Memoria histórica, materia pendente
«Antes a ignorancia era atrevida, hoxe é perigosa»
Falar da Guerra Civil, a ditadura ou a represión vivida en Galicia ocupa un espazo reducido no currículo académico. Como repercute isto na memoria histórica e o coñecemento das novas xeracións?

A profesora María Vázquez, do IES Alexandre Bóveda, observa o mural feito polo alumnado. / Alba Villar
Preguntamos a través dun cuestionario anónimo a 19 alumnos de segundo de Bacharelato do IES Rosais II, en Vigo, se saben algo sobre os campos de represión franquista que se espallaron por Galicia durante a ditadura. Varias persoas responden de forma afirmativa, aínda que especifican: «Si, pero non moito». Só un se estende algo máis e escribe: «Eran moi parecidos aos de Hitler. Aínda que non foron tan coñecidos, a represión e a tortura era practicamente similar».
As respostas tínguense dunha maioría abrumadora de ‘non’ cando se lles pregunta se coñecen nomes de represaliados galegos ou si saben que son os lugares da memoria da cidade olívica. O certo é que moitos destes estudantes están a piques de comezar a estudar agora por primeira vez este período da nosa historia, xa que forma parte dos contidos avaliables para Selectividade.
A Guerra Civil e a ditadura franquista son unha páxina en branco para a meirande parte do estudantado galego. O descoñecemento é aínda maior se nos referimos aos feitos que aconteceron en Galicia. A represión ideolóxica, os encarcelamentos e mesmo os asasinatos ocorridos naqueles anos parecen quedar cubertos dunha capa de voaxa e esquecemento.
A contrarreloxo

Alumna e profesora observan o mural do IES Alexandre Bóveda. / Alba Villar
«O problema da asignatura de Historia de España é que temos un temario moi amplo que hai que impartir íntegro. Imos con moita présa, non da tempo a profundizar», explica María Vázquez, profesora de Historia en Bacharelato no IES Alexandre Bóveda, quen denuncia que o tempo adicado a esta materia no último curso reduciuse a «tres horas lectivas por semana» e non é suficiente.
Mesma visión comparte Rosa del Río, do IES Rosais II: «No mes de maio hai xa só tempo para recuperacións ordinarias, e non rematar ben o temario restaríalles posibilidades de abordar o exame da PAU nas mellores condición».
Alberto Hernández, profesor de Historia do Mundo Contemporáneo no Álvaro Cunqueiro, considera que debería facerse máis fincapé nesa etapa, mais «non unicamente na materia de Xeografía e Historia». Por exemplo, propón incluir estes temas en Oratoria (3º da ESO), en Filosofía ou nalgunha asignatura de Educación en valores, aínda que o ve complexo: «Tampouco hai un contexto social, político e educativo que axude, en especial porque non hai un consenso político á hora de condenar o que aconteceu».
Unha abordaxe máis profunda deste período histórico quedaría relegada, en todo caso, a asignaturas como a que imparte Alberto en 1º de Bacharelato; porén, esta é tan só optativa e entre os seus contidos non se atopa a Guerra Civil ou o franquismo. Polo menos non «directamente», xa que si cobre un contexto histórico chave para entendelo: os totalitarismos da primeira metade do século XX e a Segunda Guerra Mundial.
«Tampouco hai un contexto social, político e educativo que axude, en especial porque non hai un consenso político á hora de condenar o que aconteceu»
«Todo o aspecto ideolóxico que revestiu a chegada do franquismo viña cargado de ideas que procedían precisamente dos dous movementos totalitarios de dereitas que estaban en auxe en Europa nese momento (nazismo e fascismo italiano)», apunta Hernández, «Tampouco hai que esquecer que a Guerra Civil española foi o campo de probas que empregaron os alemáns e os italianos para futuras invasións coma a de Polonia ou a de Albania, polo que están todas moi relacionadas».
Xusto esa parte de contexto é a que bota en falta na preparación dos menores a mestra do IES Alexandre Bóveda. No caso dos rapaces que optan polo plan de estudos de Ciencias, como os enquisados para esta reportaxe, a última vez que estudaron algo de Historia foi no último ano da ESO. Cando chegan a segundo de Bacharelato, non se acordan de practicamente nada.
Profundizar na memoria

Traballo sobre o nacionalcatolicismo no mural do IES Alexandre Bóveda. / Alba Villar
Deste xeito, situámonos ás portas de rematar o último curso da etapa pre-universitaria cunha ampla serie de temas pendentes que resultan case unha novidade para o alumnado. E as condicións obrigan moitas veces a dar a clase «de xeito maxistral», deixando nun segundo plano as posibles referencias á historia local.
«Noutros niveis, ben en 1º de Bacharelato ou ben en Secundaria, si hai máis posibilidades de complementar o que explicas con documentais ou saídas didácticas. Por exemplo, ata que o mosteiro de Oia comezou as obras de restauración eran habituais as visitas anuais e algo ao que sempre se lle adicaba tempo era á parte vencellada ao campo de concentración», relata Rosa del Río, «Se nalgunha parte do percorrido o alumnado presentaba máis atención, era nesa».
«A historia de España non son as batallas nin os grandes feitos, a historia de España son as historias dos españois, dos galegos, dos vigueses»
Cantos estudantes vigueses saben que na cidade hai lugares destinados á memoria das vítimas da represión franquista? Por exemplo, o monumento da subida á capela da Guía ou o monolito situado xunto á praia da Fonte, en Alcabre, que lembra aos asasinados no ano 1936. O certo é que poucos, pero non é culpa deles nin do profesorado; a cidadanía en xeral descoñece gran parte da memoria histórica local e o silencio sobre o acontecido dentro das propias familias dificulta a súa lembranza.

Maqueta do campo de concentración de A Guarda. / Alba Villar
«A historia de España non son as batallas nin os grandes feitos, a historia de España son as historias dos españois, dos galegos, dos vigueses», afirma María Vázquez. A profesora do IES Alexandre Bóveda (cuxo nombre conmemora xustamente a un dos políticos galeguistas asasinados ao comezo da Guerra Civil), ten ben claro que coñecer a historia propia é o primeiro paso e o máis esencial para estudar o pasado.
Por iso, propón ao seu alumnado, dende fai unha década, un exercicio de historia oral e viva ao chegar o terceiro trimestre. Consiste en entrevistar ao membro da familia máis vello e deixarlle falar sobre o pasado. Onde naceron? Tiveron oportunidade de estudar? Que lembran da posguerra?
«O que me interesa é que fagan un contraste de como foi a vida desta xente que, por desgraza, está morrendo, e a vida que eles están vivindo agora de adolescentes. Ao principio resístense un pouco, dálles preguizar sentar co avó ou avoa a falar, pero aprenden moitísimo e saen temas moi emocionantes. Moitas veces falan de franquismo sen saber que o falaron, porque falan de inmigración, da fame…», conta Vázquez.
Ademais, os estudantes de Bacharelato do Alexandre Bóveda elaboraron este curso un gran mural que inauguraron fai escasos días. Nel recompilan as súas investigacións persoais sobre diversos episodios da represión franquista acontecidos en Galicia: o asalto do Bou Eva no Porto de Vigo (1937); o campo de concentración de prisioneiros de Camposancos, en A Guarda; a cárcere da Illa de San Simón ou «os paseados de Moaña» son algunhas das historias que mostran os seus traballos.
«A historia non se pode negar»

Vista en detalle dos traballos do alumnado. / Alba Villar
Estudar e coñecer o noso pasado parece máis relevante que nunca nun contexto onde a extrema dereita está tomando de novo forzas no mundo occidental.
«É importante facerlle lembrar ao alumnado de onde vimos e cara onde poderiamos ir en función do que podemos observar dun pasado, recente ou non tanto. E sobre todo, quitando calquera tipo de bandeira política, defendendo a democracia e os dereitos humanos, tan necesarios e tan a reivindicar en todo momento», sostén Alberto Hernández.
Tanto el coma Rosa del Río e María Vázquez detectaron que é entre os rapaces máis noviños, de 2º e 3º da ESO, onde circulan certos comentarios de tintura fascista, algunha que outra afirmación de que «con Franco vivíase mellor». Vázquez conta que nunha aula apareceu colgada unha bandeira franquista na cortiza. Sucesos anecdóticos que se resolven falando co alumnado, pero que deixan entrever que ese tipo de mensaxes estanlles entrando por algunha canle e, a ollos do profesorado, son as redes sociais.
«O problema agora é que a verdade non cotiza. Antes dicíase que a ignorancia era atrevida, hoxe é perigosa. E a historia non se pode negar, non se trata de facer posicionamento político nas aulas. Os feitos son incontestables», sentencia Vázquez.
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- Iturmendi, una ferretería con más de 80 años que vendió las primeras lavadoras de Vigo
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»


