Que o cine é coma unha muñeira, unha morea chea de voltas; que nos permite facer realidade todo aquelo co que soñamos, como quitarlle a dor de cadrís aos avós; e que para levalo a cabo só é preciso cociñar unha boa historia mesturada cun chisco de imaxinación son algunhas das aprendizaxes que nos deixa o making off da curta ‘Un conto cheo de lobos’

Orgullosos, felices co resultado e sobre todo con moitas ganas de máis. Así están os catorce guionistas, actores de dobraxe e directores de Arte do aula de 5º de EP do Colexio Manuel Villar Paramá da Estrada tras coñecer que a película de tolas historias do seu Lobo Papón venceu no X Certame de Curtas de Animación en Galego do programa de dinamización lingüística “Nós tamén creamos!”, posta en marcha para fomentar o uso da nosa lingua. 

“Dilles ti que non”

“Aínda seguen alucinados, a maxia non se apagou e xa están a pensar na proxección da curta no Festival de Cans de Porriño. Agora teño que levalos como sexa, dilles ti que non”, sorrí Lucía Muñoz, profesora de Música no centro e ao fronte da proposta gañadora, que o pasado mércores levou ao grupo a recoller o seu premio a Santiago nunha mostra paradigmática de por que os proxectos transversais que van alén da aula están a acadar cada vez máis protagonismo nos colexios: Aprender a aprender cotiza ao alza nun mundo dinámico e cambiante

Motivación e emoción 

Un proxecto que se alongou durante todo o curso pasado e que “deu ben de traballo”, pero que conta a mestra que vagou moitísimo a pena: “Eu creo que hai que apostar por ensinar facendo, máis que convertelos en consumidores de contidos. Teñen que usar as mans”, describe unha aprendizaxe moito máis estimulante e motivadora para os nenos, que fixa o adquirido na memoria: “Quédalles marcado, pero para sempre, eh? Iso non o esquecen”. 

“Eu creo que hai que apostar por ensinar facendo, máis que convertelos en consumidores de contidos. Teñen que usar as mans”

“Claro que houbo leccións maxistrais sobre a estrutura narrativa dun guión adaptado, sobre os tipos de plano, sobre a creación de xoguetes ópticos ou sobre a creación das storie boards, pero, ao momento de escoitalas, xa as estaban a aplicar. O feito de vivilo e protagonizalo, converteu o adquirido nunha aprendizaxe significativa”, segue a relatar a mestra sobre o proceso de realización desta curta no que, aos contidos, sumáronse competencias chave para o desenvolvemento dos pequenos: lecto-escritura, lóxica, comunicación, perspectiva, habilidades dixitais, traballo en grupo…  

Os alumnos do CEIP Manuel Villar Paramá foron recoller o premio a Santiago. Cedida

Saír da aula, aprender a aprender

E tamén houbo empatía, tolerancia á frustración, creatividade, busca de solucións… Porque antes de poder ver o resultado final de ‘Un conto cheo de lobos’ houbo de pasar de todo e todo o mundo houbo de implicarse.

 Á Éster, a actriz de dobraxe encargada de dar voz ao gran Lobo Papón, ningunha toma lle parecía o suficientemente perfecta para deixala ir, así que houbo que repetir unhas cantas secuencias; e Sara, ao cargo do narrador do conto, colleu o Covid e case se lles pasa o prazo de entregar o filme adiante…  

Pero ao final o proxecto saíu adiante co esforzo común. Implicáronse os pais desde a casa, os maiores do cole e tamén outros profesores do claustro. Alumnado e mesmo familias aprenderon máis sobre o funcionamento do cine e os recursos literarios; comprobaron que as historias, ademais de con palabras, tamén se contan con imaxes e sons; e que, con poucos medios, pódese facer algo incrible: fixeron o guion, puxeron as voces, elaboraron o decorado… Crearon unha curta ao completo a partires dun cartón; e o resultado ben vaga a pena velo na conta de Youtube da Consellería de Dinamización Lingüística.