A eles tamén lles pasa. O curso escolar representa “un esforzo mental sostido durante moitos meses” e, agora que chega a recta final, ás portas da época de exames, o cansazo de nenos e mozos empeza a deixarse sentir nas aulas. Unha tendencia xeneralizada entre o alumnado que pode afectar de forma máis acusada a quenes teñen Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Preguntamos á psicóloga Carla Teixeira como apoialos á hora de facer fronte a estas semanas. 

Parece estar na boca de todo o mundo, pero non todos entendemos as súas implicacións, que é o TDAH? 

É un trastorno do neurodesenvolvemento, e así está descrito, por déficit de atención e hiperactividade. Pode ter tres presentacións: unha por déficit de atención; outra hiperactiva e impulsiva; e unha terceira combinada. É importante saber que vai a afectar ás persoas ao longo de toda a súa vida, e en todo os ámbitos. 

Por que escoitamos falar del cada vez máis? Aumentou a súa incidencia ou é que, simplemente, lle prestamos máis atención?

Afortunadamente, cada vez estamos máis e mellor formados, o que implica que tamén máis atentos. Antes, tiñamos nenos e adolescentes con estes trastornos aos que se etiquetaba, con todo o dano implícito que hai nas etiquetas, de “vagos” ou “desastres”; agora, somos máis conscientes. 

Tamén os profesores galegos? 

Felizmente, si. Os propios docentes demandan formación neste área e Galicia conta desde 2014 co ‘Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia’. Todo isto fai que cada vez esteamos máis capacitados para a detección precoz e a intervención temperá. 

Como se detecta?

O déficit de atención é o tipo de presentación con máis dificultades para ser detectada porque son nenos que, habitualmente, non presentan comportamentos disruptivos. A nivel funcional, son persoas ás que hai que explicarlles moitas veces as cousas, traballan con maior lentitude, esquécense da axenda… 

O estrés e a ansiedade poden aumentar en épocas como esta, nas que se acerca a fin de curso? 

Un curso académico representa un esforzo mental sostido durante moitos meses; en maio, os nenos en xeral xa están cansos e os nenos con TDAH incluso máis. Si lles afecta. Por iso, ademais de adecuar as técnicas de estudo e as cuestións organizativas, cómpre traballar tamén a xestión das emocións. 

Que impacto teñen os exames na autoestima destes nenos e mozos? 

Nestes casos, moitas veces, o esforzo e a contrapartida (a nota obtida no exame) non se corresponden. Cando eles se dan conta ou empezan a compararse con outros compañeiros, pode chegar unha afectación da súa autoestima. 

Como podemos apoialos? 

Sempre recomendo valorar un montón o esforzo. É moi importante premiar o “telo intentado” porque a motivación é clave para estes nenos. O reforzo social: ‘Estou moi orgulloso do xeito en que preparaches este exame”, e tamén o reforzo con tempo de calidade en familia, por exemplo, son moi importantes e teñen que ser inmediatos porque un mes para eles é unha eternidade. Tamén podemos adiantarnos e regular as expectativas do propio neno e do seu entorno. 

Que hai das técnicas de estudo?

Na parte académica, aos nenos en xeral e aos nenos con trastorno do TDAH en particular, non é viable pedirlles que memoricen os contidos ao pé da letra e os plasmen tal cal nun exame. O ideal é explorar técnicas de estudo a nivel multisensorial e facer uso de recursos tipo mapa mental: a través de debuxos ou estudando con movemento. O tema dos descansos é moi importante. Non se pode estudar dúas ou tres horas seguidas, iso non o resiste ningún cerebro. A recomendación é descansar cinco minutos por cada vinte. 

Que pode facer, pola súa banda, o centro educativo? 

Aínda que poida parecer complicado, en realidade, todas estas cuestións contan con medidas de intervención que poden resultar relativamente fáciles de aplicar e que, ademais de por facer a adaptación do contido que corresponda, pasan por axustar tamén o formato con exames orais, valoración por traballos, etc. Todo isto xa o está a facer a comunidade docente. 

Cinco técnicas para o apoio ao estudo. SHUTTERSTOCK

Cinco técnicas para o apoio ao estudo

1.Flashcards e pósters. Son ferramentas de estudo moi cómodas e fáciles de facer. As flashcards, ou tarxetas, son sinxelas de transportar e vale de moito telas a man para facer exercicios ou estudar. Nalgún momento, incluso poden levalas á escola a modo de autoinstrucións.  

2.Gravacións. Se é xenial coa memoria auditiva e retén mellor o que lle din que o que le, pode gravar a alguén explicándolle a lección en voz alta, ou incluso a si mesmo. Este recurso permitiralle estudar cando ninguén máis estea con el, volvéndose moito máis autónomo. 

3.Mnemotecnia. As regras mnemotécnicas axúdannos a memorizar máis rápido e a rescatar mellor o aprendido. Na maioría dos casos, consisten na asociación e simplificación de contidos e conceptos. Un exemplo son os acrónimos. Por exemplo:SINÓNIMOS (PSM): Palabras que Significan o Mesmo. 

4.Encerado. Para manter a atención conectada cando toca ler, e poder facelo sen ter que estar sentado durante moito tempo, axuda escribir e facer anotacións nun encerado adhesivo na parede. Tras rematar e seguindo a orde, poden explicarlle a alguén (real ou imaxinario) a lección en voz alta. 

5.Roleplaying. Ademais, interpretar roles axúdalles a interiorizar mellor os conceptos, experimentándoos como propios e poñendo en práctica o roleplaying (situarse no lugar do outro, interpretándoo como un actor ou actriz). Con isto, mellorarán as súas técnicas de estudio, pero tamén a súa expresión oral. 

Prema aquí para acceder á guía de apoio o estudo da Fundación Ingada.