As gardiás da voz do pobo

Tamara Costas Caamaño, mestra e pandereteira, mantén vivo o legado da cultura popular galega e transmite a súa importancia ás novas xeracións

Grupo As Lagharteiras.

Grupo As Lagharteiras. / Cedida

Gabriela Barreiro

Vigo

«Profe, eu tamén quero tocar a pandeireta». A frase dun alumno do Colexio Maristas de Vigo foi para Tamara Costas Caamaño o mellor recoñecemento ao seu labor: espertar nos máis novos o interese pola música tradicional galega

A semente naceu tras a súa participación no videoclip do himno do Celta xunto ao artista C. Tangana. A aparición co seu grupo, As Lagharteiras, non só lle deu visibilidade, senón que espertou curiosidade e admiración entre o alumnado.

Grupo As Lagharteiras na gravación do himno do Celta.

Grupo As Lagharteiras na gravación do himno do Celta. / Cedida

Costas lembra a gravación como «intensa e respectuosa». «O equipo fixo que todo fora súper cómodo, e atopámonos cun Antón (C. Tangana) con moito respecto pola nosa cultura», afirma. Porén, o máis impactante foi a resposta do público: «Ver como nos arroupaban, como cantaban con orgullo o noso… foi marabilloso».

A raíz daquela experiencia, naceu no centro educativo un grupo de pandeireta e baile tradicional. O proxecto, que comezou con apenas uns poucos interesados, conta hoxe con 60 alumnos. Con eles, a mestra comparte non só técnicas musicais, senón tamén un profundo respecto pola cultura galega e polas súas raíces.

Grupo do Colexio Maristas de Vigo.

Grupo do Colexio Maristas de Vigo. / Cedida

O vínculo de Tamara coa tradición comezou sendo ela mesma unha nena. Desde moi nova tocaba a pandeireta e bailaba, unha paixón que a acompañou incluso mentres cursaba Química e redactaba a súa tese de doutoramento. Xa naquela etapa impartía clases, pero foi nun momento vital decisivo cando tomou a decisión de cambiar o rumbo.

Formouse en Maxisterio, especializándose en Educación Musical e Lingua Inglesa, e definiu con claridade o seu obxectivo profesional: integrar a música tradicional galega na escola como ferramenta educativa e símbolo de identidade cultura

«É importante que os máis novos saiban todo sobre os seus antergos. Xa que así entenderán mellor a súa propia identidade, a da súa familia e a da súa contorna»

Tamara Costas Caamaño

Dende as aulas ata os escenarios, Tamara fai da cultura galega unha bandeira que transmite con rigor, respecto e paixón. Antes ca mestra, foi —e segue sendo— cantareira e pandereteira. É, sobre todo, unha aprendiz constante dun legado que leva anos recollendo, cultivando e espallando con agarimo.

Considera ese patrimonio esencial para comprender quen somos como pobo. «É importante que os máis novos saiban todo sobre os seus antergos: de onde veñen, como era a sociedade na que vivían, cales eran os seus costumes, como se divertían... Xa que así entenderán mellor a súa propia identidade, a da súa familia e a da súa contorna», explica.

Tamara Costas Caamaño.

Tamara Costas Caamaño. / Cedida

Esa convicción naceu ao lado de Carlos Álvarez, quen fora director de As Lagharteiras e unha figura clave na súa formación como investigadora. Con el iniciou un longo proceso de recollida oral por aldeas e vilas de Galicia. Foron anos de escoita atenta a voces que gardaban cancións para cada intre da vida: traballar, chorar, amar, celebrar. «A literatura popular é case infinita!», exclama Tamara.

A tradición oral, tantas veces esquecida ou infravalorada, revelouse como un auténtico mapa emocional da cultura galega. No centro dese mapa estaban elas: as mulleres. Sen cámaras nin micrófonos, abriron un día as portas das súas casas e compartiron cantigas, saberes e memoria. Mulleres anónimas que, sen selo saber, foron gardiás dun patrimonio cultural que resistiu ao esquecemento grazas á súa voz. «Debe ser labor de todos compilar, conservar e compartir o que nos identifica coma pobo», reivindica Costas.

«Elas, sen sabelo, mantiveron vivo todo ese legado. Agora tócanos a nós agradecerllo e mantelo vivo»

Tamara Costas Caamaño

A súa actividade vai moito máis alá das aulas. É fundadora de Tarambainas, que foron as súas primeiras alumnas, e dirixe Vai de Roda, en Rianxo; con ambas agrupacións teñen acadado numerosos premios en concursos; colabora con As Ghandainas, da asociación veciñal de Alcabre; e mantén un vínculo esencial con As Lagharteiras, coas que continúa recollendo e interpretando cantigas tal e como foron transmitidas polas mulleres do rural. Ademais, é a directora de pandereteiras da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro de Vigo, unha das entidades de maior relevancia dentro da música tradicional galega, comprometida coa conservación de todo este patrimonio inmaterial.

As agrupacións que impulsa existen grazas a ese saber herdado de xeracións anteriores. Sen aquelas persoas que decidiron ensinar e contar, boa parte da nosa cultura sería hoxe só ruído de fondo. Por sorte, o traballo que durante anos permaneceu ás sombras comeza agora a ser recoñecido. E Tamara recórdao con emoción: «Elas, sen sabelo, mantiveron vivo todo ese legado. Agora tócanos a nós agradecerllo e mantelo vivo».

Tracking Pixel Contents