Alimentación infantil e menús escolares

Máis froitas e verduras e menos pizzas e croquetas

Anpas de Vigo valoran positivamente a nova normativa de Comedores, pero reclaman recursos para que os prezos non repercutan nas familias

Máis froitas e verduras e menos pizzas e croquetas.

Máis froitas e verduras e menos pizzas e croquetas.

M.B

Vigo

Dentro dun ano entrará en vigor o groso dos artigos do ‘Real Decreto de Comedores Escolares Saludables y Sostenibles’ que vén de ser aprobado polo Goberno de España. A partir do vindeiro mes de abril de 2026, a nova normativa obrigará a todos os comedores escolares do país a garantir un consumo diario de froita e verdura fresca, ademais de servir entre unha e tres racións de pescado á semana. Pola súa banda, pratos como as pizzas, empanadiñas ou croquetas precociñadas quedarán limitados a unha única ración ao mes; e, as carnes roxas, a unha á semana. 

Entre as principais novidades destaca tamén a prohibición de refrescos xa non só nos comedores, senón tamén nas máquinas expendedoras e cafeterías dos centros así como a eliminación das bebidas enerxéticas e a bolaría industrial. Será asemade obrigatorio incluír a oferta de menús veganos. 

A maiores, o decreto non só regula o que compran os centros, senón tamén como. A partir de abril de 2027, é dicir: dentro de dous anos, entrará en vigor a segunda parte desta normativa, segundo a que o 45% da froita e a verdura dos menús deberá ser de tempada; e, ao menos o 5% do costo ou dos pratos principais ao mes, elaborados con materias primas de produción ecolóxica. O aceite para ensaladas deberá ser virxe e, o de fritir, de oliva ou xirasol alto oleico. 

Foanpas estima un aumento de ata o 45% dos prezos

«É importante saber o que comen as nosas criaturas, preocupármonos polo contido dos menús escolares», expón Iria Salvande, presidenta de Foanpas (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo) e membro da directiva de Anpas Galegas, que neste senso valora positivamente que se «pense e se traballe pola calidade alimentaria nos centros». 

Porén, matiza que «non se pode ir de cero a cen en cinco minutos» e pide tempo e sobre todo recursos para levar a cabo esta transición: «É evidente que aplicar o decreto ao 100% vai conlevar un aumento dos prezos. Unha cousa é que as familias fagan un pequeno axuste duns euros, pero as administracións terán que facerse cargo da súa parte proporcional porque senón será imposible», describe a representante, que proxecta un potencial aumento do 45% dos prezos —pasando dos actuais 82,5 euros mensuais aos 120— e xa pensa en reunións a nivel municipal e autonómico para explorar solucións de financiamento. 

«Na comisión de comedores de Foanpas xa levamos moito tempo traballando por ofrecer unha cociña saudable: non teremos que facer cambios no tema do peixe, a froita, os lácteos, pero noutras cousas si nos afecta», di Salvande facendo referencia á segunda parte do decreto: «Se vas a compra xa sabes que os produtos de proximidade son máis caros, igual ca que un tomate ecolóxico costa moitísimo máis», desenvolve. 

Malia que o decreto non entrará en vigor ata abril de 2026, Salvande adianta que á vintena de comedores escolares xestionados por Foanpas — 2.400 menús diarios a través das empresas Cálidus e Arume— comezarán a aplicalo desde o inicio do vindeiro curso, en setembro. «Iremos incorporando os novos elementos paulatinamente para en abril telo correctamente implementado», concreta. 

Martín Diéguez é responsable do comedor e presidente do ANPA Penedos do CEIP Laredo, que ao lado das anpas do CEIP Alexandre Bóveda e do CEIP Igrexa-Valadares, xestiona os comedores destes tres centros de Redondela a través de Cálidus. «Xusto onte falabámolo coa empresa de catering. Os produtos ecolóxicos poderían aumentar algo. De todas formas, é só unha posibilidade, aínda o están estudando», responde ao ser preguntado a este respecto e amósase prudente ao compartir unha valoración sobre o decreto. Con todo e con iso e «a falta de velo con lupa», pensa que moitas das medidas incluídas na normativa xa están implementadas nos centros que xestionan. «Dalgunha forma e sen planealo, adiantámonos á lei. O peixe e as verduras son piares dos nosos menús e evitamos todo o posible a bolaría industrial, que por exemplo xa está prohibida nos recreos do cole», describe para deixar claro que a prioridade da anpa é «ofrecer produtos bós e sans en menús que non deixen de ser atractivos para os rapaces». 

O investimento en comedores de Galicia supón o 10% de toda España

Pola súa banda, desde a consellería de Educación da Xunta de Galicia explican que aínda están avaliando o decreto dado que, engaden, descoñecíano «por completo ao non ser pactado nin abordado coas comunidades». Neste contexto, denuncian a actitude do Goberno central co que califican como «un novo exemplo de ‘eu convido e ti pagas’»: «Non aporta nin un só euro aos comedores galegos e excédese nas súas competencias sen negociación. Ante isto, reclamámoslle que, máis aló das palabras, se comprometa tamén economicamente como xa facemos desde a Xunta».

Ademais disto, subliñan que «Galicia conta xa cun moi bo servizo de comedor escolar con menús equilibrados, deseñados e supervisados por nutricionistas». «É un servizo da Xunta grazas ao cal servimos 62.000 menús diarios, é dicir, 11 millóns de menús cada curso. Cada día investimos 300.000€ euros en prestar este servizo, uns 55 millóns de euros cada curso. O investimento en comedores de Galicia supón o 10% de toda España pese a ter unha poboación inferior ao 6%», describen. 

No caso concreto de Vigo, a Consellería xestiona un total de 21 comedores escolares con 3.660 usuarios. Estes comedores están financiados integramente pola Xunta de Galicia e as familias abonan un prezo por menú en función da renda. Con carácter xeral, 8 de cada 10 usuarios dos comedores xestionados pola Consellería utilizan o servizo totalmente de balde ou pagando tan só 1 euro, e só o 14 % abona a contía máxima, de 4,5€/día.«Todo isto cunhas tarifas conxeladas que non se incrementaron pese ao contexto de suba inflacionista que houbo estes anos de atrás», apuntalan.

A maiores, a través dunha liña de axudas para anpas, a Consellería financia parte do servizo de comedor que xestionan estas entidades en Vigo. Trátase de 21 comedores con 1.965 usuarios e Educación tamén conta con outra liña de axudas exclusiva para as entidades de atención á diversidade, onde financia o comedor escolar de 3 centros xestionados por estas entidades e que suman 74 usuarios.  

Tracking Pixel Contents