CIENCIA PARA O DÍA A DÍA
Cabaliños de mar: Unha curiosa danza acuática para ligar!
Sabiades que, no caso dos cabaliños de mar, son os machos os que se encargan de coidar os ovos na súa bolsa incubadora?
Sira Pereira Cividanes - Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC)*
Divulgación
Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia
- “Cando eu ía a escola...”
Cando era pequena gustábame estudar e non tiña preferencia por ningunha materia. Naquel momento era difícil imaxinar que ía elixir o camiño da ciencia e que acabaría traballando con animais mariños. Quizais era unha nena un pouco seria, pero tamén me gustaba desfrutar da natureza. Na montaña dos Ancares, onde tiñamos familia por parte do meu pai, podía vivir experiencias que non ofrece a cidade: facer pan nun forno de leña, montar en burro ou asar chourizos pinchados nun pau na fogueira. De cativa era máis de montaña. O gusto polo mar viu máis tarde.
- “O meu camiño na ciencia”
O momento de elixir futuro profesional non foi doado. Moitas persoas tardan en saber que queren ser de maiores. Ás veces axuda ter un profesor marabilloso que ademais de coñecementos, che transmite a paixón pola súa materia, e pensas, como foi no meu caso, estudar Historia. Pero tamén pode ser que che saia ao camiño unha opción novidosa que che causa tanta curiosidade que te leva sen máis a estudar unha carreira como Ciencias do Mar. E foi así como comezou o meu entusiasmo polo mar.
- O meu agasallo: unha curiosidade
Agora estudo os cabaliños de mar. Son uns animais fascinantes. Sabiades que son peixes? Son peixes diferentes pois non teñen escamas e nadan erguidos, en vertical. Hai 46 especies distintas de cabaliños de mar no planeta. Algúns, como o cabaliño de mar pigmeo son tan pequenos coma un cacahuete mentres que outros poden medir ata 30 cm. O seu corpo está formado por unha sólida armadura de placas óseas e unha longa cola flexible coa que se suxeitan ás plantas mariñas. No momento do cortexo, macho e femia entrelazan as súas colas e realizan unha bonita e sincronizada danza subacuática. Outra característica que os fai especiais é que o cabaliño de mar macho se encarga de coidar os ovos na súa bolsa incubadora, semellante ó saco marsupio dun canguro, e tras unhas semanas da a luz ás crías. Estes fermosos peixes nadan lentamente, non poden percorrer máis dun metro por hora. Por iso, para protexerse e sobrevivir, son expertos na arte da camuflaxe.
As aulas preguntan. o csic responde
Esta iniciativa brindounos unha escusa para poder amosar na aula diferentes saídas profesionais e académicas, así como para coñecer unha figura de referencia da ciencia galega que non coñeciamos. Algunhas das preguntas que xurdiron na aula acerca dos cabaliños permitíronnos buscar información na rede e visualizar un documental acerca do cortexo dos cabaliños de mar, que é moi curioso e moitos nenos e nenas descoñecían. O alumnado mostrouse moi interesado pola experiencia!
Cal foi o teu traballo no CSIC máis difícil?
O traballo máis complicado que desenvolvín foi antes de entrar no CSIC, como Técnica de Cofraría de Pescadores. É un traballo precioso a nivel biolóxico, pero complexo na relación coa xente.
Alguén tentou evitar que estudaras Ciencias e acadaras a túa profesión?
Noooon, os meus pais apoiábanme en calquera decisión que tomase; era eu quen tiña dúbidas para elixir porque había carreiras de Letras que tamén me gustaban moito, como Historia e Música.
Limos que, cando eras moza, non sabías que ías estudar…. Por que elixiches traballar no ámbito das ciencias e non noutro?
Porque chegou a Vigo a carreira de Ciencias do Mar, unha opción moi nova e atractiva, que captou por completo a miña atención. Estúdanse cousas moi apaixonantes nesta carreira.
Aínda queda moito mar por explorar! De feito, so se coñece o 5% do mundo mariño. As zonas profundas dos océanos (localizadas a máis de 6.000 metros), son as máis descoñecidas e inexploradas
Cando remates cos cabaliños de mar, que outro ámbito vas estudar?
Todas as especies mariñas (e terrestres) son interesantes para estudar, pero se puidese elixir seguiría traballando con especies que polas súas características están catalogadas como especies ameazadas ou especies de protección especial como son os delicados cabaliños de mar.
Cal é a diferenza entre os cabaliños de mar macho e femia?
A diferenza fundamental está no saco incubador, que so teñen os machos. Aínda que tamén é interesante saber que estes son un pouco máis grandes que as femias e a súa cola é un pouco máis longa. Entón, a maneira máis sinxela de diferencialos é ver se o cabaliño ten bolsa incubadora na parte baixa da barriga ou non. Hai que fixarse ben porque cando o macho non está incubando crías, o seu saco está baleiro e por tanto menos definido.
Como se chaman as femias de cabaliño de mar? Eguas de mar?
Moi enxeñoso! Pero non, polo momento científica e formalmente chámanse cabaliños de mar femias.
Como dormen os cabaliños de mar?
Moi interesante pregunta: como moitos outros peixes o que fan para durmir é quedarse quietos, sen nadar, cos ollos abertos (non teñen pálpebras). Os cabaliños de mar, ademais, elixen un lugar recollido, suxéitanse coa cola a algunha ramiña ou herba mariña e descansan.
Aínda quedan zonas do fondo mariño inexploradas? Ou xa coñecemos todos?
Aínda queda moito mar por explorar! De feito, so se coñece o 5% do mundo mariño. As zonas profundas dos océanos (localizadas a máis de 6.000 metros), son as máis descoñecidas e inexploradas.
Como curiosidade, cóntovos que o punto máis profundo coñecido é o Abismo de Challenger, a 10.929 m debaixo do nivel do mar, no Océano Pacífico, preto da Fosa das Marianas. E que a persoa que máis abaixo descendeu neste abismo, nun somerxible, foi James Cameron, director da película Titanic.
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados