Chámome Marina Parrondo e aínda que agora vivo en Vigo, nacín en Oviedo. Cando era pequena encantábame ler. Cun libro na man podía desaparecer durante horas. Tamén me gustaba moito pintar e disfrazarme, aínda que non fose antroxu. Miraba tódolos debuxos animados da tele e encantábame ir de vacacións a Tapia, unha aldea mariñeira na costa occidental asturiana, moi preto de Ribadeo. Ir a Tapia era xenial porque pasaba o día fóra da casa: xogando cos amigos, andando na bici, indo á praia, pescando co meu pai e buscando bichos entre as pedras...
Sempre tiven moita curiosidade. Na escola era boísima en materias de ciencias, porén sempre quixen ser profesora porque iso era o que vía na casa xa que os meus pais eran profesores. A miña titora propúxome: “Sempre podes ser profesora de ciencias” e empecei a estudar Bioloxía. Na facultade tiña dúbidas: bioloxía de bota ou bioloxía de bata? Todo era interesante! Ao final, atopei un termo medio e agora dedícome a aplicar ferramentas xenómicas para resolver algúns dos retos actuais da xestión pesqueira.
Podedes imaxinarvos que só cun pouco de auga podamos saber que especies viven no fondo do mar? Sabemos se hai corais, esponxas ou se pasou por alí unha raia hai un tempo. Parece maxia pero é ciencia, porque tódolos organismos deixan pegadas onde viven. O obxectivo é poder detectar, cuns litros de auga, a biodiversidade que vive nos ecosistemas mariños vulnerables, como corais de auga fría e esponxas, que son extremadamente fráxiles e recupéranse lentamente das perturbacións causadas pola pesca de arrastre, a contaminación e o cambio climático. Para protexelos, necesitamos información sobre a súa distribución e composición, pero en xeral, esta información é limitada. Non é nada doado, porque o fondo mariño aínda está pouco explorado e queda moito por descubrir.
As aulas preguntan. O CSIC responde
–Que experimento che gustou máis facer?
–Un dos experimentos máis curiosos realizouse hai uns anos e consistiu en avaliar a taxa de fraude dos produtos pesqueiros en Asturias. Os meus compañeiros e máis eu fomos a restaurantes que ofrecían “zamburiñas” e, en todos, despois de facer a análise xenética, resultou que en lugar de zamburiñas eran “vieiras do Pacífico” e isto non se pode facer.
–Que descubrimentos realizades coa vosa investigación?
–Agora mesmo estamos describindo as especies que viven no fondo do mar. Algunhas son morfoloxicamente iguais, pero xenéticamente diferentes, isto é o que chamamos especies crípticas.
–Que tipo de protección se recomenda cando atopades que unha especie está en perigo?
–Normalmente recoméndase implantar medidas de conservación (por exemplo, pechar zonas á pesca) e de seguimento (para ver a evolución destas especies ao longo do tempo) a partir de datos científicos. Ademais, é fundamental colaborar cos pescadores para obter información.
–Están chegando a Galicia especies que habitualmente non estaban aquí?
–Si, a introdución de especies alóctonas, ás veces resultando en invasións sorprendentes, é un aspecto do cambio global actual. Cando estas especies se establecen e se espallan rapidamente, causan graves problemas ambientais, económicos e de saúde.
–Que son as ferramentas xenómicas que aplicades na vosa investigación?
–Hai moitas ferramentas xenómicas e seleccionamos a máis conveniente en función do problema que intentemos resolver. Agora estamos a usar o “barcoding”, que é unha técnica que nos permite identificar especies a partir dun anaco moi pequeno de ADN.
–Como se fai para recoller mostras dos fondos mariños?
–Tradicionalmente realízase con redes de arrastre de fondo en campañas científicas. Non obstante, a pesca de arrastre ten un forte impacto nas comunidades e actualmente existen enfoques pioneiros que empregan o ADN ambiental que tratan de minimizar estas perturbacións.
–Por que son tan descoñecidos aínda os fondos mariños?
–Porque se atopan a moi grandes profundidades e é moi difícil e moi caro acceder a elas. Hoxe en día, co desenvolvemento científico e técnico actual, é un pouco máis sinxelo que hai décadas e iso permite estudar estes ecosistemas tan remotos.