SAÚDE MENTAL E ADOLESCENCIA

“Só quero que sexas feliz”

Detrás desta frase hai unha coacción encuberta, un baleiro simbólico que é substituído pola necesidade de “éxito” e as Redes

“Só quero que sexas feliz”.

“Só quero que sexas feliz”. / SHUTTERSTOCK

Opinión: Alexandre García Caballero*

SAÚDE MENTAL E ADOLESCENCIA

O Psiquiatra Alexandre García Caballero colabora de xeito periódico con FARO EDUCA da man de artigos nos que analiza temáticas relacionadas coa saúde mental en nenos e mozos.

Alexandre García Caballero é Psiquiatra e Coordinador de Programas de Prevención e Promoción de Saúde Mental

Alexandre García Caballero é Psiquiatra e Coordinador de Programas de Prevención e Promoción de Saúde Mental / Cedida

Se reunimos a un grupo de pais e nais contemporáneos con cativos en idade escolar e lles preguntamos que aspiracións teñen para seus fillos, e recollemos as respostas, ao cabo dun rato abrolla sempre esta frase, que é recibida con asentimento por parte dos presentes. 

“Só quero que sexas feliz” é a manifestación dun fragmento do imaxinario social actual. Pero que efectos ten este enunciado aparentemente tan ben intencionado e sinxelo?

Unha coacción encuberta?

Sara Ahmed en “A promesa da Felicidade” sinala que detrás desta frase hai encuberta unha coacción. Implica “serei feliz se ti es feliz” e de xeito inverso: “se fas iso, serás infeliz e eu tamén”. Ahmed responsabiliza desta coacción á familia.

Pero na miña opinión, non se percata da perda de poder das familias á hora de sementar os ideais e das substitucións que se veñen producindo. O enunciado é certo, pero a coacción non ven de onde viña tradicionalmente. 

Quedan algunhas familias onde o Ideal do Eu é transmitido polos proxenitores. Nestas o desexo da felicidade implica unha coacción, e, efectivamente, resolver a adolescencia producirase de xeito clásico obtendo o recoñecemento por conformidade (por mímese dos modelos recibidos) ou por diferencia, un modelo grato aos adolescentes e que implica o rexeitamento dos valores recibidos e a pescuda dun camiño identitario propio (Hornstein, Autoestima e identidade). 

As familias perden poder fronte as redes

“As familias perderon o poder á hora de sementar os ideais 
dos seus fillos”

Pero cada vez vemos máis familias onde os pais están confusos coa súa tarefa porque: por unha parte, están afastados do modelo hexemónico de roles herdado, co seu autoritarismo, esixencia e distancia; pero, ao tempo, non atopan un lugar diferente ao do par (“é o meu mellor amigo/a” contan as veces os rapaces), abdicando do vello poder, pero creando un baleiro simbólico que é sustituído polas redes sociais (Ubieto). 

No vello capitalismo, e cito a Adam Smith, a felicidade non se situaba na esperanza de gañar, senón de respectar as regras, de actuar con sabedoría e destreza, de conducirse con disciplina e vixilancia, de tal xeito que, ao non depender do resultado, a felicidade quedaba fóra dos arrandeos da fortuna

“Sempre ready”... e cando non podamos? E si non podemos?

“Hoxe, o triunfo ven dos likes, dos retos logrados, de parecer sempre novos, “sempre ready”

Nos modelos sociais actuais, en cambio, o suxeito ideolóxico buscado é unha persoa que triunfa, que ten éxito, que está continuamente preparada para cambiar de traballo, de lugar, que emprende de xeito proactivo novos retos, que domina as redes, que constrúe a súa propia “marca”. 

Unha identidade líquida (Baumann) con vencellos tamén fluídos a nivel de parella ou de compromiso. 

Este modelo é transmitido polos medios e nos atravesa a todos/as, o triunfo ven do recoñecemento nas redes, dos likes, dos retos logrados, de parecer sempre novos, “sempre ready” e iguala aos adolescentes cos seus proxenitores “adultescentes”. 

“Predomina unha identidade líquida con vencellos tamén fluídos a nivel compromiso”

Este modelo ten efectos negativos: é imposible que triunfen todos/as, e esa preocupación continua polo rendemento (físico, intelectual, estético, erótico...) fai aos individuos competir consigo mesmos e contra os pares, impedindo calquera posibilidade de establecer un lazo comunitario. 

Nos traballos, por exemplo, a medición do rendemento individual implica a desaparición da solidariedade colectiva coa fantasía de que vamos recibir o que merecemos... e cando non podamos? E si non podemos? E si o que piden é inhumano ou imposible? 

“Recalcanti sinala como solución á unha nova figura do ‘pai’ como referente ético”

Massimo Recalcanti en “Que queda do pai?” sinala como solución que a nova figura do pai (entendida como “posición” dentro da relacións interpersoais máis alá do xénero e nome de quen o desempeña) se presente como un referente ético, que ofrecería a posibilidade de entender que un adulto é alguén que se fai cargo responsablemente da súa vida, aceptando a súa precariedade e a precariedade do outro. 

Outros artigos do autor