Novos comezos
Educación para adultos, ¿un ben social en entredito?
As cifras do IES Castelao desafían a estatística autonómica cun aumento sostido no número de matriculacións nesta modalidade: «Os servizos públicos non deberían ser cuestión de números nin de rendibilidade, senón de investir nunha sociedade mellor»

Alumnos de 2º de Bacharelato da modalidade Educación para Adultos do IES Castelao. / Pablo Hernández.
O descenso do abandono escolar temperán ou o auxe da FP son algúns dos motivos esgrimidos para explicar a caída no número de matrículas da Educación para Adultos en Galicia, que, según datos da Consellería de Educación, reduciuse á metade na última década.
Malia todo, hai centros que resisten á estatística e mesmo sobrepasan expectativas como é o caso do IES Castelao, sito no barrio de O calvario, e onde o número de matriculacións nesta modalidade non só non baixa, senón que segue a aumentar.
«A realidade é que nós estamos matriculando por riba da ratio e que seguen a chegar solicitudes», explica deste xeito o director do centro, Cándido Paniagua Pousa, quen coas cifras pero sobre todo cos beneficios na man, quere pór en valor a Educación para Adultos como «ben social»: «Hai un discurso latente no sector educativo que pon en entredito a súa continuidade, voces que sosteñen que non compensa pola baixada no número de estudantes. Por iso é fundamental dar a coñecer os aspectos positivos dunha modalidade que ofrece oportunidades a persoas que non contaron con elas no sistema ordinario».
«Son os mellores alumnos, os máis aplicados. Non faltan nunca e mira que traballan, pero para moitos supón darse conta de que teñen a capacidade de aprender»
«Penso que en todo o que respecta aos servizos públicos, non se trata de botar números e contas nin de rendibilidade; senón que hai que entendelos como unha inversión para construír unha sociedade mellor, con maiores oportunidades para todos», fala agora Charo Blanco, xefa de estudos de Educación para Adultos do IES.
Conta Blanco que chegou a esta modalidade hai pouco e que para ela foi como volver aos seus comezos como mestra: «Viaxei 30 anos atrás. Volvía estar fronte a xente que me escoitaba de verdade, que quería aprender. Poden ter máis ou menos dificultades, pero o seu compromiso é moi forte, non hai escaqueo e todo este interese nótase moito no ambiente da clase; non hai cor».

A xefa de estudos Charo Blanco durante a clase. / Pablo Hernández.
Cun perfil moi diverso, entre os estudantes destacan por un lado as persoas migrantes que non teñen convalidados os títulos dos seus países de orixe e precisan a ESA como primeiro paso para integrarse e atopar un traballo; e, polo outro, tamén son comúns as persoas de entre 40 e 50 anos que no seu momento deixaron os estudos e agora buscan unha nova oportunidade de aprender. Finalmente, están tamén os estudantes na contorna da vintena que queren sacar materias soltas que lles quedaron do Bacharelato.
«Moitos dos nosos alumnos contan con titulacións superiores, pero sen convalidar. Cursar a ESO é unha forma de comezar a afianzarse no país», describe Blanco, que tamén nos fala deses estudantes que o deixaron no seu momento por «cousas da vida, por enfermidades de familiares, por cuestións económicas, ou por pensar que non valían», e que, agora, rondando os 40-50, senten que necesitan aprender.
«Son os mellores alumnos, os máis aplicados. Non faltan nunca e mira que traballan, pero para moitos deles supón un darse conta de que teñen a capacidade de facelo; séntense reforzados na súa autoestima. Algún diche: si eu puidera, facía todos os Bacharelatos», relata a mestra xusto antes antes de defender o carácter presencial desta modalidade fronte ás voces que avogan polo formato online; algo co que coincide o director do centro.
«Moita xente non ten os medios para facelo a distancia. Ademais, deste xeito, pérdese a función de socialización. Para moitos deles supón un punto de encontro»
«Moita xente non ten os medios para facelo a distancia. Ademais, deste xeito, pérdese a función de socialización. Para moitos deles supón un punto de encontro», apuntala Cándido Paniagua.
E é que, exactamente igual que ocorre coa ordinaria, a achega da Educación para Adultos transcende tamén o compoñente académico para converterse nun polo de encontro e apoio xerador de vínculos e comunidade.
«Fan moita piña. Compartir situacións vitais une moito. Quedan para tomar café, axúdanse uns a outros e establecen relacións que permanecen unha vez acadado o título», testemuña Blanco para exemplificar co caso de dúas mulleres que se atoparon o ano pasado na clase: «Unha ten 19 anos e outra 47-48 e non só son amigas, senón que chama a atención a influencia para ben que ten a máis maior na máis nova: ‘Non o deixes, non faltes’, e a nena agora está sacando moi ben Bacharelato»; ou co caso doutra alumna á que se lle abriu un mundo novo: «Estaba pasando por unha depresión e viu o marido e apuntáronse os dous. Temos Erasmus para adultos e foi unha das alumnas que viaxou. Para ela vir era vivir».
Aprender, topar un propósito, comezar a traballar, sentirte incluído, gañar autoestima, recuperar a sensación de comunidade, establecer unha rede de relacións, sumar un grupo de amigos… A Educación para Adultos podería definirse de moitos xeitos en función das achegas que fai a cadaquén, pero o que parece claro que ten en común en todos os casos é a oportunidade dun novo comezo.
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Detenido el capitán de un pesquero gallego por esclavitud a bordo
- El temporal deja ya vientos de casi de 180 km/h, vuelos desviados y más de 600 incidencias en Galicia