, algúns son moi importantes para a alimentación das persoas e desde o punto de vista económico, pois xeran postos de traballo.
Por que os mexillóns viven apegados ás rochas?
É parte do seu ciclo vital. Cando son adultos viven fixados ás rochas, onde filtran auga sen parar para poder alimentarse. Conseguen fixarse por medio duns filamentos que se chaman biso e que xeran un pegamento moi forte.
Hai moitas especies de mexillóns? Cal é a máis común na ría?
Existen varias especies de mexillón (Mytilus chilensis, Mytilus edulis, Mytilus californianus...). O mexillón que está nas nosas rías é Mytilus galloprovincialis.
Atopades residuos plásticos nos animais que estudades?
Nos últimos anos, incrementouse o interese por coñecer o efecto dos microplásticos nos animais mariños. Isto é especialmente relevante nos bivalvos, xa que son filtradores e incorpóranos no seu organismo. Fixemos algúns traballos para estudar o efecto dos microplásticos no mexillón, tanto en animais adultos coma en larvas. Os microplásticos afectan a expresión normal de varios xenes.
- «Trabajo solo por encargo, y tengo una lista de espera de casi dos años»
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- Murió de un infarto a las dos horas de que lo atendieran y le diagnosticaran gastroenteritis
- Cazan a un trabajador vigués jugando al pádel en horas de trabajo y contrataca denunciando impagos
- Andrés Millán, abogado laborista: «Nunca me jubilaría 24 meses antes, como mucho lo haría 19 o 20 meses antes»
- Aurelio Rojas, cardiólogo, recomienda este cambio cuando salgas a caminar: «Es como pasar de ver la tele a entrenar tu sistema cardiovascular»
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable