Saúdos, artistas!

Traemos novas que intersarán aos más creativos da escola, e é que comeza a oitava edición do concurso “Cíes, O paraíso de todos”, o certamen de Debuxo e Vídeo Grupal de Faro de Vigo. Trátase dun concurso onde a imaxinación dos máis pequenos ten premio, e este ano está organizado por FARO, o Concello de Vigo e FCC Medio Ambiente.

Seguro que xa estás pensando en como participar. Podes facelo de dúas formas: ou ben de xeito individual, facendo un debuxo e deixando voar a túa imaxinación sobre o papel; ou en grupo, acompañado dos teus amigos e compañeiros de clase, a través dun vídeo.

En que consiste o concurso?

Na parte de debuxo poden participar estudantes de Infantil e Primaria, e nos vídeos tamén os rapaces e rapazas da ESO. Debes sacar as túas dotes de artista e plasmar na lámina a túa visión das Illas Cíes: as súas paisaxes, os tesouros enterrados, os animais que as habitan e a súa vexetación. Podes descargar ditas láminas na web, recuperar as encartadas co xornal ou utilizar as que recibiron os profesores nas escolas.

Agora, tedes o que resta de mes para enviar a vosa visión particular destas Illas: que vos inspiran?

Unha paisaxe de ensoño, un mar cheo de fauna segreda, tesouros soterrados entre areas brancas… Plasmade no papel todo o que poidades imaxinar! E se preferides participar cos compañeiros de clase, recordade que tamén está aberto o prazo para enviar os vídeos grupais sobre as Cíes, cun máximo de cinco minutos e estilo totalmente libre.

FARO publicará os gañadores no xornal do venres 2 de decembro

Podes participar antes do día 25, que pecha o prazo para recibir as obras. Para facer chegar os vídeos podes facelo, por exemplo, por correo electrónico mediante wetransfer, drive ou similar á seguinte dirección: ciesoparaisodetodos@faroimpulsa.es; ou no formulario da web.

No caso das láminas de debuxo tamén podes envialas por correo ordinario a CONCURSO CÍES, O PARAISO DE TODOS. Apartado de Correos 91 – 36201 Vigo, e presencialmente nas delegacións de FARO en Vilagarcía, Cangas do Morrazo, Lalín, A Estrada, Santiago e Pontevedra, na redacción central de Chapela ou na oficina central de Policarpo Sanz 22, en Vigo. Por último, tamén podes achegarte ao teu quiosco de confianza e entregala en man.

A admisión dos traballos remata o venres 25 de novembro

A partir de aí, todo dependerá do fallo do xurado, a quen teredes que impresionar. Recordamos que en cada categoría individual haberá tres finalistas, e na colectiva un por cada tramo de idade. FARO publicará os seus nomes no xornal do venres 2 de decembro. A entrega de premios será tamén ese mesmo mes, aínda sen data, e será imprescindible asistir para poder recibir o agasallo correspondente. Así que presta moita atención as publicacións de Faro de Vigo. Sorte!