#CuestióndeMates

As matemáticas non son cousa 
de extraterrestres! (Ou si?)

«Quen inventou os números?»,«e as operacións?», «unha civilización alieníxena chegaría ás mesmas solucións que nós?». Son só algunhas das mellores preguntas que nos deixa a primeira edición do certame audiovisual #CuestióndeMates do CITMAga. Se queres coñecer as respostas, segue lendo!

O acto de entrega de premios do certame tivo lugar no museo Domus de A Coruña.

O acto de entrega de premios do certame tivo lugar no museo Domus de A Coruña. / CITMAga

María Bueno

María Bueno

«Eurekaaaaaaaaa». «Descubrino!». Contan as malas linguas que o gran Arquímedes, un dos matemáticos máis importantes de todos os tempos, estaba na bañeira cando descubriu o principio de flotación, e que a súa alegría foi tal que non dubidou en botar a correr polas rúas de Siracusa tal e como deus o trouxera ao mundo. 

Vale, xa sabemos que, dito así, o de saír á rúa espido pode parecer esaxerado nun principio, pero tedes que ter en conta que este descubrimento ía cambiar para sempre o curso da historia da humanidade, permitindo ou influíndo no desenvolvemento de máquinas tan complexas como submarinos, buques e mesmo avións.

Foi, en efecto, sobre Século III a.c cando Arquímedes e máis outros colegas de época seus como Euclides ou Diofanto sentaron as bases das matemáticas tal e como as coñecemos hoxe, unha ferramenta sen a que non poderíamos viaxar, pero tampouco construír edificios, investigar menciñas ou mesmo xogar aos videoxogos!

Claro que a orixe desta disciplina remóntase aínda máis no tempo: á mesmísima prehistoria, cando os nosos antepasados xa usaban conceptos matemáticos básicos de maneira práctica para o conteo, a organización dos recursos, a medición do tempo ou a intuición xeométrica. É dicir, que as matemáticas non só levan con nós máis tempo que o cocido, senón que xurdiron de forma natural e intuitiva para facer fronte aos problemas máis prácticos da vida. 

De xeito que si: parece que é bastante probable que unha civilización extraterrestre cunha percepción da realidade similar á dos humanos acabara por desenvolver uns fundamentos matemáticos, se non iguais, si moi similares aos nosos. 

Quen nos conta todo isto e moito máis é a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Ana Belén Rodríguez Raposo, unha das expertas encargadas de responder ás preguntas da primeira edición do certame #CuestióndeMates, organizado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) co obxectivo de achegar as matemáticas á mocidade dun xeito sinxelo e divertido. 

O certame, que vén de repartir os premios ás mellores preguntas cunha gala celebrada no museo Domus de A Coruña, permitiu que, durante todo un ano, sociedade en xeral e estudantes de centros educativos enviasen as súas cuestións e inquedanzas aos investigadores do CITMAga a través das redes sociais. Preguntas que os propios profesionais responderon tamén a través de vídeos e que agora poden verse en aberto no apartado ‘Consultorio VídeoMatemático’ da canle de Youtube do CITMAga. 

A invención dos números e as matemáticas (da alumna Inés Castro), o problema dos tres corpos (de Neutrino), ou a velocidade da luz (de Seth Marval) foron algúns dos temas abordados polas preguntas premiadas durante o acto de entrega de premios do concurso, no que, por implicarse, implicouse ata o presentador de televisión Galloso. 

Un cambio de enfoque

«Cando facemos vídeos de divulgación científica, a temática é escollida polas investigadoras e investigadores que os elaboran, pero neste proxecto a protagonista é a mocidade. Son eles e elas os que deciden sobre que falar», sinala Miguel Brozos, matemático da Universidade da Coruña e presidente da Comisión de Divulgación Científica do CITMAga, quen fai unha valoración «moi positiva» da participación no certame. 

Na súa opinión e sendo clara a cada vez maior relevancia da base matemática en ámbitos como a investigación e a tecnoloxía, resulta fundamental que «xa desde o principio, a rapazada entenda que as matemáticas non só son útiles, senón que tamén nos axudan a comprender o mundo de xeito profundo»; que saiban que se «van levar ben con elas», que se lles transmitan «as ganas de aprendelas». 

Avoga deste xeito por loitar contra o clásico…:«É que as matemáticas dánseme mal»!: «Ao mellor, non se me dan mal, ao mellor é que precisamos velas desde outro punto de vista. Eu creo que a chave está en romper co enfoque mecánico e chegar ao fondo da cuestión, entendelas». 

«Todos debemos aprender a mirar ás matemáticas coa profundidade suficiente para ver a súa beleza», engade o experto desde o CITMAga para despedirse, e nós non podemos evitar pensar que ten razón: Si xa os homes da prehistoria as usaban, as matemáticas non van ser tan raras, nin tan complexas, nin cousa de extraterrestres. Ou si?!

Tracking Pixel Contents