Mellor en galego
«Aínda non o saben, pero a lingua do país é o seu dereito»
Radiobosco, Premio Irmán Reboiras á Mellor Iniciativa para o Fomento do Galego: «Estes recoñecementos tiran do orgullo pola lingua dos rapaces»

Alumnado do colexio Don Bosco gozando da radio escolar. / Cedida
M. B.
O esforzo compartido e sostido no tempo da radio escolar do colexio Don Bosco - Salesianas Vigo, coñecida como Radiobosco, vén de ser recoñecido co Premio Irmán Reboiras á Mellor Iniciativa para o Fomento do Galego, concedido o pasado novembro pola Asociación Escolas Católicas co apoio de Rodeira, e no que tamén foi galardoado o colexio Esclavas de A Coruña.
En concreto, o galardón premia unha batería de cuñas transversais, tanto nos seus temas como nas idades dos estudantes, emitidas integramente en galego no marco da aposta do centro vigués polo «fomento da lingua do país como medio vehicular para achegar a información cultural de interese á comunidade educativa».
«Despois de moitos cursos traballando con moita ilusión, este premio recoñece o esforzo de todo o alumnado. Por iso é tan importante para nós», valora Teresa Bobilla, profesora da ESO e impulsora da radio escolar.
Para o mestre de galego Héitor Mera, estes recoñecementos supoñen «un reforzo para continuar traballando pola presenza do galego nas aulas», pero sobre todo son importantes porque «tiran do orgullo pola lingua» dos rapaces nun contexto no que, ao cabo, non é doado ser optimista. Cómpre recordar que hai só uns meses coñecimos que, por primeira vez en Galicia, a poboación que fala castelán supera xa á que se decanta pola lingua propia da comunidade.
Mera, que foi concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística en Cangas e autor da primeira tese presentada en lingua cooficial na historia da UNED, confirma que existe un rexeitamento entre os rapaces — «eles non ligan en galego, non socializan en galego, nin se lles ocorre»— , o que considera xa un problema de «competencia lingüística» —«non hai relevo xeracional porque os seus pais ou incluso avós non lles falan en galego»—; e pón en valor o papel dos mestres, especialmente en cidades tan «castelanizadas» como Vigo.
«Obviamente aínda non son conscientes, pero o galego é o seu dereito. O traballo dos docentes faise máis importante para que o podan desenvolver no futuro. Para poder elixir, o primeiro é ter o coñecemento previo», reflexiona Mera para citar a Castelao: «Si somos galegos é por obra e gracia do idioma. Se perdemos a lingua, perdemos a nosa esencia».
Con todo, o mestre aléntanos a ir máis alá da educación con referentes deportivos, políticos, económicos; e apunta tamén ao papel da prensa, onde anima aos xornalistas a non traducir as declaracións que se lle dan en galego e subliña exemplos como o do ilustrador e humorista Luis Davila: «Ti crees que á xente non lle gusta Davila? Estache dicindo que o que ti es é fantástico (...) Está facendo unha labor de orgullo do país marabillosa».
A radio, máis viva que nunca
O proxecto Radiobosco combina a imprescindible aposta polo galego nas aulas co enorme potencial da radio como ferramenta de educación integral e é que, lonxe de perder fol co paso do tempo, este medio non fai senón revalorizarse ata o punto de parecer máis vivo que nunca. Reconvertida grazas a formatos como o podcast, mantense como unha novidade motivadora para os estudantes: «Gústalles moito xogar coas voces e os micrófonos, gravar entrevistas, empregar as novas tecnoloxías, pensar novas ideas e saír das clases para adicarse a una actividade activa», despídese Teresa Bobilla.
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- El juez del caso Rubiales al abogado de Jenni Hermoso: 'Si sigue así le doy la sentencia para que la ponga ella