— “Xubilado, pero activo, non?” — Si, claro, pensar sigo pensando; iso non o vou deixar”, ri. Licenciado en Filosofía e adicado á docencia desde os 20 anos, Miguel Vázquez Freire predica co exemplo e renuncia as verdades absolutas nunha entrevista na que fala da mocidade e a educación de hoxe; a importancia da filosofía, “que segue a pintar moito”; e as súas facetas coma docente e escritor, “ambas máis unha cuestión de responsabilidade que de gusto”, aínda que recoñece: “Nunca sufrín na clase, pero coma escritor si houbo as veces un certo sufrimento pola diverxencia entre o que estaba na miña cabeza e a incapacidade de plasmalo no papel”.Coma o segundo, acaba de publicar O Moucho Voa, un libro pensado para introducir a mocidade na filosofía

Se cadra, máis necesaria agora ca nunca?

Non diría tanto coma iso porque sempre foi moi necesaria, é a arte de pensar; naceu na antiga Grecia xunto á ciencia. O que tampouco se pode dicir é que non pinta nada porque pinta tanto coma sempre e nalgúns aspectos vólvese especialmente vixente. 

Coma cales? 

Fálase moito das Fake News. A filosofía danos criterios para detectar as falsidades; ou para saber distinguir entre mentira, que xa é un problema moral; e o erro, que é algo que nos pode pasar a calquera; tamén para fuxir da verdade sen risco, que sería o dogmatismo, e determinar onde hai máis posibilidades de atopar a verdade. 

Di que calquera persoa, de forma espontánea, ten preocupacións relacionadas coa filosofía, tamén os mozos?

Naturalmente que si. Poño un exemplo que non afecta só a mocidade, pero se cadra si presenta riscos especialmente notorios para eles. Todos queremos ser felices e a xuventude recibe por todas partes estímulos que venden unha felicidade fácil que nos pode conducir a unha maior insatisfacción. A filosofía axúdanos moito por exemplo coas correntes estoicas, que nos indican o camiño para seleccionar os nosos desexos, aquilo que merece ser querido, fronte a voráxime de querelo todo. 

Unha corrente filosófica que esperte especialmente o interese dos cativos no aula? 

Hai moitas, o tema é sabelas presentar. Eu dixen agora unha: o estoicismo, que non é das que os rapaces perciben coma especialmente atractiva. Interésalles máis o hedonismo, a escola que di que ser bos é ser felices, e que a felicidade consiste en cumprir os nosos desexos. Cando eu explicaba isto na clase, abríanse os ollos a todos. Logo é interesante saber que non hai tanta distancia entre os estoicos e os epicúreos. De iso tamén fala este libro do Moucho Voa. 

O Moucho Voa, un libro pensado para introducir a mocidade na filosofía. FARO EDUCA

Por que ese nome, O Moucho Voa?

No seu libro da Filosofía do Dereito, Hegel di: “O bufo (moucho) de Minerva alza o seu voo no solpor”. É dicir: que para reflexionar en filosofía fai falla unha certa madurez. E nesa frase foi na que me inspirei para eses diálogos entre un profesor de filosofía, unha estudante de Bacharelato e un xubilado, que son a base do libro. A forma dialogada ten unha tradición que comeza con Platón. Este pequeno texto non está á altura nin moito menos, pero si busquei certa inspiración aí: a ironía, a tendencia a darlle a voltas as cousas e a aceptar o libre xogo dos argumentos; o que chamamos pensamento crítico.  

Din que vivimos un auxe dos extremismos, falta vontade de diálogo e espírito crítico entre os mozos de hoxe? 

Son reacio a facer afirmacións que simplifiquen o retrato da mocidade de hoxe. Isto tamén aparece no Moucho. Paula, a rapaza protagonista, protesta ante o xubilado porque lle está a atribuír certos tópicos que teñen moito de falso: que a mocidade de hoxe non se esixe, que non quere pensar, que non lle interesa nada… Na miña experiencia, o que encontrei é que a mocidade si buscar dialogar e atopar cousas nas que apoiarse á hora de pensar. Máis ben, eu diría que dificultade para eles hoxe, ao estar rodeada de tantos estímulos, está en seleccionar o que merece ser pensado. 

O gran reto da educación agora mesmo? 

O gran reto hoxe é saber cal é o curriculum máis axeitado para cada nivel porque é imposible aprendelo todo. E poño un exemplo moi plástico: o cerebro do adolescentes non medrou con respecto do dos mozos do Renacemento, sen embargo, eles precisan pensar un mundo moito máis complexo.  

Tamén foi profesor de cine, hai relación entre iste e a filosofía?

Eu pódoche falar da miña experiencia. Cando puxeron por primeira vez filosofía na ESO, tiña claro que a motivación ía ser moi importante e a profesora asturiana Concepción Pérez propuxo unha idea que me gustou moito: traballar coa película Matrix. Din todo o curso a partir da película porque en Matrix está o problema do ser, un tema tan antigo como a caverna de Platón; a busca da dimensión intelectual porque os sentidos nos enganan: que é o racionalismo cartesiano; a pregunta de como podo ser feliz… E deu un resultado moi bonito de maneira que si o recomendo. 

Se o cine e a filosofía falan da vida, serve calquera película para facer filosofía?

Neste intre hai moitos libros que propoñen traballar a filosofía a partir de películas con complexidade filosófica, algúns aparecen na bibliografía do Moucho; pero hai outros filmes que poden ser perniciosos porque simplifican esa complexidade e proporcionan falsas respostas, coma tamén pasa nalgúns videoxogos, onde o xogador é situado nun mundo hostil e todo se reduce a: ‘ou mato ou mátanme’.