Mes do libro

Recomendacións lectoras con ritmo galego

Aproveitamos o Mes do Libro para propoñer lecturas que recollen a nosa tradición oral e cultural

Escolma de lecturas para conmemorar o mes do libro.

Escolma de lecturas para conmemorar o mes do libro. / FdV

Gabriela Barreiro

Vigo

No mes de abril, celebramos os libros, a lectura e a palabra escrita... pero tamén é un bo momento para lembrar que non toda a literatura nace do papel. Durante séculos, en Galicia escoitáronse voces que non precisaron nunca ser escritas para existir: eran coplas, cantigas, versos e contos que viaxaban de xeración en xeración e que atopaban na memoria colectiva o seu lugar.

Este Mes do Libro serve tamén como antesala do Día das Letras Galegas, que neste 2025 quere poñer en valor esa tradición oral e popular que nos acompaña desde sempre. A Real Academia Galega dedica esta edición á poesía popular oral a través dunha homenaxe colectiva a varias mulleres que souberon conservala e transmitila: Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Malpica): Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.

E que mellor maneira de celebrar este legado que a través da lectura. Por iso, propoñémosche achegarte a unha escolma de libros que falan do noso, da maneira galega de ver e habitar o mundo. Hai propostas para todos os gustos e idades, mais todas cun punto en común: falan de Galicia e en galego.

Comezamos polos máis pequenos, cun conto sinxelo e encantador como Maios e Desmaios, que introduce aos nenos e nenas no mundo dos maios, esa celebración chea de flores, coplas e creatividade que marca a primavera galega. A historia, ademais, xoga co humor e coa linguaxe popular, introducindo o divertido concepto do “desmaio”, facendo que tradición e xogo vaian da man.

Nas mesma liña está Biscoito de castañas, un conto que mestura unha lenda popular co sabor auténtico do rural galego. Nesta obra, os cativos descubrirán a importancia das castañas na nosa cultura e, de paso, aprenderán a cociñar un biscoito delicioso con elas. Unha experiencia lectora que entra polos sentidos.

Se falamos de música e tradición oral, non podemos esquecer Canta, miña compañeira (O legado das cantareiras), unha obra que fai unha viaxe pola historia das pandereteiras en Galicia. A través de contos, anécdotas e curiosidades, recóllese o legado destas mulleres que, como as homenaxeadas deste ano, mantiveron viva a poesía popular nas aldeas, nas festas e nos seráns.

Outro libro que non pode faltar é Sei cantar e sei bailar, que relata a viaxe e o traballo incansable de Dorothé Schubarth, unha muller que, sen ser galega de nacemento, soubo amar e recoller o noso patrimonio musical coma poucas. A súa historia é tamén a historia dun pobo que canta para lembrar, para resistir e para celebrar a vida.

Para os que prefiren a poesía, Tacón, punta, tacón ofrece un poemario cheo de retranca e identidade, onde os elementos máis típicos da cultura galega —do baile á comida, da paisaxe ás emocións— cobran vida a través dos versos. É unha lectura para saborear amodiño, con ritmo e musicalidade.

Mais tamén hai espazo para a maxia e a fantasía, como nos mostra A excursión a Cans (Unha veciña de película), unha historia tenra e divertida onde un grupo de escolares visita o coñecido festival e descobre que unha veciña moi especial agocha segredos inesperados. Con toques de humor, inclusión e maxia, esta obra celebra a creatividade galega e o valor da comunidade.

Por último, O bestiario científico de Anxos Nogueira ofrece unha proposta moi orixinal, combinando a mitoloxía tradicional con explicacións científicas modernas. Criaturas fantásticas que forman parte do imaxinario galego preséntanse aquí dende unha perspectiva nova, que convida á reflexión e á aprendizaxe sen perder o espírito lúdico.

Este mes é unha ocasión para lembrar que a poesía popular oral, ademais de tradición, é tamén literatura. Acompaña á sociedade galega dende sempre, forma parte da súa identidade e transmite unha sabedoría herdada de xeración en xeración. Este Día das Letras Galegas recoñece o valor desas voces que fixeron posible que esta herdanza chegase ata hoxe, e ler os libros que recollen esa memoria é unha forma de mantela viva. Porque mentres haxa quen cante e quen conte, a nosa lingua continuará existindo

Tracking Pixel Contents