Divulgación

Esta sección de 'Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia. Dolores Garabana e Paz Sampedro son Científicas Titulares do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), expertas na avaliación de especies de interés pesqueiro e en Ecoloxía da reprodución de peixes, respectivamente.

Saber canto peixe hai require de cálculos complexos e de persoal científico pesqueiro especializado para facelos. Os peixes non coñecen fronteiras e por iso os especialistas de distintos países únense para poñer en común o seus datos e realizalos cálculos xuntos. Así, os resultados son máis precisos e pódese garantir unha xestión sostible dos recursos pesqueiros que vai permitir ter sempre peixe fresco.

Cada país da UE recolle datos das súas pesqueiras. Parte dos datos proceden da actividade pesqueira e obtéñense a través dunha rede de observadores a bordo e de mostradores nas lonxas. Tamén se utilizan os datos de capturas dos diarios de pesca cubertos polos pescadores.

Dolores Garabana e Paz Sampedro son Científicas Titulares do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), expertas na avaliación de especies de interés pesqueiro e en Ecoloxía da reprodución de peixes, respectivamente. Cedidas

Outros son datos tomados en campañas deseñadas cientificamente e nas que se utilizan sempre as mesmas redes e se traballa nas mesmas condicións. Estas campañas repítense ano tras ano nas mesmas zonas de pesca e na mesma época do ano para facer un seguimento da abundancia dos recursos no tempo. Hai campañas de acústica, de pesca peláxica ou demersal ou ben de ictioplanton, pero o seu obxectivo é o mesmo: estimar a biomasa de peixe que hai no mar. 

Tómanse datos do tamaño, o peso, a idade e o sexo dos peixes. A través do estudo da fecundidade das femias, podemos saber cantos ovos poñerán. Coñecemos a súa idade a través dos otolitos, que son unhas pedriñas de carbonato cálcico situadas no oído interno do peixe e que forman engadindo unha capa cada ano, coma fan as árbores. Todos estes datos permiten obter unha instantánea da distribución por idades dos peixes. 

Os datos recollidos polos institutos de investigación de cada país compártense en organizacións científicas intergobernamentais, como o Consello Internacional para a Exploración do Mar, o ICES na súas siglas en ingles, no Atlántico Nordeste e a Comisión Xeral de Pesca do Mediterráneo (CGFM). Estas organizacións, integradas por expertos en pesca de todos os países, aplican modelos matemáticos que avalían o estado das poboacións de peixes e fan predicións da súa evolución no futuro. 

Os científicos, utilizan esta información para estimar a mortalidade debida á pesca e tamén a biomasa de peixes. A partir destas avaliacións elabóranse recomendacións científicas. O obxectivo é garantir que as poboacións podan ser explotadas ao seu rendemento máximo sostible a longo prazo.

Estas recomendacións científicas comunícanse directamente á UE. Aquí comeza un capítulo máis político que afecta ás decisións sobre o total permitido de capturas (TAC) e que son axustadas para garantir a explotación dos recursos mariños vivos en condicións económicas, ambientais e sociais sostibles. En Europa, estas decisións as toma o Consello de Agricultura e Pesca da UE e logo tradúcense en cotas de pesca para cada país.

O persoal científico pesqueiro tamén colabora noutras análises crave, por exemplo a das capturas accidentais de aves ou mamíferos mariños ou do impacto da pesca nos fondos mariños. Isto permite dar unha imaxe o máis completa posible das actividades pesqueiras e minimizar o impacto no ecosistema.

Nolas duas somos parte do persoal científico do Instituto Español de Oceanografía (IEO), organismo asesor para a política sectorial pesqueira do Goberno. Participamos en campañas oceanográficas como PELACUS que usa a acústica para xarda, xurelo, sardiña, etc. das costas galegas e o cantábrico dende o ano 1983. E tamén nas campañas CAREVA e JUREVA que aplican o método de produción de ovos para coñecer a abundancia de xarda e xurelo, coordinadas no grupo de ICES ‘WGMEGS’. E cada verán collemos datos biolóxicos de bacalao, fletán negro e platuxa nas campañas no Gran Banco de Terranova e o Flemish Cap. Además participamos na avaliación do estado das poboacións de peixe sapo, abadexo e atún vermello atendendo aos grupos de traballo de ICES e ICCAT.