Comeza o curso e sabemos que moitos dos rapaces gustan de usar as súas vacacións para ler máis, mentres que outros precisan o pulo da lectura nas escolas para que lles pique a curiosidade. Pero as veces, converter os libros en obrigacións produce o efecto contrario… “Se só len na escola corremos o risco de que se converta nunha obriga, cando o que queremos é que sexa pracenteiro”.

Isto conta Isabel Mociño, quen traballa para a promoción da lectura en todos os ámbitos e etapas da vida, e sinala os principais erros que cometemos coas lecturas na escola.

“O maior problema coa lectura escolar é que se instrumentaliza para ensinar sobre gramática, contidos sobre figuras literarias ou estruturas. O libro debe conlevar un disfrute, e dificilmente se farán lectores asiduos se asocian a lectura cos exames”. Convertendo os libros en escola perdemos a oportunidade de atraer a aqueles nenos e nenas menos lectores: hai un libro para todos, independentemente dos gustos de cada un, do que terán que farán un exame para todos, independentemente das súas experiencias.

O papel dos docentes

“Un bo docente ten que ser un bo lector, porque non poden contaxiar o gusto de algo que se descoñece”. E é que, se un goza pola lectura, buscará estratexias para contaxiala. 

“As editoriais contan con novidades literarias que se adaptan aos seus gustos: libros con grandes ilustracións, moi visuais, interactivos…"

Algunhas desas estratexias pasan por ter unha biblioteca na aula onde os rapaces poidan coller o que máis lles guste, “que non estea composta só por lecturas académicas ou únicamente as que forman parte do programa. Libros de aventuras, libros de fantasía, libros de historia... para que cada un se empape do que máis lle gusta e do que quere aprender”.

Un aspecto fundamental é adicar un tempo diario á lectura nas escolas. E mentres o alumnado le, o profesorado tamén. “Non pode estar corrixindo exames ou facendo outra cousa, os nenos deben sentir a actividade de xeito grupal. Que o vexan reaccionar ao texto, pasalo ben. Así poderán compartir as experiencias, falar dos libros que len e facelos seus”.

Isabel Mociño, investigadora en hábitos de lectura Cedida

As novas formas de ler

Os libros non quedaron estancados, saben como responder as necesidades das novas xeracións e van mais aló do papel.

“As editoriais contan con novidades literarias que se adaptan aos seus gustos: libros con grandes ilustracións, moi visuais, interactivos… que chaman a un novo tipo de lector, acostumado ás pantallas e as imaxes.

E que pasa se nos din “a min non me gusta ler”? O que os rapaces nos queren dicir con esa frase é que a súa experiencia non foi satisfactoria. “Pero sempre podemos revertilo. Hai, de todas formas, un gran paso entre primaria e secundaria. En ocasións falo con nais que me contan que na secundaria están abandonados da lectura, porque os programas non acompañan tanto como na primaria”.

Moitos destes rapaces que deixan de ler na adolescencia regresan nos seus vintetantos, porque xa tiñan unha base de amor pola lectura, por profesores que prantaron a semente. “Agora mesmo ata temos editoriais que publican libros de primeira lectura para persoas maiores. Sempre hai posibilidades de atopar un libro que te contaxie o amor pola literatura”.