Entrevista | Manuel Rivas O escritor vén de publicar "A Nena Lectora"

“A educación é tan importante coma o pan”

“A escola representa o fermento da sociedade, o lugar no que cultivar o mellor que hai en cada un de nós; a cultura: outro xeito de alimentarnos, unha forma de facer brotar a risa colectiva e buscar aquilo que non é infermo, no inferno”

O escritor Manolo Rivas.

O escritor Manolo Rivas. / Cedida

María Bueno

María Bueno

Ás veces pasa: que tanto pode caber en tan pouco; que coas historias para os cativos, gozamos tamén os adultos; que a pulsión creativa gaña ao mandato de Thánatos. Todo isto ocorre en ‘A Nena Lectora’ (recomendada a partir de dez anos), que nos fala da loita social e feminista en Galicia, da emigración ás Américas, da filosofía, da ciencia e da literatura coma quen non quere a cousa, da conquista do pan e da cultura, do primeiro dereito da historia: o dereito a soñar. Á fronte das ilustracións, a artista Susana Suniaga; nos textos, o escritor Manuel Rivas, a quen tantas xeracións empezamos a ler na escola; e da escola é precisamente do que falamos hoxe con el. 

Portada de A Nena Lectora, con ilustracións de Susana Suniaga.

Portada de A Nena Lectora, con ilustracións de Susana Suniaga. / Cedida

Fomos moitos os que tivemos que ler o ‘Lapis do Carpinteiro’ e ‘Que me queres,amor?’ para aprobar Galego, que sentiches a primeira vez que soubeches que eras lectura obrigatoria? 

Unha noite xa hai anos, a finais dos 90, ía paseando e conversando co meu can Toxo e topámonos cun grupo de xente nova que estaba de festa, oín unha voz que berraba: ‘Riiiiiivas! (ri) Es un cabrón! (ri) Pola túa culpa case suspendo a Selectividade; entón respondinlle: ‘Oes!, eu non teño culpa, non escribín este libro para fastidiar a ninguén’. Xa me iba cando escoitei: ‘Que non, home!, que me saíu moi ben!, ven tomar algo con nós’. E alí acabei, bebendo un chupito con eles (ri).Ninguén fai unha comunicación oficial destas cousas, funme enterando nas visitas aos centros, pero tamén houbo algunha anécdota que fixo que me chegase a noticia de xeito literario, como é a vida: a vida ten vocación de conto.

Agora que o dis, que cambiou con respecto das túas primeiras visitas aos centros escolares? 

Noto que cada vez hai menos silencio e máis liberdade, polo menos expresiva. Sinto nas novas xeracións menos medo a traspasar límites na imaxinación, menos prexuízos; un libre pensar, un maior atravemento. 

Iso é a escola para ti? 

 Pode haber erros, avarías, fallos, pero, con todo, é o tempo da vida na que o noso único traballo é aprender no sentido máis amplo, no que non estamos —ou non deberíamos estar— marcados por unha dinámica competitiva; un espazo de cultivo do mellor de cada quen. Non só está a transmitir información, tamén está a formar cidadáns, é o fermento da sociedade, o espazo onde se aprenden a exercer os dereitos e no que se aprende que liberdade é solidariedade porque tamén significa non privar aos demais deses mesmos dereitos dos que gozamos nós. 

Sinto nas novas xeracións menos medo a traspasar límites, menos prexuízos; un libre pensar, un maior atravemento…

Un antídoto contra o individualismo?

Agora está de moda esa idea mal entendida de liberdade coma un individualismo ególatra de facer ‘o que me peta’. Fronte a isto, a escola é presencial, un espazo de convivencia no que pomos rostro ás emocións do outro. Agora que ven un ano moi interesante electoralmente, hai que abrir a escola á sociedade, eliminar os muros. Sempre estamos a dicir: ‘Que desastre de mocidade!’, pero ao mellor é o contrario. Debería poder votarse a partir dos 16 anos. 

Por que?

Non deberían escoitarse esas voces?, non deberían ter representación? Os adolescentes son sensibles ao que está a pasar no mundo, teñen a súa propia visión da natureza, da diversidade, das novas expresións, da saúde mental. Fálase moito: ‘Xa andan coa droga, non sei canto’... Pois dálles responsabilidades, non os deixes de suplentes e xa verás! Porque ademais teñen moitísimo que aportar á hora de romper cadeados. Eles gañan, e nós máis. 

Nonó, A Nena Lectora, vive nesa Galicia obreira, libertaria, feminista que representaba a Fábrica de Tabacos da Coruña. As cigarreiras e misteiras protagonizaron dúas das primeiras folgas de mulleres no mundo no SXX. Por que esta historia?, por que agora? 

Esas nenas que lían libros en voz alta na xornada laboral existiron, esas mulleres traballadoras que loitaron polos seus dereitos, e os de todos, existiron. Quería escribir sobre Nonó, unha figura que suma a historia dun mundo duro e loita pola vida, e ao mesmo tempo cóntanos unha pulsión relacionada co desexo de soñar, de crear. Unha nova abundancia; unha alimentación mellor que non necesariamente ten que ver coa comida, senón co benestar, con compartir, con cantar e danzar. Tamén para iso debería servir a escola: para aprender que na vida hai que xogar sempre, non só na infancia. 

Fronte ao individualismo ególatra de moda hoxe, o contacto con outros na escola ensinanos que liberdade tamén é solidariedade

A cultura como unha vía para a saúde mental?

A gran revolución sería cambiar o noso xeito de estar no mundo, non para dominalo, senón para gozalo. Dentro de cada un de nós hai unha especie de pugna entre a pulsión destrutiva de Thánatos e a de Eros, a pulsión pola vida, pola excitación creativa, por imaxinar. Nese combate, os mellores momentos chegan cando brota o que podemos chamar a risa popular e para iso a cultura é fundamental. É certo que as veces o mundo asemella un inferno, pero entón ven Italo Calvino: “Imos tratar de buscar aquilo que non é inferno no inferno”. 

Tamén coma medio para eliminar as desigualdades?

Precisamente, A Nena Lectora conta ese tempo no que non había acceso ao ensino, no que a infancia era xa tempo de traballo. Nas vangardas, a conquista do pan ía da man da conquista da educación coma espazo de emancipación e dábaselle moitísima importancia. Ese aparellamento era fundamental. Por iso creaban escolas, pero tamén as primeiras bibliotecas abertas á xente do pobo, os ateneos populares. 

Unha boa historia que mostrar aos nenos de hoxe...

A escola ten que ensinar a aprender, no sentido de tomar conciencia do saber, non como unha imposición, senón coma un dereito. Un lugar de emancipación, pero tamén de memoria, dunha memoria fértil que lles axude a facer fronte aos novos retos. A forma de ir para adiante e poder mirar cara atrás, e senón pregúntalle aos mariñeiros! Coñecer o noso pasado vainos axudar a ter espírito crítico, capacidade de rebelión fronte ás inxustizas.

Creo no voto a partir dos 16. Dise: ‘Son un desastre, xa andan na droga…’ Dálles responsabilidades e xa verás! Teñen grandes cadeados que romper

Curros Enríquez, Victor Hugo, Emilia Pardo Bazán, Oliver twist; e tamén Picasso, Darwin, Sócrates. En 40 páxinas, recolles unha gran cantidade de referencias, parece máis efectivo introducilas así que obrigar a estudalas nunha longa lista dun libro de texto?

E que estas referencias están entretecidas. Non hai unha intencionalidade de ‘aquí voulles meter unha lista de títulos para que os memoricen’, realmente saíron porque tiñan sentido dentro da historia, porque forman parte dela. O que chamamos “referencias literarias” son en realidade partes da vida, nin anexos nin apéndices. Todos o temos experimentado: “A cultura pode cambiar o mundo ou non? Non sei se ao mundo, pero desde logo a min si”. 

“— Hai algo, entón, por riba do deber? — Hai, si. A bondade!” Por que ese diálogo dos Miserables?

Aquí hai varias cousas. Por unha banda, moitos interrogantes, que é o máis importante na educación: responder aos porqué, coma no xornalismo. Tamén está en cuestión o tema central: como á hora da verdade, podemos sobrevoar o convencional, o tópico, o noso prototipo social e, ao mellor, deixar que a bondade e a compaixón aparezan no lugar máis inesperado.  

Na túa escrita, es un idealista?

Interésame sobrevoar a fatalidade e o sórdido, pero con historias que non teñen por que ser un val de bágoas. De feito, a nai de Nonó dille algo así como: ‘Nós non nacemos para chorar’, que era algo que me dicía miña nai. Cada historia ten a súa propia vida e para min o importante son os matices. Aínda así, é certo que o activismo de contar ten de seu un carácter xerminal, máis que idealista, de capear o temporal. Aí está a pulsión de loitar, por iso a escrita vai padiante, senón non escribiramos historias, senón fose por esa enerxía alternativa. Máis que no idealismo, eu creo na enerxía alternativa (ri).

“Nonó, a nena lectora, permanece ao outro lado da historia (...) exercerá a custodia do primeiro dos nosos dereitos, o dereito a soñar”

Eu quedo con que non é un punto final, é o principio de todo, o comezo de todo. Voume con Nonó, síntome un pillabán. 

Ilustracións de A Nena Lectora, por Susana Suniaga.

Ilustracións de A Nena Lectora, por Susana Suniaga. / Cedida