Chegan as gripes e as bronquiolites, poñendo sobre a mesa as necesidades sanitarias nas escolas. Unha historia que comezou coa irrupción do COVID nas nosas vidas e que continúa provocando debates. A situación en Galicia é moi particular: non existe o concepto de enfermeira escolar.

Moi diferente a o caso legal de cidades como Madrid, onde si é obrigatorio, ademais de necesario, pola cantidade de alumnos en cada centro escolar. 

“De feito, en Madrid levan a cabo incluso revisións pediátricas nos colexios, ou estes convértense en escenario principal para protocolos de vacinación masiva. En cambio, hai moitas zonas rurais de Galicia que teñen un número de alumnos moi baixo, centros onde hai menos de cen alumnos e onde, de existir unha enfermeira, esta debería rotar entre centros, facendo case inútil a súa asistencia de suceder unha emerxencia”.

Así introduce a situación Gemma Rodríguez, presidenta de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria), que considera que o traballo que faría unha enfermeira escolar pode estar cuberto perfectamente polos centros de saúde: “Tendemos a pensar que o traballo dos médicos de familia e enfermeiros queda dentro do centro médico, pero tamén saimos, traballamos fóra, e moitos pasamos por colexios e institutos”. 

De forma xeral, o traballo das enfermeiras en centros escolares baséase sobre todo en impartir talleres, tanto para o alumnado como para os profesores: “Como xa se evidenciou na época do COVID, é necesario facer campañas de prevención, ensinar cómo actuar en situacións concretas e educar a toda a comunidade escolar para que sepan que facer. Un caso moi claro son os talleres de reanimación”.

Un exemplo das tarefas de prevención e diagnóstico que realizan as enfermeiras polos centros escolares é o de Paz Caínzos, que traballa en institutos con proxectos sanitarios de longo recorrido: “Non é algo puntual, é algo que facemos durante varios anos académicos.”

Obradoiros de saúde mental

Actualmente, Paz traballa nun proxecto sobre saúde mental: “Cheguei ao IES Breamo e coincidín cunha orientadora que coñecía moi ben á súa rapazada. Así, preguntei por temas que precisasen tratar en particular, e destacaron o seu interese pola saúde mental, xa que no que ía de ano dous nenas intentaran suicidarse. E deste xeito, empezamos a traballar.”

Neste tipo de proxectos, as enfermeiras levan a cabo tres fases de actuación: “Visitamos as clases para descubrir as súas sensacións, ideas, e resolver as súas dúbidas, neste caso sobre saúde mental. É o que sería unha fase de diagnóstico, de saber en que punto estamos e os coñecementos previos. Despois está a fase de reflexión, onde estou traballando actualmente, que consiste en poñerse na pel de quen sufre ese problema e aprender a detectar as sinais de alerta.” 

A terceira é a fase de actuación, onde de forma máis práctica os alumnos e mestres “fan algo enfocado á comunidade”.

Pero, a pesar de todos estes cursos e obradorios os profesores non poden evitar preguntar: “serían tan necesarios de existir a figura da enfermeira?”

O necesario son os recursos” zanxa Gemma. “De pouco serve unha enfermeira se non ten con que atender una urxencia de verdade. Se ocorre unha emerxencia, o necesario é acudir canto antes ao hospital”.

O sistema de Alerta Escolar Cedida

Destaca neste sentido o Sistema de Alerta Escolar do 061: “Os rapaces e rapazas que teñen algún tipo de necesidade médica especial, vexamos epilepsia ou diabetes, están listados, controlados, de forma que, de ocurrir algunha emerxencia, só con dar o seu nome os equipos médicos coñecen a súa situación, e actúan de forma inmediata”.

Son este tipo de situacións especiais as máis urxentes, e para as que unha enfermeira escolar “non ten os recursos necesarios. Coa alerta escolar a resposta é moito máis rápida e salta ese paso intermedio que só gastaría tempo”.

Así funciona a asistencia de ‘Alerta Escolar’

Este protocolo xorde xa en 2007 co obxectivo de dar unha resposta as patoloxías crónicas ou emerxencias do alumnado de entre 0 a 16 anos, para asegurar a rapidez a efectividade da asistencia médica de urxencias durante o horario escolar.

Dentro do Protocolo de Alerta Escolar, os profesores reciben nocións básicas para a administración de tratamentos (por exemplo, medicamentos intramusculares como adrenalina, glucagon...) e información para ser capaces de recoñecer as emerxencias das patoloxías que pode sufrir parte do seu alumnado, e así contactar co 061 canto antes e prestar unha primeira atención mentres espera a chegada dos recursos adecuados.

De maneira telefónica, estarán guiados por profesionais para saber como actuar en cada momento previo á chegada dos profesionais. Algunhas das situacións que poden precisar de atención médica urxente son convulsións por epilepsias, alerxias graves, hipoglucemias... 

Alerta Escolar busca a coordinación entre profesorado a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias 061.

Para unha correcta coordinación, os pais rexistran no protocolo aos fillos e fillas con patoloxías especiais, a través dun formulario. Deste modo, só con dar o seu nome, o menor está totalmente fichado e controlado.

Unha vez recibida a alerta, recoñçecese ao paciente na base de datos, cun acceso inmediato ao seu historial clínico, e porén, unha reacción adecuada e acorde ás súas necesidades. Ao mesmo tempo, a Central de Coordinación non perde o contacto co profesor responsable do neno ou nena afectado, que terá conservada e custodiada no centro a súa medicación particular.