Día das Letras Galegas

Ao compás da pandeireta

A edición de 2025 do Día das Letras Galegas reivindica a poesía popular oral e rende homenaxe ás mulleres que a transmitiron a través da palabra, a música e a memoria colectiva

Lucía Pérez e o seu  grupo no Concurso Canto e Percusión-María Soliña.

Lucía Pérez e o seu grupo no Concurso Canto e Percusión-María Soliña. / Cedida

Gabriela Barreiro

Vigo

Durante séculos, Galicia foi percorrida por unhas voces que non precisaron nunca papel para existir. Palabras que viaxaban de xeración en xeración e que atopaban na memoria colectiva o seu lugar. Este 2025, con motivo do Día das Letras Galegas, celébrase esa forza invisíbel que nos une: a poesía popular oral, unha expresión que soubo resistir ao tempo sen perder a súa esencia.

E foron as cantareiras, regueifeiras, pandereteiras… quen lle deron forma. Mulleres que, na lareira, ao pé do río ou entre os campos de millo, gardaron un saber antigo, transmitido de boca en boca como quen pasa un segredo que non pode perderse. E así, sen pretendelo, fixeron da oralidade un dos piares máis valiosos do noso patrimonio.

Hoxe, esa tradición oral segue sendo unha parte esencial da nosa identidade cultural. Unha desas voces que gardan e transmiten é a de Patricia Méndez da Fonte para quen a pandeireta foi parte da vida cotiá. «Meus pais coñecéronse nun grupo folclórico, Lembranzas Galegas, e dende os dous anos xa estaba metida no mundo da cultura tradicional galega». Despois de 36 anos tocando, esa paixón segue viva, agora tamén nas mans das súas fillas.

Patricia Méndez  e o seu grupo Froles Novas.

Patricia Méndez e o seu grupo Froles Novas. / Cedida

A máis nova, Lucía, segue os seus pasos con orgullo. Ten 15 anos e leva tocando dende os cinco. «Ao principio era un xogo, algo que facía coa familia na casa. Pero co tempo entendín que é unha maneira de sentirme parte de algo, de coñecer as miñas raíces».

Eva Fernández comezou con só seis anos na ACF O Fiadeiro de Vigo, xunto aos seus pais. «De pequena, miña nai tamén bailaba, así que decidiu retomalo e anotámonos os tres na asociación». Dende entón, leva 18 anos tocando e cantando. Hoxe, mantén o vínculo co baile tradicional e impulsa o proxecto Rebelico Revista, co que achega a cultura galega ás redes sociais: modernidade e raíz camiñando da man.

Eva Fernández  tocando a pandeireta.

Eva Fernández tocando a pandeireta. / Cedida

A paixón pola música tradicional tamén naceu cedo para Lorena Martínez. Comezou bailando na Peña Xuntanza con só tres anos e axiña se achegou á música: «empecei a tocar a pandeireta e tamén a gaita, o tambor, o bombo... e cantando coma cantareira coas compañeiras». Aos 17, tivo que deixar os grupos por cuestións laborais, pero nunca se desvinculou do todo. Hoxe segue tocando cando pode e mesmo incorpora a pandeireta nos concertos da orquestra coa que actúa: «aproveito para tocar a pandeireta en directo nalgunha das cancións galegas. É como andar en bicicleta: nunca se esquece».

Aínda que as protagonistas deste ano son elas, tamén hai homes que recollen e continúan ese legado. Como Borja Pita Silva, que leva tocando dende neno. «Meu pai, que é de Teruel, regaloume un bombo porque alí hai moita tradición de tocalo nas festas. Eu quería aprender, pero as clases coincidían coas de pintura. Así que dixen: se non é bombo, será pandeireta. E aí empezou todo». A súa historia, coma a de tantas outras persoas novas, lembra que esta tradición está moi viva e con moito por diante.

O valor das voces invisíbel

Todos eles comparten unha mesma certeza: que esta cultura merece ser coidada, celebrada e visibilizada.

«É moi importante que non se esqueza esta parte nosa, que é a cultura de Galicia»

Lorena Martínez

A dedicación deste 17 de maio ás cantareiras e pandereteiras emociona especialmente a Lorena. «Xa tocaba que se lles fixera un guiño, un recoñecemento á nosa cultura. Moitas das historias contábanse a través dos cantos populares, e é unha pena que iso se perda». Para ela, este tipo de homenaxes son fundamentais para manter viva a tradición e tamén para inspirar ás novas xeracións: «Oxalá que este recoñecemento anime á mocidade a aprender a tocar a pandeireta, a formar parte dun grupo de cantareiras».

Reclama tamén máis espazo nos medios, nas asociacións e nas escolas para manter viva esta parte esencial do noso patrimonio. «É moi importante que non se esqueza esta parte nosa, que é a cultura de Galicia».

Lucía vive este momento cunha emoción parecida. Ao saber que o Día das Letras Galegas se dedicaba ás pandereteiras, sentiuse «feliz e orgullosa»: «Iso significa que o que levo facendo toda a vida é importante, que forma parte da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua».

Lucía Pérez e o seu  grupo no Concurso Canto  e Percusión-María Soliña.

Lucía Pérez e o seu grupo no Concurso Canto e Percusión-María Soliña. / Cedida

Para ela, a pandeireta non é só un instrumento: «É ritmo, é voz, é forza de mulleres que cantaban para traballar, para celebrar e para resistir». Cando sobe a un escenario, sente que «levo algo no sangue, que transmito o orgullo de ser galega». E, como súa nai, desexa que esta cadea non se rompa: «Espero que as miñas fillas e moita máis xente sigan tocando a pandeireta, para que esta tradición tan bonita siga moitos anos máis».

Patricia, súa nai, coincide en que esta homenaxe é moito máis ca un símbolo: «É moi importante darlles visibilidade a estas mulleres. Moitas ensináronnos o que sabían cando eran mozas. Grazas a elas puidemos recuperar pezas e gardalas». O seu recoñecemento é tamén un acto de memoria.

Tamén Borja subliña ese vínculo invisible pero presente: «Formar parte da tradición é moi bonito. Ao final, todos levamos dentro algo, todos recoñecemos as pandeiretas, as cantareiras, os aturuxos… incluso sen sabelo». Por iso valora profundamente a homenaxe deste ano: «É moi importante que se lles dedique ás pandereteiras. Elas manteñen viva a tradición e é esencial que non se perda».

Para Eva, este 17 de maio supón un punto de inflexión: «Penso que é un recoñecemento moi importante para a nosa tradición e para todas as mulleres que sostiveron os nosos cantares e toques de xeración en xeración». Destaca que queda moito por facer: «Xa levamos camiño andado, pero aínda queda por percorrer». E sente, con convicción, o seu papel nesta tarefa colectiva: «Sinto un orgullo inmenso de poder contribuír a conservar a nosa tradición e costumes e a homenaxear aos nosos maiores, porque sen eles non seríamos o pobo que somos hoxe».

Porque a poesía popular oral galega constrúe un patrimonio cultural inmaterial que sobreviviu ao esquecemento grazas ás mulleres que nunca deixaron de cantar. Coas súas voces, fixeron do rural un espazo poético e coas súas pandeiretas fixeron da memoria unha festa. 

As 7 grandes Mulleres Distinguidas

  1. Rosa Casás rama (Cerceda): Distinguiuse polo seu dominio da pandeireta e para improvisar letras. Foi unha das grandes cantareiras galegas e unha figura clave na preservación da poesía oral tradicional xunto coa súa tía Adolfina Casás. 
  2. Adolfina Casás Rama (Cerceda): Considerada unha das máis destacadas representantes da tradición oral galega. Xunto coa súa sobriña Rosa Casás Rama, formou un dúo emblemático de cantareiras, coñecido pola súa entrega ao canto tradicional e á pandeireta.
  3. Manuela Lema (Malpica): Formou parte das Pandeireteiras de Mens, grupo co que viaxou por Europa e América, acompañando á Agrupación Folclórica Aturuxo. A súa traxectoria foi fundamental na recuperación e difusión da música tradicional galega.
  4. Eva Castiñeira Santos (Muxía): Desde nena destacou como cantareira nas festas, xa adulta, fixo historia ao converterse, xunto coa súa irmá Engracia, nunha das primeiras pandeireteiras en actuar nun escenario con música folk. 
  5. Teresa García (Malpica): Máis coñecida como Teresa da Cambada, foi unha das primeiras integrantes das Pandeireteiras de Mens. Destacou como cantareira pola súa participación activa no grupo, contribuíndo á preservación da tradición oral galega.
  6. Prudencia Garrido Ameixenda (Malpica): Foi unha das fundadoras das Pandeireteiras de Mens xunto coa súa irmá Asunción. A súa participación no grupo foi esencial para manter viva a música tradicional galega. 
  7. Asunción Garrido Ameixenda (Malpica): Xunto coa súa irmá Prudencia, foi integrante destacada das Pandeireteiras de Mens e viaxou levando a música tradicional galega a escenarios internacionais e achegándoa a novos públicos.
Tracking Pixel Contents