Día Internacional da Muller

Choiva de carteis polo 8M: «Que queremos ser de maiores? Iguais»

Seis centros educativos galegos, premiados no certame gráfico do Día Internacional da Muller

«Que queremos ser de maiores? Iguais», gañador na primeira categoría.

«Que queremos ser de maiores? Iguais», gañador na primeira categoría. 
 / CEIP Monseivane de Lanzós

R.V

Vigo

Centros de todos os rincóns de Galicia súmanse estes días á conmemoración dunha das efemérides máis importantes do curso; esa que, cada 8 de Marzo, chega para recordarnos a necesidade de traballar pola igualdade de xénero durante todos e cada un dos 365 días do ano. 

E é que se algo «queremos ser de maiores», iso é «iguais», tal e como subliña a obra gráfica gañadora da primeira categoría dos VIII Premios do concurso de carteis conmemorativos do Día Internacional das Mulleres

Organizados pola Xunta de Galicia a través das direccións xerais de Promoción da Igualdade e de Ordenación e Innovación Educativa, estes premios buscan dar visibilidade á participación das mulleres nos diferentes eidos da vida pública.

A importancia de seguir fomentando a igualdade real entre as mozas e mozos tanto dentro como fóra das aulas representou deste xeito a mensaxe principal durante o acto de entrega dos Premios, celebrado este xoves en Santiago e no que resultaron gañadores un total de seis centros pola súa «orixinalidade e capacidade de reflexión»: tres de Ourense, un de Vilalba, un de Lugo e outro de Vigo. 

Na primeira categoría, resultou gañador o grupo de alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Monseivane de Lanzós, no concello de Vilalba, autor do xa referido cartel «Que queremos ser de maiores? Iguais». O segundo premio desta categoría recaeu nun grupo de alumnado de 5º de Educación Infantil do CEIP A Ponte de Ourense, que presentaron a proposta titulada «Arela de muller: igualdade e poder».

«Arela de muller: igualdade e poder», segundo premio na primeira categoría.

«Arela de muller: igualdade e poder», segundo premio na primeira categoría. / CEIP A Ponte Ourense

Na segunda categoría, dirixida a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO e Educación especial, o primeiro premio foi para o cartel titulado «Xuntas», presentado por un grupo de alumnado do CEE O Pino de Ourense. O segundo galardón foi para outro grupo de rapaces e rapazas do CEIP Monseivane de Lanzós, en Vilalba, pola súa proposta «Camiñando cara a Igualdade». Nesta categoría concedeuse un accésit a un grupo de alumnos do CEE Santa María de Lugo, que presentaron a obra «Sempre con forza NOSOUTRAS».

Por último, na terceira categoría do certame, o primeiro premio recaeu en estudantes de 3º da ESO do IES Alexandre Bóveda, co cartel «A igualdade non é un soño, é un dereito». Ademais, o segundo premio foi para a peza «Xuntas somos máis fortes», de 3º da ESO do Colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús de Ourense.

Tracking Pixel Contents