O misterio e a literatura sempre estiveron unidos. Quen non pasou noites en vela cunha novela que non podía deixar de ler?

E se á intriga lle sumamos a filosofía, a ciencia das preguntas por excelencia, a lectura convértese case nun traballo detectivesco: “Búscase persoa curiosa para resolver un crime que aínda non se cometeu”. Con esta mensaxe comeza o periplo de Erundino Terrón, un filósofo solitario e a súa secretaria Irma, que tentarán resolver os acertixos que, día tras día, aparecen no xornal e que semellan estar xogando coas súas mentes.

Ese é o argumento de Cicuta para dous, novela que levou o XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. A súa autora, Rocío Leira (Cee, 1979), matemática de profesión, mestura nas súas páxinas o humor, a intriga e a filosofía, invitando ao lector a reflexionar e, sobre todo, a intentar resolver os acertixos por si mesmo. Falamos coa autora para desengranar como é escribir misterio para mozos e mozas do instituto.

Durante a túa traxectoria escribiches poesía, novelas e relatos infantís, pero con Cicuta para dous é a segunda vez que consigues o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. É diferente escribir para adolescentes?

Escribir para esas idades supón todo un desafío, pois a mocidade é un lectorado moi esixente e con gustos moi diferentes aos dos adultos. Precisamente por iso creo que é importante achegarlles obras áxiles que os atrapen dende a primeira páxina e que os mergullen no contido da historia. No meu caso, con Cicuta para dous trato de ofrecerlles unha obra amena e mesmo participativa, na que o lector ten que axudar ao protagonista a resolver os distintos enigmas que van aparecendo páxina tras páxina, o que fai que non se convirta nun mero suxeito pasivo, senón que teña un papel activo na resolución do misterio.

Portada de Cicuta para dous.

Portada de Cicuta para dous. XERAIS

Ti es matemática, pero neste libro atopamos referencias á filosofía e cantidade de xogos nemotécnicos, as letras e as ciencias están máis preto do que pensamos?

Letras e ciencias, a pesares do tópico creo que están intimamente relacionadas. Foron moitos os matemáticos que ó longo da historia destacaron no mundo dos libros: Lewis Carrol, Echegaray….En Cicuta para dous trátase o tema da filosofía e malia que matemáticas e filosofía poidan parecer disciplinas diametralmente opostas, en realidade, ambas están moi ligadas, pois nas dúas se traballa coa mesma materia prima: os pensamentos. En ambas, a razón, o sentido crítico e a abstracción son elementos esenciais, polo que mesmo se podería decir que lonxe de seren disciplinas opostas, ambas se complementan á perfección.

E como marca (se é que o fai) a matemática na forma de escribir? Moitas revisións? Búsqueda de exactitude?

Son matemática vocacional e para min a miña profesión é moito máis que un modo de gañarme a vida. No meu caso as matemáticas representan un modo de ser e de estar no mundo, unha maneira particular de entender a vida. Polo tanto, resulta case inevitable que esa paixón non se traslade a todo o que fago, incluída a miña faceta literaria. Creo que nos meus escritos se adiviña sempre un certo matiz matemático e o emprego da lóxica ten un papel protagonista.

“A pesares do tópico, creo que letras e ciencias están moi relacionadas”

No caso de Cicuta para dous non ía ser menos, e nas súas páxinas trasmítese unha defensa acérrima do pensamento e da reflexión como ferramentas indispensables para conducirnos pola vida.

E nese caso, como marca a filosofía?

Son unha gran lectora de filosofía, e malia que carezo de formación nese eido, adoro esa disciplina. En Cicuta para dous trato de transmitir ese gusto polo oficio de Sócrates pois considero que nestes momentos a filosofía é máis necesaria ca nunca. Rodeados como estamos de falacias, fake news e posverdades, penso que é imprescindible desenvolver un sentido critico para analizar todo o que está acontecendo e para protexernos da manipulación á que nos vemos sometidos dende todos os estamentos da sociedade.

Cicuta para dous conta con dous protagonistas principais relacionados con ese campo, un filósofo solitario e a súa secretaria, unha muller nova pouco valorada no seu traballo. A situación das mulleres tamén era un eixe principal de Veleno en Familia. Por que?

Creo que a literatura debe ter tamén unha función social, no sentido de amosar e pór o foco sobre os problemas da sociedade. Como non podía ser menos, o tema da muller e das situación desfavorables que en moitas ocasións sofren, ten un papel moi importante na miña obra. En Cicuta para dous, estas dificultades reflíctense no papel de Irma, a secretaria de Erundino, o filósofo protagonista. Irma sofre nas súas carnes, a invisibilización á que moitas veces se ven sometidas moitas empregadas, convertidas, día tras día, en meras proveedoras de servizos para uns xefes egoístas e desconsiderados.

A lectura entre a mocidade pode entrenar esas alertas sociais. Cres que o podemos conseguir?

Hai múltiples enquisas que din que os mozos non len, ou non o fan tanto como sería desexable. Creo que a adolescencia é unha etapa complexa para consolidar lectores, pois a mocidade prioriza as relacións sociais sobre a lectura. Ademais, hoxe en día existe acceso case ilimitado a videoxogos, redes sociais e audiovisuais de todo o tipo que esixen moito menos esforzo intelectual que o acto de ler e que ofrecen estímulos e pracer inmediatos. Pero creo que, precisamente nese ambiente de dificultades, a literatura ten que sacar e amosar músculo. É máis necesario ca nunca facer unha literatura atractiva para os adolescentes, para que perciban a lectura como un pracer e non como unha obriga, e para que agrome neles un hábito lector que os acompañe de por vida.