Novas metodoloxías de aprendizaxe

Software, memoria humana e educación

Na era dixital o reto non é acceder á información, senón aprender a procesala desde unha perspectiva crítica e unha comprensión profunda de xeito que nos resulte útil incluso no marco dunha sociedade líquida

Guernica, Pablo Picasso (1937). Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

Guernica, Pablo Picasso (1937). Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía / Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

Tribuna - Rosalía Fernández Rial* Profesora de ESO, doutora en Didáctica das Linguas, performer e autora de libros como 'Aulas sen paredes' ou 'Mover ficha'

Mentres empezo a escribir este artigo teño varias ventás do ordenador abertas, soa unha listaxe de reprodución automática dunha aplicación, estou pendente do móbil, paro de teclear ante o reclamo dalgunhas notificacións e distráiome entre a primeira frase e a segunda consultando unha rede social. Iso sen contar que non emprego ningunha IA, cousa que o meu alumnado si.

Se puidera ver este eu do futuro cando era estudante de secundaria resultaríame por completo inverosímil. Igual de inconcebible é tamén pensar o ensino hoxe desde o mesmo lugar que cando estaba na ESO eu e moitas das que leredes isto.

Tendo en conta que levamos con nós constantemente un software capaz de realizar en segundos operacións que nos esixirían moito tempo humano, ten sentido continuar cunha aprendizaxe tradicional de base memorística?

Rosalía Fernández Rial é Profesora de ESO, doutora en Didáctica das Linguas, performer e autora de libros como Aulas sen paredes ou Mover ficha.

Rosalía Fernández Rial é Profesora de ESO, doutora en Didáctica das Linguas, performer e autora de libros como Aulas sen paredes ou Mover ficha. / Cedida-Bocixa

«O ensino do século XXI ten que moverse no paradoxo entre a utopía e a realización de proxectos achegados á vida»

Métodos de aprendizaxe na era dixital

Na era dixital o reto non é acceder á información, senón aprender a procesala desde unha perspectiva crítica e unha comprensión profunda; a meta non é tanto saber moitos contidos, senón aplicalos, ter habilidades e competencias para convertelos en coñecemento. Incluso para que nos resulten útiles no marco dunha sociedade líquida en mutación constante. Nese contexto, focalizar a atención, concentrarse, é un dos maiores desafíos e aspectos a traballar.

Tendo en conta o anterior, resulta imprescindible que o profesorado aplique metodoloxías activas nas que o alumnado sexa o protagonista da súa aprendizaxe

Un dos métodos que mellor pode funcionar neste sentido é o uso da expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica para o ensino e aprendizaxe de calquera materia e, moi especialmente, para as de lingua e literatura e para as humanidades en xeral. 

Primeiro porque supón o adestramento máis útil para a vida, xa que é capaz de recrear escenarios absolutamente equivalentes aos reais con todos os compoñentes que interveñen nun intercambio comunicativo. 

Segundo porque se traballa de xeito máis intenso a concentración e o feito de estar presentes en cada momento. 

Terceiro por traballar de maneira holística afinando a expresión verbal e non verbal e o uso expresivo da voz e polo compoñente de educación emocional e en valores que implica o feito de adoptar diferentes roles e cambiar os preestablecidos no grupo aula. 

Dentro deste último cabe resaltar a imprescindible comprensión dos textos antes de interpretalos e a perspectiva crítica e creativa das escenificacións. 

Mais tamén polo carácter lúdico e a consecuente motivación do alumnado e implicación en proxectos finais de carácter colectivo e que actúan como cohesionadores do grupo. No libro «Aulas sen paredes» (Ed. Positivas, 2016) detéñome máis sobre cada unha desas cuestións.

A memoria como medio para un fin: o coñecemento

Neste marco metodolóxico descrito, a habilidade memorística ten moita importancia, pois resulta imprescindible para a aprendizaxe, pero é un elemento máis entre outros moitos e non actúa como fin en si mesmo, non almacena datos sen máis, dáse como medio para un fin maior e dunha forma activa e significativa.

Ningún alumno que montou unha escena de Lope de Vega vai esquecer o autor, as características principais e o sentido profundo do texto. En cambio, un método tradicional onde simplemente se memorizan listaxes de autores e obras pode paradoxicamente conducir ao esquecemento. Sen ir máis lonxe, lembro unha estudante que procedía dese tipo de metodoloxía que preguntou se Lope de Vega era homosexual e tivera unha relación sentimental con Blanco Amor.

Para consolidar a aprendizaxe é imprescindible ancorala desde diferentes sentidos e experiencias: a vinculada coas artes escénicas e a súa énfase no quinésico resulta fundamental, pois o alumnado encarna, vive e fai seu o asimilado. Pero tamén é interesante reforzala con outras disciplinas. 

Empregando o exemplo dos mesmos autores, ao estudar a Lorca sería recomendable empezar o tema estudando as características das vangardas aplicadas a algunha peza de arte plástica como o Guernica de Picasso; logo complementar esa dimensión visual con outra auditiva e musical como escoitar a Morente en Omega ou a Silvia Pérez Cruz e, por último, comprender con calma e aplicando o aprendido en textos dese autor que se poden acabar escenificando. 

Desa maneira, os referentes que se activan ao escoitar o nome son múltiples e será moito máis doado lembralo ao longo do tempo. Sobre todo isto reflexiono en «Mover ficha» (Ed. Galaxia, 2024). O ensino do século XXI ten que moverse no paradoxo entre a utopía e a realización de proxectos achegados á vida. 

Tracking Pixel Contents