Adopción e acollemento
Visibilizar para existir: polo coidado da adversidade temperá
A asociación galega Manaia colabora no proxecto Brighter Future para mellorar a formación dos docentes sobre os nenos que forman parte do sistema de protección

As necesidades dos nenos do sistema de protección son «invisibles» en moitas ocasións.
Os metros cadrados que compoñen unha aula dan acollida a moitas vidas. Cada neno e nena leva na súa mochila, ademais do estoxo e algún que outro caderno, unha historia persoal da que, en certas ocasións, os demais só coñecen unha pequena parte.
Nos últimos anos cobrou protagonismo o concepto de «diversidade», pese a que as realidades que reflicte sempre estiveron alí. A Xunta aprobou no 2011 un decreto de regularización da atención á diversidade nos centros educativos, entendendo como tal o «conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado».
Dez anos despois, a norma se actualizou e concretou as diferentes causas polas que os alumnos poden precisar un apoio educativo específico; dende trastornos do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación» ás «altas capacidades intelectuais» ou unha incorporación tardía ao sistema educativo.
Tal e como afirma Águeda Ruibal, mestra e coordinadora de Educación de Manaia, asociación dedicada a informar, apoiar e acompañar ás persoas en proceso de adopción ou acollemento dende Galicia, «o que non se visibiliza non existe». Por iso, loitan por incluír nesa listaxe o caso dos cativos que forman parte do sistema de protección, é dicir, «nenos e nenas acollidos, adoptados ou que nalgún momento, polo que sexa, foron ou están sendo tutelados, ben en familias ou en centros».
Necesidades «invisibles»
«Eses nenos teñen unha traxectoria de vida que normalmente non é coñecida, e non ten por que selo, pero existe unha serie de necesidades que hai que cubrir», declara Ruibal, quen apunta que estas necesidades son «moitas veces invisibles» si se comparan, por exemplo, coas dun neno neurodiverxente ou con diversidade funcional. «Non queremos que os nenos estean sobreetiquetados, pero é certo que as etiquetas axudan a visibilizar».
Segundo explican dende a asociación, estas necesidades son, na súa maioría, no eido afectivo e emocional, aínda que cada caso é un mundo e poden chegar a presentarse dificultades a nivel cognitivo. «Fáltanlles moitas veces habilidades sociais, non saben como relacionarse cos seus compañeiros porque non teñen estratexias para utilizar», expresa Águeda Ruibal, «Entón, poden darse certos comportamentos disruptivos na aula, sobre todo en tempos non estruturados como é o rato do patio». Ademais, son nenos «aos que lles afectan moitísimo os cambios» e son «moi sensibles» ante certos temas como a familia, a identidade ou a xenética. «Se non caemos na conta de que isto pode ser así, poden darse situacións que non imos entender», recoñece a mestra.
‘Brighter Future’: alumeando o camiño
Un dos últimos proxectos nos que participou a asociación Manaia foi ‘Brighter Future’, un consorcio liderado pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e outros seis socios de diferentes países, «orientado á innovación en materia de inclusión escolar e social de nenos en acollida e adoptados, a través da formación de profesionais da educación que promovan o desenvolvemento de competencias de nivel superior que permitan mellorar prácticas sensibles e inclusivas».
Durante tres anos e medio, os profesionais elaboraron un informe analizando os desafíos da inclusión destas realidades, unha biblioteca en liña con artigos e recursos especializados, un módulo formativo dirixido aos futuros docentes e unha guía para o profesorado. Este documento, dispoñible para consulta na páxina web oficial de ‘Brighter Future’, está dotado con sendas estratexias para poñer en práctica na aula.
Águeda Ruibal, coautora da guía, admite que «aínda queda moito camiño por andar».
«Dende o profesorado hai sensibilidade, pero non se coñecen as consecuencias reais. Hai moita desinformación e pouca formación», conclúe.
10 ideas para o profesorado
- Establecer unha rutina de benvida e despedida: Así asegurarás que cada neno pode comunicarse persoalmente contigo cando sexa necesario.
- Preparar aos nenos para o que vai ocorrer: Sobre todo, nos momentos de transición e de cambios na rutina.
- Acordar a súa localización na aula: Busca un lugar no que se sintan seguros (por exemplo, cunha parede detrás ou xunto a unhaporta).
- Comprobar regularmente o seu estado: Pode ser algo tan sinxelo como levantar o polgar ou asentir coa cabeza mentres realizan as tarefas.
- Respirar profundamente ante as dificultades: Empregando uns segundos para a reflexión antes de reaccionar ante unha situación difícil ou un comportamento que non nos pareceu adecuado.
- Axudar aos nenos a manter a calma: Para iso, ofrécelles actividades tranquilizadoras e repetitivas, como por exemplo, clasificar os lapis de cores ou revisar as tarefas.
- Traballar xunto a eles: Fai algunha actividade que facilite a relación. Por exemplo, completar un crebacabezas.
- Ofrecerlles a oportunidade de elixir: Entre dúas opcións igualmente aceptables, de maneira que sintan que teñen certo control.
- Demostrarlles que os temos en conta: Por exemplo, preguntándolles por algo que lles importa, como a súa mascota.
- Engadir unha axuda extra ás novas tarefas: Por exemplo, axudándolles a empezar a tarefa ou empregando indicacións visuais.
Información obtida da guía 'Da protección á inclusión', elaborado polo consorcio 'Brighter Future'.
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Detenido el capitán de un pesquero gallego por esclavitud a bordo
- El temporal deja ya vientos de casi de 180 km/h, vuelos desviados y más de 600 incidencias en Galicia