Ciencia para o día a día | José Luis Barbeito Romay Técnico en Deseño Gráfico
na Unidade de Cultura Científica - CSIC Galicia

Deseño e arte para impulsar a ciencia!

Amarelo, ciano e maxenta...Sabedes que no sector gráfico as tres cores primarias non son as que vós pensades?

José Luis Barbeito Romay, técnico en Deseño Gráfico
na Unidade de Cultura Científica - CSIC Galicia.

José Luis Barbeito Romay, técnico en Deseño Gráfico
na Unidade de Cultura Científica - CSIC Galicia. / CSIC

CSIC

  • “Cando eu ía a escola...”

Pasaba a meirande parte do tempo absorto na miña imaxinación, sempre fun unha persoa moi creativa e moi curiosa, pero tamén moi dispersa. O meu interese principal decantábase de seguido polas manualidades e a natureza, gozaba moito das materias de Ciencias Naturais e Historia, xogar no campo, os talleres de artes da escola e de montar e xogar con Legos, actividade que axudou moito a explotar a miña capacidade creativa.

  • “O meu camiño na ciencia”

 Nunca fun un estudante exemplar, a miña aspiración era estudar Bioloxía e especializarme en paleontoloxía, pero ao final, tras facer o bacharelato biolóxico, fun deixando os meus estudos de lado. Tras uns anos traballando, decidín volver a estudar e decanteime pola outra rama que tanto me interesaba, as artes, e acabei estudando Deseño Gráfico. Un tempo despois de acabar os estudos, contactáronme dende a Delegación do CSIC en Galicia e aquí estou, axudando cos meus deseños á divulgación científica. Digamos que ao final estou en contacto coas cousas que máis me gustan.

  • O meu agasallo: unha curiosidade

Supoño que todos sabedes cales son as cores primarias, aquelas que non poden obterse mediante a mestura de outras cores, estas son o azul, o amarelo e o vermello. Hoxe vos teño unha curiosidade e é que no sector gráfico non se usan exactamente estas cores para crear outras... O amarelo non cambia, pero no lugar do azul, úsase o ciano, e no lugar do vermello, úsase o maxenta. 

Isto débese a que, tras moitas probas, aprendemos que con esas tres cores podemos obter un espectro de cores moitísimo máis amplo que usando os tres primarios clásicos. Outra curiosidade é que úsase tamén o negro como carta de cor, xa que aínda que mesturando as tres cores primarias obtés o negro, este non ten a intensidade suficiente.

A clase de 6º de Primaria do Colexio Bouza Brey.

A clase de 6º de Primaria do Colexio Bouza Brey. / faro

As aulas preguntan. O csic responde

É difícil chegar a onde estás ti?

 Non é difícil chegar ao nivel de estudos no que estou, nin tampouco é difícil completalos con éxito. A parte complicada é manterse unha vez chegas. O deseño é un sector que evoluciona constantemente e con moita competencia, pero é moi gratificante se che gusta de verdade. 

Dentro do CSIC, en que consiste o teu traballo?

 Apoio todos os proxectos que desenvolve a Unidade de Cultura Científica (UCC) no seu ámbito gráfico: Promoción, maquetación de documentos, cartelería, imaxes, logotipos, etc… 

Cal é a túa parte favorita do traballo que realizas?

Hai moitas, pero quizais resaltaría por encima de todas a de conseguir un deseño que transmita de xeito rápido e sinxelo o que se quere transmitir. Cando a xente que observa o teu deseño o entende ao momento, sen necesidade de explicacións, é algo moi gratificante que che di que o fixeches ben.

Hai algo que non che guste do teu traballo? 

 Máis que non gustar, eu chamaríao a parte máis difícil, e é a conexión e entendemento co cliente. Ao crear algo tan persoal como unha imaxe corporativa, o cliente sempre vai querer ver o que desexa, pero como profesional debes entregarlle algo que sexa funcional, e aí é onde está a dificultade, conseguir unir os desexos do cliente cun produto que funcione.

Como axuda o deseño gráfico á divulgación científica?

 Dálle forma, axuda a que a xente poida ver, aparte de ler. A comunidade científica é moi técnica e complexa, a divulgación desta axuda a facilitar a súa comprensión, e se a unimos ao deseño gráfico, a transmisión de coñecementos faise moito máis eficaz.

En que te inspiras para facer os teus deseños?

En todo, principalmente todo o que ten que ver co obxectivo do deseño, o labor de investigación é unha parte extensa e esencial dun deseño, e o mellor é empaparte de todo o que atopes e mesturalo ata ir atopando un acabado que che agrade.

Traballas só ou en grupo?

Pois depende do que se requira, adoito traballar mellor só pola liberdade que dá, pero agrádame moito traballar en grupo polos coñecementos e puntos de vista que che achegan as demais persoas.

Divulgación

Esta sección de Ciencia para o día a día elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

Tracking Pixel Contents