CIENCIA PARA O DÍA A DÍA
«Da leira á ciencia para mellorar os cultivos»
«Hai uns anos decateime de que se cultivaba millo no deserto do Sáhara e decidín úsalo para mellorar a resistencia á seca das nosas variedades»
CSIC
Divulgación
Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia
- «Cando eu ía a escola...»
Son Pedro Revilla Temiño e traballo como Investigador Científico do Consello Superior de Investigacións Científicas, no grupo de Xenética e Mellora de Millo da Misión Biolóxica de Galicia. Cando era pequeno, traballaba cos meus pais, que eran labradores e cultivabamos trigo, cebada, centeo e outras plantas, ademais de criar porcos, galiñas, coellos e outros animais.
- «O meu camiño na ciencia»
Un día decateime de que as variedades dos cultivos que chegaban cada ano ao almacén do pobo eran producidas por científicos, así que decidín que eu quería facer iso de maior. Tras estudar Bioloxía, facer un máster e a tese doutoral, e pasar dous anos aprendendo en Wisconsin (EEUU), conseguín unha praza para dedicarme a mellorar millo
- O meu agasallo: unha curiosidade
Hai algúns anos decateime de que se cultivaba millo no deserto do Sáhara, e pareceume tan interesante que decidín usar ese millo para producir variedades resistentes á seca. Tras moitos estudos e traballos, agora estamos a mellorar a resistencia do millo e fixemos que moitos outros colegas doutros países se sumen a esta iniciativa.
Actualmente temos programas para mellorar a tolerancia á seca nos que usamos unha variedade de millo do sur de Alxeria que cruzamos cunha liña moi produtiva e estamos a analizar características fisiolóxicas e agronómicas doutras variedades procedentes de terras áridas para poder deseñar programas aínda máis eficaces para mellorar esta tolerancia. Temos visto que as variedades do deserto teñen un comportamento moi diferente cando as cultivamos aquí e estamos a estudar que é o que as fai capaces de producir nun clima tan duro.
As aulas preguntan. O CSIC responde
«A curiosidade é a necesidade de coñecer e de saber todo o posible sobre a vida e as súas circunstancias e é esencial para ser científico. Todas as persoas temos curiosidade, sobre todo de nenos, e iso é necesario para aumentar o coñecemento, pero algúns perden o interese por saber cando se fan maiores»
Con cantos anos empezaches a ser investigador?
Empecei con 25 anos a facer o mestrado, pero o meu primeiro contrato como investigador tíveno con 32 anos, ao acabar a miña formación. A carreira de investigación é longa e complexa, de maneira que hai que pasar por varias etapas antes de conseguir un posto de traballo estable. No meu caso, conseguín a praza de científico con 35 anos.
Por que estudaches en Wisconsin e non noutro lugar do mundo?
Porque en Wisconsin estaba o mellor especialista en mellora xenética de millo. Como fixen a miña tese en mellora xenética de millo e Estados Unidos é o país onde existe a maior e mellor investigación en millo, soliciteilles a varios investigadores que me permitisen estar con eles durante un par de anos cunha bolsa española e, de entre os que me aceptaron, elixín a William F. Tracy, que é un profesor de mellora de millo doce na Universidade de Wisconsin.
Que materia detestabas máis cando estudabas de pequeno? Seguro que había algunha...
Non soportaba a Educación Física. Gústame facer esforzos que teñan algún resultado agradable, como facer exercicio no campo, pero non saltar obxectos, correr ou xogar ao fútbol, que é o que nos mandaban facer en Educación Física.
Define que é a curiosidade para ti. É importante para ser científico? Que outras cousas fan falta?
A curiosidade é a necesidade de coñecer e de saber todo o posible sobre a vida e as súas circunstancias e é esencial para ser científico. Todas as persoas temos curiosidade, sobre todo de nenos, e iso é necesario para aumentar o coñecemento, pero algúns perden o interese por saber cando se fan maiores. De todos os xeitos, o máis importante para ser científico é ser traballador e esforzarse por facer ben as cousas, como para case todo.
Como te deches conta de que cultivaban millo no Sáhara?
Contoumo un estudante alxerino ao que lle dirixín a tese de doutoramento. Tratábase de Abderrahmane Djemel, que me puxo en contacto con outros investigadores alxerinos. A partir de aí, decidimos estudar que tiña ese millo para soportar condicións tan duras como as que hai no deserto.
Tiñas algún outro soño antes de ser investigador científico?
De mozo quería facer algo que resolvese o problema da fame no mundo porque me daba pena que houbese tanta xente pasando fame nos países pobres. Un día díxome o meu pai que había uns científicos que facían unhas variedades de cebada e trigo novas que producían moito máis que as vellas, así que decidín que eu quería facer iso mesmo. Tamén quería ser astronauta, pero iso só me parecía unha aventura e non algo importante ao que dedicarse.
Esa modificación xenética do millo afecta o ser humano?
As modificacións xenéticas do millo non afectan o ser humano, aínda que algunhas si que poden alterar os ecosistemas se se usan mal. As plantas, como os animais, sofren modificacións xenéticas espontaneamente e tamén se poden producir artificialmente.
Moitas veces a expresión «modificación xenética» aparece nas películas como algo malo. Isto é realmente así?
A técnica da modificación xenética en si mesma non é nin mala nin boa, depende do uso que se faga dela. Pasa como coa dinamita, que pode ser usada para facer obras públicas ou para matar.
Que é o que máis che gusta do teu traballo? E que é o que menos che gusta facer?
O que máis me gusta é crear novas variedades de cultivos e o que menos a burocracia e o papelame. No traballo dun científico hai que preparar proxectos para conseguir os recursos para facer experimentos, e logo hai que analizar datos e escribir artigos para que se coñeza o que se fixo.
Que nos propoñerías facer para estudar? Como ves o futuro do teu traballo?
Cada persoa debe decidir que lle gustaría facer na súa vida, pescudar que fai falta estudar ou que hai que facer para conseguilo e despois ten que poñer todo o seu empeño para conseguir os seus obxectivos. O meu traballo ten un gran futuro, cada vez hai máis coñecementos e recursos para facer grandes avances na ciencia, na agricultura e na vida en xeral.
Co que contan sobre a intelixencia artificial, sería bo para o voso traballo? Está a usarse?
A intelixencia artificial é unha ferramenta interesante, pero hai que tela ben controlada para que non nos dea desgustos. Úsase para facilitar o traballo, por exemplo, para buscar información ou para obter e analizar enormes cantidades de datos que unha persoa non podería facer manualmente.
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- La tajante decisión de Antena 3 después de que Cristina Pedroche y Chicote se colarán en las Campanadas de TVE: así zanjaron la broma