Aos seus 28 anos, Ismael Ramos (1994) vén de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía Joven ‘Miguel Hernández’ 2022, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte ao seu poemario ‘Lixeiro’. Tamén autor de ‘Os fillos da fame’ e ‘Lumes’, escribiu esta obra antes de empezar a súa outra canle profesional coma mestre de Lingua Castelá en ESO e Bacharelato hai agora tres anos. Preguntámoslle pola literatura e pola vida, pola poesía galega e pola educación, pola ironía e polo futuro, pero o primeiro é o primeiro:

Parabéns polo premio, como senta un galardón así? 

É unha alegría enorme, estou feliz, pero tamén por ver o xeito no que se alegran os demais; noto que á xente lle supuxo un motivo de orgullo, non sei: como de valorización do noso… Paréceme que tamén é un recoñecemento á unha visión determinada da literatura, é algo incrible. 

Cal é esa visión da literatura que defende a túa obra?

Cústame falar dos meus propios libros, por iso emprego frases doutros e unha cousa que se leva dito moito nas últimas semanas de Annie Ernaux, a Premio Nobel deste ano, que me gusta moito é que logra que o difícil pareza fácil; que, con moita sinxeleza, é capaz de tocar temas moi profundos; e a miña obra aspira a iso. 

“Hai algo que teñen en común o profesor e o escritor: os dous intentan transmitir algo aos demais, pero penso que as vías para facelo son moi diferentes”

Inflúe a túa condición de mestre na túa forma de escribir?

É algo no que penso moito ultimamente, e que aínda estou descubrindo, pero creo que non. Hai algo que si teñen en común o profesor e o escritor: os dous intentan dalgún xeito transmitir algo aos demais, pero as vías para acadalo son diferentes. Ao mesmo tempo, ten que modificar dalgún xeito, non sei si a miña forma de escribir, pero si a visión que teño do mundo porque agora estou todos os días en contacto con xente moi nova. 

E viceversa? Ser escritor cambia a túa forma de dar a clase?

Aí si creo que pode marcar unha diferenza. Posiblemente, sexa deses profesores que lle dan moita importancia ao xeito no que a literatura, no que o dominio da palabra, pódenos axudar a ter unha vida mellor, a vivir cos ollos máis abertos, a sermos máis críticos…

“Os millennials nacemos desencantados, sen unha visión idealizada do mundo, ao que nos achegamos con certa distancia irónica, e iso ten cousas boas e cousas malas”

Agora que o dis, a chave para espertar o interese pola literatura entre os mozos? 

É moi difícil transmitir unha paixón. A min encántame escribir, e sobre todo ler, pero como achégalo na clase? Penso que dándolles a entender que é útil; ensinándolles que a literatura é unha ferramenta para entender o mundo, e tamén para cambialo, a única vía si o pensas. É o que intento transmitirlle aos alumnos todos os días na clase. 

O xurado que fallou o premio describe ‘Lixeiro’ coma “un canto xeracional entoado desde un desencanto reconciliado que conxuga ironía e nostalxia”, ¿somos os Millenials unha xeración desencantada?

Pois mira:creo que si e que xa nacemos así. Fronte aos fillos dos 80, que viviron un pouco esa idea de ‘se fas as cousas ben, vaiche ir ben’. Nós…non sei…:eu recordo ser moi consciente xa con 16 anos de que, estudase o que estudase, non ía ter traballo facilmente. Medramos así, sabendo que o mundo estaba en crise e por iso non temos unha visión idealizada, aprendemos a afrontalo con certo… 

"A LOMLOE entende que o centro educativo non é só un lugar ao que os rapaces vaian aprender unha determinada materia, senón que forma parte da sociedade"

Con certo…, cinismo? 

Si, cinismo é unha palabra que soa un pouco peor, pero tamén… Eu diría que con certa distancia irónica; e iso ten cousas boas: as crises fan que o mundo se mova; e malas: esta constante incerteza provoca problemas como a pandemia de saúde mental, froito dunha crise económica, pero tamén social e dos afectos. Nós non estamos enfermos porque naceramos enfermos, senón porque o mundo está enfermo.  

"Os mestres podemos e debemos ser axentes sociais, pero, ao mesmo tempo, cada vez temos que facer fronte a unha maior burocracia"

E que hai das xeracións que veñen?, que se respira hoxe na aula?

As aulas son un espello do mundo, os rapaces reproducen o que ven na casa: hai cousas moi esperanzadoras e cousas que non me gustan tanto.Ves o efecto do feminismo, pero tamén da desinformación ou o auxe dos fascismos. A educación ten que ser unha ferramenta para cambiar o que non funciona. 

Os desafíos da educación de hoxe?

Moitísimos. A última lei, a LOMLOE, ten algo moi positivo, entende que o centro educativo non é só un lugar ao que os rapaces vaian a aprender unha determinada materia, senón que forma parte da sociedade. Os mestres podemos e debemos ser axentes sociais, máis alá de meros transmisores de coñecemento. O problema é que hai grandes dificultades porque cada vez está todo máis burocratizado e é máis difícil pór en marcha experiencias de ensino diferentes, ademais de recortes brutais, sobre todo en recursos humanos. E isto téñeno que saber os pais, que son os que poden votar. 

"Nós non estamos enfermos porque naceramos enfermos, senón porque o mundo está enfermo"

As cousas poden cambiar?

Eu son moi optimista e penso que si, de feito moitas cousas xa cambiaron para ben. Por levalo a educación de novo: o alumnado que fai dez anos estaba máis apartado na aula por diferentes motivos como a súa orientación sexual ou raza, hoxe está moito máis integrado. A pregunta que temos que facernos é que ferramentas podemos empregar para seguir mellorando. 

A poesía é unha delas?

Si, as palabras, as palabras están en todo. A xustiza, o xornalismo, a ensinanza son palabras. Temos que facerlles comprender a importancia de dominalas.