Máis aló da aula
Na mochila de hoxe, o libro de matemáticas e o traxe de neopreno
A programación de Educación Física no instituto de Xinzo de Limia traballa as destrezas no medio acuático. Este ano culminaron cun bautismo de mergullo sen saír da Galicia interior

Alumnado do instituto de Xinzo antes de comezar o bautismo de mergullo. / FdV

No 2024, Galicia converteuse na segunda comunidade con máis vítimas mortais por afogamento en España: un total de 64 persoas perderon a vida por mor desta causa. Este é un dos datos que emprega Santiago Roberto Mateos, profesor de Secundaria e Bacharelato desde hai 28 anos, para incluír catro semanas de actividade en piscina dentro da programación de Educación Física, materia que imparte. Este ano, ademais, culminou o proxecto cunha experiencia tan inusual como exitosa e atractiva: un bautismo de mergullo.
Pero vaiamos por partes. Desde hai sete cursos, Mateos exerce no IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia (Ourense). «Se hai dous contidos verdadeiramente importantes que considero que lles podo trasladar na materia de Educación Física, eses son os relacionados cos primeiros auxilios e coa actividade física no medio acuático», explica o docente.
Deste xeito, o traballo na piscina forma parte do currículo que imparte, cun resultado que el mesmo describe como moi satisfactorio. Neste marco, xa alá polo 2020, cando estalou a pandemia e todo cambiou, pola súa cabeza xa roldaba a idea de ir un paso máis aló, poñerlle un colofón especial a esta parte da materia. «Eu mesmo mergullo e parecíame unha experiencia engadida, interesante e que podía ter unha boa acollida», engade.

Primeras tomas de contacto durante a actividade. / FDV
«Se hai contidos importantes na materia, eses son os primeiros auxilios e a actividade física no medio acuático»
Naquel momento non puido ser e o proxecto quedou en stand by ata este curso. «O alumnado deste ano en 4º da ESO é un grupo estupendo, unha moi boa promoción que respondeu extraordinariamente a esta parte da materia, así que tiña diante o momento propicio para retomar aquela idea», afonda Mateos.
Foron tres semanas de planificación adicional xa que se trataba dunha actividade complementaria, voluntaria e extra á programación curricular. En total, 31 alumnos en dous grupos familiarizáronse coa máscara, a bombona de osíxeno, a inmersión, o control da presión e outros tantos aspectos. Fixérono sen saír da Galicia interior, na piscina municipal de Xinzo, pero ese vaso de dous metros de profundidade serviu como porta a un mundo novo.
«Entusiasmados». Así saían da piscina a trintena de mozos e mozas que se animaron a probar a experiencia. «Agora pregúntanme cando podemos organizar unha no mar», apunta o profesor como mostra da euforia que esta primeira toma de contacto suscitara entre o alumnado.
Pola súa banda, Mateos manifesta «satisfacción» polo resultado que ve reflectido nos rapaces cunha iniciativa pouco frecuente pero que logra un equilibrio xenuíno entre dotar de experiencias, coñecementos e ferramentas aos estudantes dun xeito lúdico e atractivo para eles. Todo apunta a que este bautismo de mergullo foi o primeiro para o Cidade de Antioquía, pero que, ante o éxito, non será o último.

Dous alumnos disfrutando da experiencia. / FDV
Como peixe na auga: que se aprende nun bautismo de mergullo como este?
Iñaki Ferreiro González leva dende o 2009 facendo dunha paixón a súa profesión. Dende entón exerce como instructor de mergullo -actualmente en Buceo Islas Cíes- e realiza bautismos en diferente entornos e lugares: Vigo, Pontevedra, Ourense...Precisamente da súa man correu que o alumnado do IESCidade de Antioquía puidese celebrar un bautismo na piscina municipal.
Ao tratarse dun primeiro contacto e nun espazo que ofrece unha profundidade de dous metros, a actividade centrouse en que experimentasen como se fai e se sente respirar cun equipo autónomo baixo da auga. Tamén os introduce noutras cuestións como a comunicación e as principais sinais baixo a auga, como consultar os reguladores, o uso da máscara ou as sensacións co chaleco. Cando se trasladan a outros entornos como o mar -desexo do alumnado que participou na actividade- a profundidade que se acada aumenta ata, aproximadamente, os 8 metros. É entón cando se traballan outros aspectos como compensar a presión nos oídos.
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Última hora en Galicia: sin luz al menos hasta la noche en una jornada de caos total en la comunidad
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- El cirujano Diego González Rivas sorprende a Alba Carrillo con este menú gallego: «Debería ser patrimonio de la Humanidad»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio