Cores, brillos, diversión nunha semana na que todo pode dar a volta e nada é coma sempre: estes días, atrévense ata os máis tímidos, a maxia do Entroido fai que todos nos sintamos máis cómodos e mesmo parece que somos aínda máis amigos; flúen as ideas, convivimos, aprendemos doutro xeito.
Os centros educativos da provincia volcáronse estes días con FARO EDUCA, inundando a redacción con centos de enxeñosas fotografías de Carnaval e é que, polo que puidemos ver, o Meco fixo das súas canto quixo ao longo de toda esta semana. A nosa figura satírica preferida vestiu a alumnado e incluso a familias enteiras de arriba a abaixo; por suposto, tamén aos mestres, grandes facedores destas festas.
Non te perdas a galería de imaxes!
No Niño Jesús de Praga, a orde para o luns foi a cabeza e o centro encheuse entón de panos e sombreiros; o martes, calcetíns; o mércores, xerseis; e o xoves, garabatas. “Vese un cambio enorme na actitude dos nenos. Algo tan sinxelo como seguir as ordes do meco é unha volta de torca á rutina que lles favorece moito: cámbialles a cara, melloran a atención e ti, coma mestre, podes entrar xa dunha forma distinta a traballar con eles”, explica Sara Rodríguez, coordinadora de EP, para quen “o Entroido é unha forma de pertenza, de achegarlles á cultura galega”.
E da cultura ao arte, máis concretamente ao Arte en Vigo, proxecto para este curso do CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares, que contou cun gran protagonismo no seu Entroido. Os xogadores do Celta, a reconquista, Xulio Verne e o Dinoseto pasearon polos corredores e o patio do colexio: “Danos moitísimo xogo porque todo o aprendido cobra vida”, cóntanos María Fernández, titora de 5º de EP.
Con todo e se unha temática foi clara gañadora este ano, esa foi o respecto ao medio ambiente. Que llo digan, senón, aos estudantes do Ciclo de TVA do CEE Saladino Cortizo, cun festival adicado aos heroes e viláns da natureza.
Pola súa banda e desde Bueu, o CPR Virxe Milagrosa centrouse no transporte sostible e había que velos: os nenos e nenas de Infantil e Primaria convertéronse en semáforos, coches eléctricos, bicicletas e mesmo un autobús. “Depende do tema, pero o Entroido pode ser unha boa oportunidade para axudarlles a ver o mundo con ollos máis críticos e unha mirada real”, explícanos Cristina Iglesias.
Con fregona na cabeza e todo! Medio ambiente e cultura olívica mesturáronse tamén e de que maneira no C.E.I.P. Pintor Laxeiro en Vigo, no que este ano o alumnado vestiuse de Merdeiro: si, si, a tradicional personaxe viguesa que pon en valor a compostaxe, tal e como nos conta Esther, directora do centro. Xa o vedes: o Meco manda!