No futuro, eles, coma nós, tamén pensarán con morriña nos veráns da súa infancia, eses nos que o tempo prometía ser eterno. Se o pensamos, de seguida entendemos que algunhas das nosas aprendizaxes máis importantes adquirímolas durante estes meses de liberdade, ás veces de aburrimento, precisos para o noso desenvolvemento e grandes aliados da proactividade, a creatividade ou a curiosidade

As vacacións de verán deixan con diferencia a maior cantidade de horas de lecer de todo o curso; unha época na que moitas familias botan man dos campamentos para conciliar ao tempo que lles brindan novas vivencias aos pequenos, e que adoitan ser ademais días de maior goce compartido “todos xuntos”, nos que o crecemento vai implícito na ledicia, na diversión e na admiración polos maiores.  

Deste xeito, e mesmo sen saír da casa, a cociña pode converterse nun “máxico” xeito de ensinarlles a pensar, a preguntarse polos porqués e, de paso, aprender química ou matemáticas, ou xeografía, ou historia, tal e como conta Beatriz Malvido, convencida de que non só poden asimilarse novos conceptos e competencias pasándoo ben, senón que esa e unha das mellores formas de facelo. 

A lectura, pola súa banda, ten que chegar ao fogar con naturalidade e sen obrigas; e o verán representa unha magnífica oportunidade á hora de logralo. En palabras de Manolo Bragado: “Non hai mellor medida de fomento da lectura que o hábito enraizado na propia familia”.

Con todo, pode que a ferramenta máis importante que poidamos deixarlles sexa esa que, antes que calquera outra cousa, os fai persoas: a empatía.

Manolo bragado, mestre e editor en lingua galega ALBA VILLAR

“Nin un día sen ler”


Manolo Bragado

Mestre, editor e coordinador do club de lectura CEIP de Laredo


Non está de máis lembrar que o tempo de verán non debe empregarse, agás recomendacións explícitas dos docentes, para realizar actividades económicas, que se retomarán en setembro; e que non hai mellor medida de fomento da lectura ca adquisición deste hábito enraizado na propia familia. Ademais de elaborar un horario de verán, podemos visitar a biblioteca pública; reler algún dos títulos preferidos do curso ou de veráns pasados; ou actualizar todas as semanas o diario de lecturas do verán, onde se recollen as nosas opinións sobre o que lemos, onde facemos as nosas recomendacións lectoras que compartimos, primeiro coa familia, e se nos é posible coas amizades.

Beatriz Malvido, profesora de Matemáticas e Física e Química

Beatriz Malvido, profesora de Matemáticas e Física e Química Cedida

“Cociña, ciencia e praia”


Beatriz Malvido

Profesora de Matemáticas e ciencia no sagrada familia de aldán


Cocina máxica? Non! É Física e Química. Hai moitísimas cousas que se poden facer cos pequenos para que aprendan mentres o pasan ben: acercarlles ao coñecemento dos cambios de estado cun feito tan simple, pero que lles encanta, coma fundir xuntos chocolate ao baño maría; ou darlles a coñecer o proceso de fermentación a través dun pastel. O importante é xogar co misterio, sorprenderlles e deixar que se fagan preguntas para que aprendan a pensar. Nunha xeración máis sedentaria, todo o que implique actividades físicas e manipulativas será benvido: coñecer as plantas nunha excursión ou xogar a debuxar figuras simétricas na area da praia, onde tamén podemos facer secuencias xeométricas con cunchas e pedras ou gozar do tres en raia. 

Javier Pérez Aznar, psicólogo e coordinador do Programa TEI. FDV

A chave da empatía 


Javier Pérez Aznar

Psicólogo e coordinador do Programa TEI


A empatía está relacionada coas neuronas espello: permítennos poñernos no lugar do outro. Á hora de traballala en familia, e aproveitando que en verán pasamos máis tempo xuntos, o primeiro é a exemplaridade. Un papel no que podeimos ir un paso máis alá da propia empatía para implicarnos co compromiso e a acción: que fago eu cos meus fillos para que vexan como se senten os demais e, ademais, queiran facer algo para melloralo? Un paseo polo bosque recollendo lixo ou un encontro solidario poden ser algúns exemplos. Calquera actividade como o deporte permítenos tamén traballar a empatía a través da toma de conciencia do xeito no que nos relacionamos: cantas veces protesto? ou non paso a pelota? Na fase de volta a calma, podemos comentar as nosas impresións, valorar o espírito do xogo e xerar un compromiso de mellora e, de esa forma, tamén un cambio: mellorar coma deportista, pero tamén coma persoa, coma membro dun equipo, dunha familia.