redes sociais

Por que nos contaxiamos dos retos virais?

Con nomes como “O rompecráneos” ou “O desafío da conmoción cerebral”, os adolescentes buscan o maior impacto nas súas redes (e no seu grupo)

A maior parte de usuarios de Tik Tok son menores de idade.

A maior parte de usuarios de Tik Tok son menores de idade. / E. Elements

Tik Tok é a rede social por excelencia cando falamos da Xeración Zeta. Porque si, “hai de todo”, pero o grupo de usuarios máis activo está conformado por rapazada que non chega a maioría de idade.

As súas bases esixen que, para poder ser usuario da app, debes ter máis de 13 anos, e de forma automática, todas as contas levadas por persoas de menos de 15 son de carácter privado. A maiores, Tik Tok impide aos menores de 16 anos utilizar algunhas das funcións da app: non poden enviar ou recibir mensaxes, e impide que outras persoas descarguen os seus vídeos ou usen as funcións de DÚO con eles. Unha medida que, a pesar de resultar útil, non evita o contacto con outros vídeos: os menores non poden falar por mensaxe con outros usuarios, pero si poden comentar, seguir modas, imitar vídeos ou participar en retos virais.

Belén Montesa: "Participar destes vídeos virais será pan para hoxe e fame para mañá"

Na súa maioría, son bailes inofensivos, algunha que outra broma máis “faltona” e, nunha pequena pero crecente porcentaxe, invitacións a replicar algún desafío perigoso, sen sentido, e que pode repercutir na súa integridade física.

“Un adolescente ou preadolescente, polo mero feito de selo, atravesa unha etapa vital complicada e angustiosa emocionalmente, pois o seu cortex prefrontal (a “torre de control” do noso corpo) ten un déficit na toma de decisións e impulsividade” apunta a psicóloga Belén Montesa. “Que sucede? Que coa chegada das redes sociais aparece unha nova maneira de estar no mundo, de existir e de “ser alguen”. E o adolescente de 2023 é unha persoa que ten unha realidade fixital, física e dixital.”

Os tutores, pais, nais e docentes debemos ter en conta esta nova realidade, comprendela e interpretala antes de actuar.

Os falsos “beneficios”

“A mente humana é tremendamente contaxiosa” apunta a psicóloga sobre estes, valga á redundancia, virais. “Nun gran escenario, como son as redes sociais, a posibilidade de que calquera de nós participe é moi alta. Sucede o mesmo coa moda, todos tratamos de repetila, reproducila. O problema é cando as tendencias non son inocuas, coma neste caso.”

Cando os adolescentes realizan estes retos reciben uns beneficios que, dende fora, non logramos comprender: “Gañan prestixio, ser mirados, escoitados. E sobre todo, gañan sentido de pertenencia. Eu son porque me uno”.

"Estes retos son 'pan para hoxe e fame para mañá' "

"Estes retos son 'pan para hoxe e fame para mañá' " / Shutterstock

E eses beneficios emocionais, que posiblemente percibirán, son moi superiores ao medo a facerse dano. De sentir pánico non é ás consecuencias do vídeo, é a pasar desapercibido se non o fan: o que non está nas redes, non existe.

Por iso, á hora intervenir, de falar con eles, debemos facelo entendendo o sentido e os motivos da súa actuación, e a partir de aí, expoñer as consecuencias.

Como podemos actuar?

“Se somos conscientes de que sucede isto na nosa clase ou no grupo dos nosos fillos, os adultos debemos traballar como influencers do criterio e o sentido crítico, axudando a través da conversación, sen xulgar, a manexar esa nova realidade dixital na que viven, facéndolles entender o dano que pode ocasionar un reto coma este” continúa Belén.

Dano que, ademais, pode ser tanto físico como emocional, tanto a eles mesmos como aos seus amigos, e tanto no presente como no futuro: “Os custos destes retos, ademais dos perigos para a saúde, poden dañar tamén a longo prazo, causando estragos na sua pegada dixital. Participar destes vídeos virais será pan para hoxe e fame para mañá”.

5 retos perigosos

Skullbreaker ou Rompecráneos:

O nome é bastante descriptivo, xa que consiste en que dúas persoas enganen a outra para saltar e, cando estea no aire, facerlle unha ‘zancadilla’. Así, caerá de espaldas no chan, co perigo de golpear a cabeza e ocasionar danos graves. 

Desk challenge ou Pupitre voador

Un dos máis populares nas escolas do noso país: consiste en colgar as cadeiras da clase nos percheiros e sentar enriba, poñendo o pupitre sobre as pernas. O peso fará que, eventualmente, rompa, e os rapaces caerán ao chan co mobiliario sobre eles

Blackout challenge ou Sen Respirar

O reto que fixo saltar as alarmas sobre os desafíos de Tik Tok: consiste en apretar o pescozo cun cinturón (ou calquera cousa que faga presión) e ver quen aguanta máis sen respirar. O pequeno Archie, en Reino Unido, perdeu a vida tras desmariarse despois de participar. 

48 hours challenge ou as 48 horas

Un reto popularizado en Irlanda e que consiste en xerar a maior atención posible sobre unha desaparición: a nosa. Os rapaces escapan das súas casas intentando non ser atopado durante as seguintes 48 horas.

Throw in the air ou lanzar no aire

Popular entre nenos e adultos, consiste en grabarse coa cámara dende abaixo, para despois tirar obxectos ao aire e ver como caen sobre as cabezas. En cada ronda o tamaño e peso dos obxectos vai en aumento, mentres que os participantes retíranse pouco a pouco. Gaña o que máis aguante.