Divulgación

‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia.

Que as plantas teñen un período de adolescencia coma nós, os humanos; que o mesmo vexetal que nos permite gozar dos flocos de millo podería servir para facer funcionar un coche; ou que a coliflor cheira tan mal pola culpa do ácido sulfhídrico son cousas que sabemos grazas a Ciencia, esa materia que salta dos libros e o aula ao noso día a día para explicarnos o mundo no que vivimos. 

Non é cousa de superheroes doutro mundo, senón de persoas curiosas que decidiron facerse preguntas desde ben nenos

Ás veces aseméllasenos afastada de nós, só cousa de grandes fitos e descubrimentos; pero nada máis lonxe da realidade, todos nós podemos facer ciencia e todos a necesitamos para comprender algunhas das cousas máis básicas da nosa vida: por que sentimos frío?, por que nos gusta tanto o chocolate? ou mesmo por que se sosteñen os edificios? Todas estas preguntas teñen algo en común: unha resposta científica. E o mesmo ocorre coa desaparición dos dinosauros, o funcionamento do noso corazón, a forma na que se manteñen no aire os avións, e case calquera cousa que se vos ocorra. 

Co desafío de demostrarnos todo isto e moito máis, o CSIC e FARO EDUCA volven ao cole cunha nova edición da sección ‘Ciencia para o día a día. O CSIC responde’, na que, un martes de cada dous, poderemos ler en primeira persoa a membros do persoal da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia, atopar curiosidades da ciencia, ideas para facer experimentos na casa ou mellorar a nosa pegada ao medio ambiente, ademais de descubrir como avanzan as distintas investigacións en marcha actualmente. 

Unha rama do saber humano á que nos achegaremos para interiorizar o seu método e aplicalo deste xeito no noso día a día: observar, plantexar unha pregunta, investigar, elaborar una hipóteses, probar esa hipóteses e arroxar unha conclusión.  

Porque a Ciencia non é cousa de grandes superheroes que viven noutro mundo, senón de persoas curiosas que decidiron facerse preguntas desde ben nenos e traballar en equipo, pasiño a pasiño, avance a avance, para respondelas e ofrecer solucións á nosas sociedade ¿Ti podes ser un científico ou unha científica? Por suposto que si; de feito, pode que xa o esteas a ser sen sabelo.  

Profesionais coma Dolores Garabana e Paz Sampedro, Científicas Titulares do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), que nos amosaron a importancia da xestión sostible dos recursos pesqueiros á hora de ter sempre peixe fresco; ou de Amparo Rubio Martínez, Científica Titular e investigadora do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS - CSIC), que nos descubriu que, xa na Idade Media, había mulleres emprendedoras en Galicia; ou Álvaro Minguito, fotógrafo documentalista e colaborador con diversos proxectos arqueolóxicos do Incipit-CSIC en África, que trouxo ás páxinas de FARO da ESCOLA nada máis e nada menos que fotos do noso pasado; Carmen Martínez, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia CSIC, cunha flor única no mundo para facer perfume e mesmo usar como ingrediente nas nosas receitas; ou Jesús Gago, Oceanógrafo químico e investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO), quen nos mergullou nas profundidades do mar para concienciarnos da importancia de apostar pola economía circular e reutilizar os nosos xoguetes. 

Eles son só un exemplo das firmas que pasaron por esta sección o ano pasado para espertar o noso interese e amosarnos que non fai falla ir a Antártida para viaxar moi lonxe coa nosa mente. Desde a clase, na casa ou mentres xogamos na rúa ou na praia podemos facer Ciencia e, quen sabe, pode que algún día, cando sexamos maiores, entón si: participemos nunha desas incribles expedicións do CSIC no Polo Sur