Tradición oral
Os verdadeiros reis do «Beef»
Que temblen Residente, Shakira, ou C Tangana! Os estudantes da provincia levan o arte da tiradera a outro nivel aprendendo dos regueifeiros vellos: «Profe, pero estes dinse de todo!»
Para «tiradas de Beef», as dos labregos galegos. Moito antes de que os rapeiros fixesen famosas as batallas de galos, nas leiras das aldeas galegas xa se practicaba aquelo de meterse cos veciños con estilo e intelixencia mentres se improvisaban indirectas e improperios ao ritmo dun son determinado.
Formadas por cuartetos de oito sílabas, as hoxe coñecidas como «regueifas» fonden as súas raíces na tradición oral galega, coas Cantigas de Escarnio e Maldicir ou as Cantigas de Traballo como precedentes principais, e foron empregadas durante séculos para resolver — digamos que con certa man esquerda— os conflitos e disputas veciñais.
Agora, esta tradición na que dúas persoas improvisan para botarse coplas e que dan boa conta da querenza galega polo canto, a diversión e a retranca, estase a recuperar nas escolas con gran éxito a través de obradoiros, clubes e eventos como a gran final do V Certame Provincial de Regueifas, celebradano Auditorio do CVC Valadares de Vigo cun total de 100 participantes e arredor de 500 asistentes.
Os IES de Vigo San Tomé e Alexandre Bóveda; e O Marco do Camballón, de Vila de Cruces, foron os vencedores desta frutífera xornada organizada pola Asociación Oral de Galicia coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e que deu boa conta de que aquí, outra cousa non, pero canteira regueifeira hai para rato.
De Vigo, de Mos, de Chapela, de Vila de Cruces, de Ponteareas ou de Vilagarcía…: «Non sabes que marabilla ver a máis de cen alumnos desenvolver toda unha xornada en galego, improvisando coplas, cantando na nosa lingua. Máis aínda cando ultimamente estamos a ver noticias tan pesimistas para o galego, estas cousas dan esperanza, enchen a un de enerxía», sorrí Kike Estévez, mestre de Lingua Galega do galardoado IES Alexandre Bóveda de Vigo e convencido dos beneficios desta práctica ata o punto de que cumpre xa tres cursos organizando un clube de Regueifa durante os recreos no seu centro.
«Esta é unha das actividades que máis está tirando hoxe do galego entre a rapazada», explica o mestre, que conta como a primeira reacción entre o alumnado é de sorpresa e, despois, de motivación: «Vincúlano moito ao tema das batallas de galos. Cando lles poño os vídeos dos regueifeiros vellos e ven a eses señores maiores botándose cantigas, alucinan: Pero profe, estes dinse de todo!».
Coñecen a súa historia, a súa lingua e quen son porque nin Galicia, nin os galegos, seríamos os mesmos sen a nosa tradición oral.
Que llo pregunten á Real Academia Galega, que este 2025 adicará o 17 de Maio ás ‘cantareiras’ e á poesía popular oral, concretada en figuras como a das Pandeireteiras de Mens: «Foron unhas pioneiras. As Tanxungueiras existen porque primeiro existiron elas», despídese Kike, que xa se está a preparar para festexar esta data co clube de regueifa. De momento, non conta máis, pero xa nos adianta que haberá zanfonas e pandereitas. Pinta que vai ser para velo!
Un rosca, orixe do termo e da vea verbeneira dos galegos
As regueifas débenlle moito ás «cantigas de traballo» das sociedades agro-gandeiras, pero adquiriron o seu nome actual xa no SXIX, cando nas vodas tradicionais comezou a estilarse que os padriños bailasen cunha rosca de pan na cabeza que se chamaba, por aquel entón e en efecto, «Regueifa». «Hai 200 anos había pouco co que entreterse, por iso os veciños ían as vodas malia que non estiveran invitados. E así, os de fora, cantaban para pedir unha pouca rosa, un pouco viño…; e, os de dentro, íanlle respondendo. Hai constancia de regueifas que se alongaban toda a noite para rematar ás 12 do día seguinte», sorrí Kike Estévez e xa entendemos de onde nos vén a vea verbeneira.
A «regueifa» en Vigo e Marta Souto
Conta o mestre Kike Estévez que en Vigo contamos cunha tradición de regueifeiros enorme e pide facer unha mención especial para recordar nesta páxina a Marta Souto, primeira técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e pioneira no eido do fomento do galego e as regueifas na cidade. «Deixounos hai pouco cun prematuro pasamento e merece ser recoñecida polo seu traballo incesante durante anos para levar o galego e a arte da regueifa ás escolas de Vigo cos primeiros obradoiros realizados na cidade», conta Estévez sobre este legado do que agora beben eventos como o propio Certame Provincial de Regueifas.
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados
- Una familia de Taboada denuncia la desaparición de su hijo de 18 años, que se despidió en las redes
- La tajante decisión de Antena 3 después de que Cristina Pedroche y Chicote se colarán en las Campanadas de TVE: así zanjaron la broma