Estaban a piques de pasar á historia, pero aínda non o sabían o 1 de abril de 1919, cando por primeira vez cruzaron as portas da escola do arquitecto Walter Gropius en Weimar. Caducada toda certeza do pasado tras a I Guerra Mundial, a Bauhaus aspiraba a cambiar o mundo e logrou debuxar un novo. 

“É un exemplo que nos gusta moito, pero hai moitos máis. A arte é pensamento crítico. Ensínanos a ver as cousas desde outra perspectiva para plantar cara aos discursos únicos. E esa é a mesma función que debería cumprir a escola: xerar espazos nos que a infancia poida crear, construír e pensar o mundo de forma autónoma”. 

Se arte e escola comparten obxectivos, non deberían facer o propio coas metodoloxías? Con ampla formación en Belas Artes, os artistas Vicente Blanco e Salvador Cidrás non puideron evitar facerse esta pregunta cando chegaron á Facultade de Formación de Profesorado de Lugo (USC), onde exercen como profesores.

Así foi como xurdiu Escola Imaxinada, unha ponte entre os dous mundos que sae do ámbito universitario para traballar man a man coas escolas galegas e ofrecer aos docentes experiencias didácticas, metodoloxías creativas e espazos que permitan aprender “facendo” a través da experiencia e do xogo; que ensinen, en definitiva, aos nosos nenos “a pensar o mundo dun xeito propio para ser quen de melloralo”. 

Deste xeito e coma se dos atelieristas que chegaron nos anos 70 ás escolas de Reggio Emilia se tratasen, este colectivo sen ánimo de lucro está composto por artistas, arquitectos e mestras, entre outros, dispostos a levar os procesos da arte aos centros educativos. 

Así o explican Blanco e Cidrás, que sorrín con tenrura ao citar a Loris Malaguzzi, fundador das escolas italianas: “A maior labor dun atelierista é fastidiar, con respecto e recoñecemento, cada día aos educadores”. “E por ese fastidiar referíase a animarlles a saír do corsé do curriculum, a conectar o traballo na aula coa vida e coa infancia, a animarlles a apostar por unha escola con alma, que é coidadora e que ensina a coidar, que respecta a experiencia dos propios nenos”.

Como? Velaquí van algúns exemplos. 

Proxecto ‘Trebello’.

Proxecto ‘Trebello’. E.Imaxinada

Un ‘Trebello’ para fomentar o xogo simbólico na infancia  

Aínda pode verse na Coruña no espazo Normal da UDC e estivo exposto na I Bienal Internacional de Arte para a Primeira Infancia de Bogotá. Este material non estruturado denominado ‘Trebello’ honra a frase mais emblemática de Bruno Munari e nace para fomentar o xogo simbólico e a tridimensionalidade a idades temperás. Unha aposta que impulsa a toma de conciencia da importancia da contorna e do espazo urbano para as relacións sociais. Neste senso, outro espazo creado por Escola Imaxinada é a aula portátil: “É un carriño cunha roda de bicicleta e unha lona, pero supón a escusa perfecta para saír da clase e estimular a curiosidade innata da cativada. Aos nenos sóbranlle as mans para collelo e ir pra fora”. 

Actividade ‘Debuxo de observación’. E.Imaxinada

O Lugar do Caos invítanos a cambiar a mirada ao aula

Se, por unha banda, a creatividade é pensamento diverxente e para xurdir precisa de romper nalgún momento as estruturas habituais; e, pola outra, os nenos non son capaces de estar moito tempo quietos na cadeira, o lugar do caos tiña que nacer si ou si para invitar a cambiar a mirada ao espazo e as dinámicas da aula. Un taller con mesas e andeis moi especiais que nos permite traballar todas as materias a través da plástica: os nenos poden familiarizarse co concepto de multiplicación escalando; ou cos animais autóctonos, elaborando cartaces informativos na imprenta do taller coas súas propias mans. 

Taller con pranchas de cartón: “O espazo é o terceiro mestre”. E.Imaxinada

Debuxo de hipótese: coñecer a contorna é aprender a coidala

Coñecer a nosa contorna e o seu valor é aprender a coidala. Se nun libro de texto xa temos todas as respostas, mellor facerse preguntas para alimentar a nosa curiosidade, mellor achegarse ao exterior e vivilo por nos mesmos. Un exercicio moi interesante neste senso é o Debuxo de hipótese consiste en recoller todo aquilo que nos chama a atención (unha semente, unha noz, unha pluma…) e levala ao aula. Unha vez alí, estendemos un papel grande no chan e situamos todos eses elementos. Cun carbonciño, imos debuxando as hipóteses sobre o obxecto (de que ave é esta pluma?, onde vivía?, como creou o su niño?) para conformar un mural colaborativo. 

Taller de pintura de témpera ‘Pintando o mundo’ no CEIP de O Corgo. E.Imaxinada

A nosa imaxinación non precisa de ‘case nada’  

Coñecedes aos biosbardos? Si, home: eses animais mitolóxicos galegos que ninguén de nós sabe exactamente como son porque, aínda que atopalos da moita sorte; describilos é castigado coa sorte contraria. Pois que mellor inspiración para estimular a imaxinación na actividade Un disfrace feito con case nada que eles! “Os estereotipos dificultan a creatividade. O Entroido é unha das festas que máis se vive nas nosas escolas, pero de nada serve que os nenos se limiten a exercer de maniquies. É importante que sexan eles quen constrúan as súas propias formas lonxe dos clichés dos medios de comunicación, e para iso non fai falla ‘case nada’, basta con papel de periódico e grampas”.