Máis de 1.800 días
coa teta fóra

A. Chao

A. Chao

Vigo

Non hai clickbait. Veño a falar de tetas. Co permiso de Meta, X ou Tiktok, que xa sabemos que aí a violencia ou a dismorfia corporal si, pero un pezón é o mal. Levo máis de 1.800 días sacando a teta en prazas, restaurantes, parques, supermercados... Iso significa 5 anos amamantando.

Non hai gralla. Non son cinco meses, son cinco anos. Déixolles agora un intre para que xestionen esas extrañezas que, se cadra, se lle plantexan. Créanme, neste tempo —e non só dende que entramos nesa fase da mal chamada lactancia prolongada— coido que escoitei case de todo. «Vai sair rariño», «é a túa elección pero non temos porque aturar que aleites en calquera espazo», «non che dá apuro?», «menuda escravitude», «que pouco feminista iso de estar atada porque só tome teta», «creraste mellor nai ou unha heroína», «pero aínda tes leite? Eu nunca tiven». 

E sempre respondo o mesmo. Que máis tóxica é unha persoa adulta póndolle etiquetas a un cativo, que unha teta ofende pero que toda a violencia que normalizamos e a que expomos aos menores —lembren a que idade se comeza a consumir porno—, non; que a escravitude impona en todo caso un sistema que me fai crer que o apego e a crianza está mal con tal de terme producindo (e consumindo) canto antes. E que non, como alimentes a túa crianza non te define como nai nin como familia. Que cada muller é libre de escoller pero de xeito informado e consciente —as estatísticas de mulleres que realmente teñen hipogalactia son mínimos— e que esa liberdade funciona en ambos sentidos, así que non debemos ser xulgados nós por canto tempo manteñamos a lactancia materna. 

Estaranse preguntando a que vén toda esta perorata se aínda falta para a Semana Mundial da Lactancia Materna que é cando todos a ensalzamos. Por ousadía —ou inconsciencia— e porque me dan espazo para contalo. Pero tamén porque levamos semanas falando de novo sobre as leis que regularan os menús escolares, do plan da Xunta para retomar a prohibición das bebidas enerxéticas en menores e fantaseo con ver énfase nos 1.000 primeiros días de vida, que como di a evidencia científica, determinan múltiples aspectos da saúde física e emocional das crianzas.

Que si, a OMS e Unicef falan de lactancia materna exclusiva durante os primeiros seis meses de vida, que sexa o alimento principal ata o ano e que se extenda cando menos ata os dous. As expertas tamén datan o periodo de destete natural entre os 3 e os 7 anos —cousa á parte é o que cada muller, na súa independencia, decida—.

Pero cal é a realidad? Que nin o permiso de maternidade —nin a ampliación prevista— garante ese periodo mínimo. Coñecemos a Lei para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes e tamén sei que quen considere que «un permiso retribuido de una hora diaria de ausencia del trabajo (divisible en dos fracciones), con el fin de amamantar a su hijo o hija hasta que cumpla los nueve meses de edad» é suficiente para manter unha lactancia exitosa non ten nin idea do que é.

O resultado, coñecer a mulleres que traballan en cadeas de produción e que teñen que decidir se comer o bocata ou sacarse leite, e que acaban facendo as dúas cousas ao mesmo tempo sentadas no váter. Ou abandonando, contra a súa vontade, a lactancia. «A ti pasouche?». Pois non, en absoluto. Pero non debería estar nun grupo de «privilexiadas» porque respectaran todos os meus dereitos. Por que a iso quedan reducidas todas as «recomendacións» para a promoción da lactancia materna, á «boa sorte», sen un marco sólido que verdadeiramente a protexa e mecanismos que velen polo seu cumprimento. O da conciencia social ou o de recoñecer o seu investimento en saúde, e polo tanto no sistema sanitario, xa o deixamos para outro día. 

Descúlpenme. Será ver que fai falta que o Materno de Ourense caiga literalmente a cachos para que se tomen medidas inmediatas cun espazo inseguro e obsoleto ou que se suspendan as cesáreas acompañadas no Cunqueiro sine die o que me fai reflexionar sobre a desprotección á maternidade. Se cadra todo isto lles parece esaxerado, «histérico». Ben, xa saben iso de que as opinión son libres, pero os feitos sagrados. Eses feitos din que a natalidade cae en picado. A miña opinión, que non, que dar teta durante cinco anos non é ningunha heroicidade. A heroicidade, lamentablemente, moitas veces, é maternar (e ser neno ou nena) nesta sociedade.

Tracking Pixel Contents